Non me chames estranxeiro

Inicio a quinta tempada de Tornarratos, blog de análise política desde a periferia, co propósito de ser máis analítico e menos adxectivo. Un dos moitos males do xornalismo actual –no que excelentes artigos afóganse nun magma de bazofia e sucesos sanguentos elevados ao altar do telediario- é prodigar adxectivos, sobre todo descalificativos. Unha descualificación non é un argumento.

Por Valentin Carrera | Compostela | 12/09/2015

Comparte esta noticia

Aparte da frivolidade sanguenta do ministro energúmeno (este segundo adxectivo tampouco é un insulto, senón outra descrición), ata o Papa Francisco, o seu presunto líder espiritual, emendoulle a plana pedindo que cada parroquia e convento acolla unha familia de refuxiados. Como en España hai 23.071 parroquias e 865 mosteiros, seguindo a recomendación do Papa, España pode acoller por esta vía 24.000 familias sirias hoxe mesmo. Sen contar cos miles de cidadáns de toda Europa que estamos ofrecendo as nosas casas a través de concellos e ONGs.

Pero, como recordouAntón Losada, non é cuestión de solidariedade senón de cumprir a lei: esa lei sagrada que o Goberno Rajoy só invoca para atizar aos cataláns. A lei de memoria histórica, a lei de dependencia, as sentenzas de Estrasburgo sobre cláusulas hipotecarias abusivas e os convenios internacionais sobre dereitos humanos, pásanllos polo forro, expresión non moi académica, pero sabemos do que estamos a falar.

As chamadas «crises humanitarias» non xorden espontaneamente. As armas non caen do ceo, en palabras de Paulo Pinheiro, responsable da Comisión de Investigación da ONU sobre Siria. Primeiro bombardeamos os seus países, destruímos as súas casas e escolas, sementamos de odio e sal os seus campos, saqueamos os seus pozos de petróleo e armámoslles ata os dentes [España, 7º exportador mundial, xunto cos “demócratas” de Estados Unidos, Rusia, Inglaterra, Francia e Alemania]. Logo, cando se produce a catástrofe, os mesmos gobernantes hipócritas levan as mans á cabeza, pobres sirios, que mal o están pasando: Galicia pode acoller 300 si España o necesita, dixo Feijóo, presidente da Xunta, para vergonza nosa.

Os gobernos que venden armas, incluído o español, son gobernos xenocidas e só unha moratoria global, armamento cero, pode parar esta tolemia. Gustaríame ver no programa de Podemos, de IU, do PSOE e de toda a oposición, entre as medidas dos cen primeiros días, a prohibición da industria militar.

Ademais de cumprir a lei e os tratados internacionais, dun elemental respecto aos dereitos humanos e da caridade invocada polo Papa, creo de verdade que España e Europa -a putrefacta e decrépita Europa merkeliana, a avellentada, colonizadora e avariciosa Europa dos mercadores- serían mellores incorporando ao noso torrente sanguíneo aos douscentos mil sirios errantes e a dez millóns de subsaharianos famentos.

Lonxe de ser un problema, incorporalos á nosa convivencia pacificamente, gozosamente, será unha gran riqueza humana e económica. Para un país con nove millóns de xubilados, e subindo (35% da poboación en poucos anos), os inmigrantes son de primeira necesidade demográfica e social, como as familias filipinas ou ecuatorianas que coidan con tanto agarimo dos nosos maiores. Eses profesionais e científicos expulsados de Siria son o mesmo fermento que miles de republicanos españois exiliados a Francia e México en 1939. A inmigración e o mestizaxe foron historicamente un factor de desenvolvemento e progreso. Non pode ser doutro xeito: a dignidade humana é previa a fronteiras e pasaportes. O Outro, como dicía Kapucinsky, é o noso irmán. “Non me chames estranxeiro”, cantaba Alberto Cortez.

Señor Ministro fanático: non dispoño do poderío económico da Igrexa para recibir a 24.000 familias sirias, pero envíolle a miña dirección. Podo e quero acoller en casa a unha familia siria, na medida dos meus modestos recursos. Como vostede é xordo, tramitarei o meu ofrecemento a través de ACNUR e do meu concello. @ValentinCarrera

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].