GC Aberto

Reflexionando sobre os pellets

Un artigo de Anxo Mena, Licenciado en Ciencias do Mar e Doutor pola Universidade de Vigo, ademais de Investigador especializado en Xeoloxía Mariña e Paleoceanografía.

Por admin | A Coruña | 16/01/2024

Comparte esta noticia

REFLEXIÓN ANTES DE FALAR DOS PELLETS

Un voluntario mostra varios pellets na palma da súa man na praia da Area
Un voluntario mostra varios pellets na palma da súa man na praia da Area | Fonte: Europa Press

O mantra escoitado e repetido de que coñecemos máis da superficie marciana que do fondo do océano non ten porque ser exactamente verdade, pero o caso é que poida que lle prestemos máis atención a esta superficie extraterrestre que á totalidade da columna de auga e ao fondo dos mares e dos océanos. Océanos que en realidade son só un, un océano único interconectado e en constante trasego. Se facemos a diagnose para estes síntomas, o mal ben podería vir a chamarse o “pasotismo profundo”, e a verdade é que, pensándoo en detalle, podería ser aplicable a moitos máis campos.

Este “pasotismo profundo”, ponse en evidencia nun tema de actualidade e de repercusión global como é o problema do lixo mariño, que cada vez está a saír máis nos media e nas redes sociais como un feito, sen entrar a valorar en detalle nin en “profundidade” as súas consecuencias e a súa causa última, que como se pode intuír, non é outra que o noso modelo de consumo e o noso estilo de vida.

En relación ao tema do lixo mariño non hai quen non escoitase falar das illas de plástico no centro dos xiros oceánicos. Estas, sen ser illas, serían espazos con maior ou menor concentración de lixo, maioritariamente plástico, situados en zonas de pouca mobilidade de auga superficial e que sen dúbida, ao igual que outros vertedoiros “naturais”, constitúen un dos horrores (un dos moitos) que a sociedade de consumo e o capitalismo nos regala. Tamén somos moi conscientes, e agora máis, doutros moitos exemplos de lixo mariño, como as crebas antrópicas que inundan marea a marea as nosas praias e litoral en xeral.

As preguntas que me veñen á cabeza e que me gustaría compartir sobre o lixo mariño poderían ser: que hai debaixo desa illa superficial? de onde veñen moitas das crebas que chegan ao litoral? Por que nos sentimos tan identificados con todo o que comprende esa interfase que separa a sección fluída e gasosa do noso planeta e non pasa o mesmo co fondo do océano?

Arquivo. Pellets de plástico na praia de Sabón, a 9 de xaneiro de 2024, na Coruña. Gustavo da Paz - Europa Press - Arquivo
Arquivo. Pellets de plástico na praia de Sabón, a 9 de xaneiro de 2024, na Coruña. Gustavo da Paz - Europa Press - Arquivo

Deixando de lado o lixo mariño das nosas praias do que poderemos falar máis adiante, e centrándonos no océano aberto, está claro que o concepto de proximidade é o garante do apego aos ambientes, pero a realidade é que, ben sendo orixe ou destino do lixo que xeramos, o océano profundo serve de lugar onde acumular desperdicios sen preocuparse alén das achegas á conciencia e a propia xeración do lixo. As profundidades son ese espazo de almacenaxe que vale para acumular obxectos físicos que se perden na memoria.

Nas veces que se pode observar directamente o fondo do océano a través de cámaras, ou ben a través de metodoloxía indirecta, como arrastres ou mostraxes, sempre hai unha constante nos datos, a presenza de lixo, incluso en zonas do océano relativamente lonxe da influencia continental e costeira e, polo tanto, fóra da acción directa dos vertidos urbanos litorais ou dos vertidos directos dende os ríos. É desacougante ver como entre os sedimentos mariños depositados e distribuídos a través da propia decantación ou doutro tipo de procesos sedimentarios, como as correntes de turbidez ou as correntes mariñas profundas, sempre aparece algún tipo de residuo de orixe humana, lixo.

Cando se fala das illas de plástico dos océanos, hai que lembrar que non todo o plástico flota, e o que flota, non flota sempre. As incrustacións, o deterioro e outros procesos, provocan que o plástico acabe afundindo e sendo incorporado aos sedimentos mariños como parte do fondo oceánico. O reflexo profundo desas illas de plástico, e en xeral de todos os fondos oceánicos, serían extensos campos de residuos deitados no sedimento alén do alcance visual, e tamén todos os plásticos de diferentes tamaños que se atopan aínda en pleno afundimento ou flotando á deriva entre augas.

As incrustacións, o deterioro e outros procesos, provocan que o plástico acabe afundindo e sendo incorporado aos sedimentos mariños como parte do fondo oceánico

Que non o vexamos, o lixo, non significa que non estea alí, no mar, igual que todo o lixo que flota e o que vai e vén coas ondas e as mareas para acabar na superficie da area, soterrado nas praias, atrapado nas rochas ou enleado entre a vexetación litoral. Estar está, alí, no pañol grande, no mar, que non é outra cousa que o vertedoiro máis grande que existe.

