A toupa

Sr. Don Pablo Iglesias Querido amigo: Chegou o momento da xenerosidade, de recoñecer a cada cal o mérito que lle corresponde. O envorco histórico do noso país cara á esquerda ten moitos factores que xa foron analizados aquí e alá (a corrupción, a indignación, a vitalidade popular, etc.) e ten numerosos protagonistas, xa sexan individuais (Ada Colau, Carmena, Mónica Oltra, Xulio Ferreiro, Martiño Noriega), pero sobre todo colectivos: mareas, asembleas, plataformas, soviets. Todos eles, e especialmente elas, comparten a responsabilidade deste tsunami político de longo alcance.

Por Valentin Carrera | Compostela | 29/05/2015

Comparte esta noticia
Pero, sen menoscabo do mérito popular e colectivo, observo que ocultan deliberadamente ao verdadeiro forxador do triunfo podemita, á persoa á que de verdade deben vostede e Podemos o seu triunfo irrevogable: refírome a toupa de Podemos na Moncloa.
 
Traballou moi discretamente, na sombra, calado, con fuxidizas ausencias, apenas enturbadas por distraídas aparicións en plasma, pero, recoñézao, señor Iglesias, traballou con gran eficacia. Alí por onde ía, deixoulles un regueiro de asaltos ao ceo que vostedes non soñaran nin na mellor das súas fantasías erótico-monclovitas.
 
Unhas cantas visitas a Valencia, proclamando a Rita Barberá como o seu modelo e exemplo (“La mejor”, proclamou, hai que telos cadrados), bastaron para afundir o corroído barco pirata do PP valenciano: un par de mitins de perfil soaron como canonazos na sentina onde Camps e Rus contan billetes, e un cheiro a merda invadiu toda a cuberta.
 
Acudiu non unha, senón media ducia de veces a Castilla-La Mancha e os muíños de vento de Cospedal tolearon ao ritmo rapero de Monago, outra cabeza que Él, a toupa de Podemos, serviulles en bandexa.
 
En Madrid fixo un traballo espléndido poñendo as reliquias de Esperanza Aguirre, como unha nova Santa Teresa no seu V centenario, á fronte do convento. Sen quitar un gramo de mérito á extraordinaria alcaldesa que será Manuela Carmena e ao seu equipo, o seu perfil educado e sosegado xamais atoparían tanto oco sen a campaña entregada e frenética que lles regalou Esperanza Aguirre, grazas todo iso á visión profética da toupa de Podemos na Moncloa. Recoñéceo dunha vez, Pablo: foi el quen vos regalou a alcaldía de Madrid.
 
En Galicia foi máis sutil: encargou o traballo sucio a Feijóo, ese líder emerxente, que nun plis-plas merendouse as alcaldías da Coruña, Ferrol e Santiago e tres deputacións, entregándoas ás mareas prosoviéticas. ¡Que gran traballo, que modelo de voluntariado social na sombra!: a toupa da Moncloa como arma de destrución masiva do PP. Nin sequera Floriano ou Rafael Hernando poderían facelo mellor.
 
Señor Iglesias, repita comigo: “Temos unha toupa na Moncloa”, mais non desvele o seu nome, aínda lle queda moito traballo por facer ata novembro. Cóideno, déanlle agarimos, protexan ao seu espía, ao seu Facedor. Sen a súa valiosa axuda xamais conseguirán a vitoria popular nas próximas eleccións xerais que, modestamente, prognostico e desexo. @ValentinCarrera
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].