O malo leite de Feijóo

Como diría o xenófobo Albiol, “acabouse a festa, señor Feijóo”. Levan vostedes máis de trinta anos perdidos co sector lácteo galego. Fai exactamente vintecinco anos, en setembro de 1990, unha tractorada detivo a rodaxe da serie de TVG “Os Viaxeiros da Luz” á entrada de Santa Comba: pasaron cinco lustros e as cousas, lonxe de mellorar, foron a peor e, aínda que onte no Parlamento Feijóo aludiu unha vez máis á herdanza do bipartito, destes vinte e cinco anos, vinte e un foron baixo a férula do PP, e os últimos dez anos baixo a batuta directa de Feijóo.

Por Valentin Carrera | Compostela | 17/09/2015

Comparte esta noticia
O triste, o vergonzoso, o indignante é que estamos falando de céntimos, de esmolas. Que si a industria sobe ou baixa aos leiteiros galegos un céntimo. Esa mesquindade da a medida da consideración que os gandeiros galegos merecen ao Presidente da Xunta e á Ministra de Agricultura, que defenden ao alimón un acordo insultante.
 
Tal documento –colgado na web do Ministerio ou MAGRAMA–, de data 10 de setembro, son tres páxinas de vaguidades retóricas sen unha soa medida concreta. Como non ordena nin dispón nada, debe lerse como unha radiografía das carencias do sector (todo o que o documento pide, promove -dez veces sae o verbo “promover”- e promete son carencias).
 
Así, posto que se piden (insisto pídense, non se acordan nin existen) “medidas concretas que impidan o uso do leite como reclamo”, o propio documento denuncia a pasividade do Ministerio ante esta práctica habitual. Tamén falta un “comité consultivo, a identificación da orixe do leite en folletos promocionais, publicidade, cartelería, así como no propio lineal; aplicar contratos, prezos e volumes que contribúan á sostenibilidade das explotacións; un contrato tipo de compravenda do leite, un sistema de arbitraxe independente, a identificación da orixe do leite líquido, a fusión efectiva de cooperativas, a organización de produtores, regular o papel dos primeiros compradores ao obxecto de evitar prácticas que poñan en risco a sostenibilidade das explotacións, un estudo serio da cadea de valor do leite líquido”. É dicir: está todo por facer. Iso é o que se desprende da lectura do que a ministra Tejerina e Feijóo defenden como “un bo acordo” para o sector. Un rosario de boas intencións con doce enunciados retóricos detrás de cada cal escóndese unha carencia estrutural grave, que arrastra 25 anos de atraso.
 
O portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, fixo este mércores unha intervención seria e correcta, honesta, como acostuma, denunciando as mentiras sobre o exceso de oferta (“no Estado español non hai exceso: prodúcense 6 millón e medio de toneladas e consúmense 9”) e as prácticas extorsionistas da industria e a distribución. Non se merecía a réplica zarrapastrosa do presidente Feijóo –que se cre Espartaco baixando á area–, facendo a gracieta de “non compre vostede leite low cost”. 
 
Unha falta de seriedade e de sensibilidade por parte de Feijóo, pero algo aínda máis grave: nunca o seu goberno denunciou o dumping, a concertación ilegal de prezos nin as cláusulas abusivas. ¡Poña vostede a traballar aos servizos xurídicos da Xunta e presente mañá mesmo ante a Fiscalía as denuncias correspondentes na máis elemental defensa do sector lácteo galego! @ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].