Unha vez expostas estas cuestións, énchenseme os ollos de pellets, da súa chegada ás costas galegas despois de teren sido deitados ao mar coa impunidade propia de quen leva facendo este tipo de accións toda a vida e non reflexiona nin recapacita sobre as súas consecuencias. Un problema máis, un problema máis entre os moitos problemas que experimenta o litoral relacionados con lixo mariño, co lixo de orixe humana que dun ou doutro xeito chega ao mar e que neste caso volve a interaccionar con nós a través da súa chegada ás praias.

REFLEXIÓN, TAMÉN SOBRE OS PELLETS

Camiñando pola praia de Barra en calquera momento do ano, e isto é extensible a moitas praias máis (sobre todo das Rías Baixas), podes tropezarte, ou mellor dito, tropezaraste, con multitude de refugallos só seguindo o camiño. Ao longo da ribeira atoparás, sobre todo, plástico en diversas formas e cores, e pola súa cantidade destacarán os paus. Paus de plástico usados nas bateas para aliviar o peso dos mexillóns ao longo da corda.

Como recreación lúdica para crianzas, sen esforzo, podes construír, chantándoos na area, un balado a modo de forte, cumprido e con espazo para aloxar a unha tribo abondosa de guerreiros refuxiados que poderían estar representados por outros paus de plástico, estes procedentes dos utensilios de algodón que se utilizan para hixienizar os nosos oídos. Non sería estraño tamén que puidésemos poñer dentro do forte un acubillo en forma de casa para que a resistencia puidese descansar durante a noite, usando un dos moitos “cacharros”, vasillas de plástico que se usan para capturar o polbo e que están prohibidos no litoral galego.

Esta recreación lúdica pódese repetir día a día, na mesma praia, aínda que ao rematar este xogo se cumpra a finalidade do mesmo, que non é outra que levar todos estes refugallos cara un colector, xunto con outro moito lixo que forma parte das crebas.

Estes residuos de plástico, de proximidade, km0, como os das bateas ou os das nosas casas, comparten espazo con lixo que chega dende un océano máis afastado. Por exemplo, collendo un caso concreto, se andamos co ollo fino, xa que non son tan abundantes, algunhas veces poderemos distinguir unha especie de bridas de cores, como pulseiras, que teñen unha numeración facilmente identificable e que proceden das nasas que os mariñeiros de Maine e outros estados da costa este de Norte América usan para o lumbrigante. Lixo que, movido polas correntes oceánicas, chega dende a outra beira do Atlántico.

Tamén, antes dos pellets deste último vertido procedente do buque Toconao, non era raro atopar boliñas de plástico, minitubos e outros residuos, moitas veces procedentes de filtros, e tamén boliñas que se comercializan e usan, ao igual que estes pellets que nos ocupan, como materia prima procesada para fabricar outros obxectos de plástico. Non podemos obviar tampouco as fibras e microfibras, tamén de plástico, maioritariamente pouco visibles a ollo, que proceden das nosas roupas e das augas residuais das lavadoras domésticas. Estas fibras, segundo os últimos estudos, están presentes en maior ou menor concentración tanto nos ambientes mariños como nos seres vivos integrantes das cadeas tróficas que alí residen ou co que teñen contacto.

O problema do lixo mariño no litoral, ben sexa nas praias de area, de coídos ou na costa de cantil ou rochosa, é maiúsculo dende hai ben tempo e, dende a miña opinión, pouca é a atención que se lle dá ou que se lle daba.

Agora o problema colle dimensión porque nos atopamos ante un desastre enorme, coa vertedura dunha grande cantidade de pellets nun momento puntual, é dicir, que acada concentracións grandes nun curto período de tempo. Pellets que chegaron e que a ben seguro van a seguir chegando á costa galega e a outras costas peninsulares xunto con outro moito lixo e que, debido a esta concentración repentina, xa sexa só pola súa presenza ou tamén polas substancias que traian asociadas, poderían ter un maior impacto que o lixo que xa está presente no litoral, en moita maior cantidade. A medida que pase o tempo, estes novos integrantes do lixo mariño litoral van ser difíciles de diferenciar do que xa estaba e, deste xeito, non seremos conscientes e non será doado diferenciar os efectos deste vertido con respecto ao lixo que xa había, polo que non se debería de perder a oportunidade de comezar dunha vez por todas cun estudo integral do litoral galego, tamén do lixo.

O problema do lixo mariño no litoral, ben sexa nas praias de area, de coídos ou na costa de cantil ou rochosa, é maiúsculo dende hai ben tempo e, dende a miña opinión, pouca é a atención que se lle dá ou que se lle daba.

De todos os xeitos, por desgraza, os que vaiamos ás praias a limpar estes pellets, que co paso do tempo se irán acomodando e soterrando entre a area e distribuíndose por todos os recunchos da costa dificultando así a súa extracción masiva, imos ter a oportunidade de non recoller só este tipo de materiais. Aparte disto, e seguindo sempre as recomendacións que o persoal cualificado dea ao respecto e cumprindo co respecto ambiental que o litoral merece, poderemos apañar quilogramos e quilogramos de moitos outros residuos, previos e posteriores á chegada destes pellets do Toconao.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta