Inditex zarandea as nosas conciencias

A empresa neocolonial Inditex (coñecida polas súas marcas Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, etc.) acaba de presentar os resultados do exercicio 2014: beneficio de 2.501 millóns de euros. Ao momento, saíu á palestra unha lexión de escudeiros, dispostos a eloxiar e poñer nos cornos da lúa o modelo de xestión e a xestión modélica da gran multinacional española e galega, que ten de española e galega o que este cronista de esquimal.

Por Valentin Carrera | Compostela | 23/03/2015

Comparte esta noticia
A información oficial flúe os seus chorros de ouro como un Niágara incontinente, pero outra realidade distinta, unha choiva fina e porosa, cóase no relato papanatas e interpélanos como cidadáns. ¿De verdade é Zara o modelo social que desexamos, o exemplo a estudar nas escolas de Empresariais e nas facultades de Económicas? ¿De verdade pensamos, como sociedade, que Zara é progreso, e fornece ás nosas vidas felicidade, benestar, solidariedade, e os sentimentos e accións que nos fan ser mellores persoas?.
 
Supoño que é pedirlle demasiado a unha empresa de ropiña barata para quinceañeiros, e mamás e papás ansiosos de vestirse como adolescentes. Eses 2.501 millóns de beneficios de Inditex teñen máis dunha explicación e, si non creemos nos milagres, estamos obrigados a parar e pensar: ¿onde está o truco de Zara?.
 
Fronte ao Niágara do seu éxito en «Rebajas», unha simple indagación achega unha catarata de denuncias sobre as que Inditex cala, cala e cala, tal foi sempre a súa política de ocultismo e nula transparencia: “Zara rexistrada por suposta explotación laboral en Arxentina”, El Mundo. “Unha empresa contratada por Zara usa a nenos para coser os zapatos”, segundo un semanario portugués. “Inditex, fóra da lista das mellores empresas para traballar en España en 2013”, Vox Populi. “Inditex aprovéitase da lei para librarse de pagar 900 millóns de impostos en España”, El Confidencial. “Teares nas mazmorras. El País accede ao primeiro eslavón da industria téxtil de Bangladesh, lúgubres fábricas de teas con terribles condicións laborais”. “Zara, acusada de explotación en Arxentina”, El Mundo. “#BoikotInditex pon en marcha unha campaña contra Inditex por "escravizar mulleres e nenos”, Galicia Confidencial. “A empresa española Zara destaca por ser a única en cuxas pezas se detectan sustancias que poden converterse en canceríxenas” Informe Greenpeace, etc. etc.
 
É posible que todo sexan mentiras e que a marca adorada polas nosas fillas e fillos deba ser canonizada polo Vaticano: Santa Zara; pero ninguén resposta a tantas preguntas: ¿respecta Zara o comercio xusto e os dereitos humanos xa sexa en Arteixo, na India ou en Marrocos (onde a este xornalista prohibíuselle entrar nas súas fábricas)? ¿Onde paga os seus impostos tan patriótica empresa, #abandeirar da Marca España? ¿Por que ten Inditex filiais en sete paraísos fiscais? ¿Por que o señor Ortega, que encabeza a lista Forbes de hipermillonarios, búrlase de todos nós cunha SICAV e paga impostos a un tipo do 9% canto os demais pagamos o triplo? ¿Por que o Tribunal Supremo tardou máis de dez anos en impoñer a Ortega unha multa de 33 millóns de euros? ¿Quen e como se compra o silencio dalgúns medios de comunicación, sindicatos, ou inspectores de traballo e facenda, que nin están nin se lles agarda?.
 
Inditex gaña moito porque, ademais das súas virtudes como empresa, xoga con vantaxe e con privilexios; porque non xoga limpo coa sociedade: ten un exército de avogados e auditores para eludir as súas responsabilidades fiscais e laborais, diseminadas por todo o mundo en paraísos fiscais e infernos clandestinos.
 
Zara non é unha empresa transparente e, desde logo, non é unha empresa modélica en respecto aos dereitos humanos. Prefiro unha sociedade menos globalizada, menos ocupada en gañar cartos, con menos multinacionais escravistas e máis talleres de artesanía a escala humana. ¡O éxito, o beneficio, 2.501 millóns máis ao peto… a costa do traballo infantil e do trato degradante son un fracaso! Deberiamos remover as nosas conciencias e, de paso, limpar o noso armario. @ValentinCarrera
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].