Feijóo trunfa na última edición de «Cámbiame»

O presidente da Xunta de Galicia pasou polo salón de beleza de Cámbiame, ese programa Erasmus de Tele 5, e fíxose un “completo”: lifting, depilación brasileira á cera, manicura e maquillaxe, para afrontar as dúas campañas electorais, “deixando atrás o seu pasado” e realzando o seu natural atractivo varonil. Vexamos en que consistiu o seu tratamento en tres tempos: pasado, presente e futuro.

Por Valentin Carrera | Compostela | 05/10/2015

Comparte esta noticia
Cera quente en Sanidade: en primeiro lugar, había que limpar as graxas e a sucidade do verán, acumuladas sobre todo en Sanidade, nese matojo de pelo asilvestrado que lle estaba saíndo no novo hospital de Vigo: douscentos mil peliños en salva sexa a parte obrigan a rascarse moito. Un sen vivir, espoleado polo alcalde Bonaparte e por unha conselleira que pasará aos anais como a peor xestora da historieta de Galicia. Un lastre que Feijóo acaba de depilarse con cera quente, deixando un bigotiño brasileiro que debuxa a cara do Alcalde de Baiona.
 
Lifting: a crise láctea –aínda non resolta, nin de lonxe- deixou ao espido unha Consellería trolebús ineficiente e unha conselleira desbordada, allea á Galicia rural, todo iso froito de anteriores e sabias decisións do propio Feijoo, como é obvio. Partimos o neno en dous, como Salomón (Pesca e Rural, como debeu ser sempre), e rectificamos sen rectificar porque o Xefe nunca se equivoca nin se acatarra nin ten caspa. É o que se chama “facer un Rajoy”. Todo iso pertence xa ao pasado remoto e, como todo vai tan rápido, falar da estupefaciente Mosquera é o Paleolítico. “Outro éxito da Administración Recio”, outra momia ao faiado, como os exconselleiros Agustín Hernández e Elena Muñoz, estrelados por Feijóo contra as rochas.
Vaiamos ao presente: de tanto apagar incendios independentistas en Cataluña, render vasalaxe feudal en Soutomaior e afogar Patos en Vigo, o presidente Feijóo tiña as uñas sucias, necesitadas dunha boa manicura: pasou a lima por un par de técnicos obedientes e púxose uñas de porcelana municipalista, curtidas nas batallas locais de Baiona e Arzúa: nada de técnicos de segunda fila: espolóns políticos para a dura pelexa en marcha. Onde antes folgaban as xemas do mecanógrafo de Romay, agora locen as falanxes metálicas de Eduardo Manostijeras.
 
En canto ao futuro, o que Feijóo necesitaba era un bo maquillaxe: deixar de parecerse a si mesmo e mostrarse como un alcalde novo e simpático. É a chamada Operación Mecano: “Sombra aquí, sombra alá, maquíllate, maquíllate”. ¿José Manuel Rei for president? O futuro está por escribir: de momento puxéronlle piso e soldo.
 
Todos os analistas coinciden en que o 20-D pinta mal en Madrid para o PP, e Feijóo non fará unha mudanza ao bordo do precipicio, co que quentiño que está en Monte Pío. “Cun bo maquillaxe podemos resistir outros catro anos”, ata que escampe, ou ata que aparezan as primeiras gretas e engurras nesa careta de cartón-pedra chamada «Consellería de Política Social», coma se o resto das políticas da Xunta fosen asociais ou antisociais…
En fin, Pilarín: grazas a Tele 5 por salvarnos unha vez máis. Este programa electoral, Cámbiame, é milagreiro: entra Feijóo e sae George Clooney. ¡Boas noites e boa sorte! @ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].