A lexislatura de Rueda, cando Altri pode dinamitar os pactos dun presidente

Altri, a gratuidade da AP-9 ou a transferencia de competencias monopolizan a parte final dunha sesión de investidura na que todos os líderes políticos ofreceron pactos pero sen acordos. Rueda asume o cargo co obxectivo de servir "aos que o votaron e aos que non". Pontón e Besteiro pídenlle que non caia nos erros pasados de gobernar sen escoitar, "como Feijóo".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/04/2024 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

"Quero facer este camiño xuntos con humildade, con firmeza e por Galicia". Así rematou Alfonso Rueda un dos debates de investidura máis breves, menos virulentos e, quizais, máis aburrido que se lembran no Parlamento de Galicia. Sae elixido presidente ofrecendo diálogo e consenso aos grupos da oposición pero sen aceptar, cando menos por agora, ningún dos pactos que o BNG ou o PSdeG lle ofreceron durante a sesión, catro os nacionalistas e cinco os socialistas. Tamén ten unha patata moi quente entre as mans, Altri.

Rueda e unha das súas caras ante as acusacións da oposición na segunda sesión do debate de investidura
Rueda e unha das súas caras ante as acusacións da oposición na segunda sesión do debate de investidura | Fonte: EFE - Lavandeira Jr.

O sexto presidente de Galicia inicia a XII lexislatura apelando ao resultado electoral, aos seus 40 deputados, para tentar gobernar ao seu xeito e co seu programa pero sen excluir falar co resto dos grupos.  "Espero que se dean conta de que, despois do veredicto electoral, o que toca é remar todos xuntos", sentenciou na quenda de resposta aos grupos da oposición.

Pero, polo momento, socialistas e nacionalistas están lonxe de "remar xuntos" co PP, polo menos en cuestións fundamentais como son a sanidade, as políticas sociais, a vivenda ou os proxectos industriais. Se algo quedou claro nesta sesión de investidura é que o BNG e o PSdeG non cederán en posturas que levan mantendo nos últimos 16 anos nestas cuestións que, obviamente, o PP non cambiará. 

LIÑAS VERMELLAS

Entre estas liñas vermeñas que semellan insalvables entre o PP e a oposición están a sanidade, a vivenda ou a política enerxética. Nestes tres puntos coincidiron os pactos ofrecidos por Besteiro e Pontón a Rueda. A líder do Bloque tamén apuntou un cuarto pacto pola rexeneración democrática da política galega, mentres que o líder do PSdeG sumou un cuarto e un quinto pacto pola lingua e por un gran acordo local.

"Eu fixen propostas claras e teremos tempo de facer acordos, algo que eu considero o máis importante", respondeu Rueda a estas ofertas de pacto non sen antes atacar á líder nacionalista por poñer en dúbida a súa contundente vitoria nas urnas. "Eu respecto aos votantes de todos os partidos e pídolle que faga o mesmo. Iso é de primeiro de democracia", espetoulle.

E neste xogo do gato e do rato, PPdeG, BNG e PSdeG xogaron ao despiste por ver que acordo podía saír adiante. Rueda fixo un chamado a ir da man "todos xuntos desde o luns" para reclamar a gratuidade da AP-9, mentres que Besteiro e Pontón insistiron en que Rueda loite por máis competencias para Galicia ou modifique o seu proxecto industrial, especialmente, o que ten que ver cos eólicos e Altri.

ALTRI

De feito, o proxecto de Altri en Galicia marca o inicio dunha lexislatura que semella que pode deixar o diálogo e o consenso en palabras baleiras. A megacelulosa que esta empresa quere construír en Palas de Rei enfronta radicalmente o modelo industrial que ten o novo presidente da Xunta e os líderes da oposición.

Rueda aprobará este proxecto se os técnicos da Xunta consideran que é viable. "Se se pode facer, faremolo", repetiu en varias ocasións. De feito, o presidente da Xunta está convencido en que Galicia necesita este tipo de proxectos para medrar no económico e no industrial. É tal o seu convencemento que anunciou a creación dunha Oficina Económica que vai depender directamente del. "Para que? Para coordinar todos os proxectos estratéxicos, miralos en tempo real e con lupa, de forma absolutamente coordinada e para que non se perda unha soa oportunidade", alegou.

Pero para a oposición, a aprobación da factoría de Altri marcaría o primeiro gran choque desta lexislatura e precipitaría, probablemente, un camiño de non retorno en canto a grandes pactos e consensos. Precisamente, Pontón e Besteiro insistiron en que se explique ben o que se quere facer e as consecuencias sociais, laborais e ambientais que terá a aprobación deste proxecto.

O líder socialista  puxo en dúbidas os postos de traballo que creará, "falaban de 2.500 e agora semella que serán menos de 500", dixo, ao tempo que alertou do seu impacto ambiental. Un impacto ambiental, tanto no río Ulla como na comarca da Ulloa e da Arousa --onde desemboca este río-- que para o Bloque é unha "bomba en potencia".

A POLÍTICA DA "ARTILLERÍA"

E foi entón cando o PP sacou de artillería. Desa artillería tan común en Madrid, de fotos, notas de prensa e proclamas para invalidar os argumentos dos adversarios cun ton e unhas palabras cuasi bélicas. O encargado de facelo foi o portavoz popular, Alberto Pazos, que semella que pode ter na Cámara galega o papel de "artilleiro" semellante ao que ten Miguel Tellado con Feijóo o Madrid. 

Se iso é así e pode máis esta visión "guerrilleira" da política parlamentaria, os pactos, os consensos e a chamada a acordos fundamentais para Galicia dos que falaron Rueda, Pontón e Besteiro quedarán en borralla. Queda por ver se esta lexislatura, a lexislatura do Rueda que apela ao diálogo non acaba converténdose nesa de trincheiras que se practicaron nas lexislaturas recorrentes de Feijóo en Galicia e que continúan co líder do PP en Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta