Maceros e mamporreros patrióticos

¡Que bonito é o castelán patrio: maceros, ballesteros e mamporreros! ¡Que oficios tan medievais e tan útiles ao noso século XXI! Agora que aumenta o paro xuvenil –nunca cesou a seca pertinaz diga o que diga don Rajoy–, agardo que o Senado emende os orzamentos do Estado convocando oposicións masivas a maceros, ballesteros e mamporreros.

Por Valentin Carrera | Compostela | 14/10/2015

Comparte esta noticia
Non lles vou a falar do Día do Pilar, Día da Raza, Día da Hispanidade, Día da Garda Civil ou da Masacre e o Xenocidio. A miña opinión é a do pai Bartolomeu das Casas e Ada Colau. Invítolles a ler “A conquista de América. Unha revisión crítica”, de Antonio Espino López (RBA, 2013) e despois falamos. Mentres, deixemos aos mamporreros da patria, coidando de Arriero e Villano, os sementais de Hernán Cortés e Pizarro. Non estamos para conquistas. Nada que celebrar.
 
Nada que mereza tantos fastos, tantos maceros e ballesteros á vella usanza medieval. Pregúntome canto nos custan cada ano os miles de actos protocolarios, desfiles, emblemas, estandartes, cintas inaugurais, viños españois (e tamén galegos) e canapés patrióticos, canto nos custan en marabedís e en euros contantes e soantes. ¿Onde a austeridade? ¿Onde os recortes?
 
O de menos son os 800.000€ que custou onte o desfile da Vitoria; estarían moito mellor gastados en investigación: ata a Súa Maxestade Filipe VI o demandou fai poucos días, como auga de Valencia. Detrás deses 800.000€ malgastados, improdutivos, estériles, e detrás de todos os demais actos viejunos que a consolidada Casta da Transición malgasta por aquí e por acolá, están outros millóns de marabedís e euros tirados niso que os economistas chaman “custes ocultos”.
 
Oitocentos mil euros custan o fume rojigualda de bandeira nacional debuxada no ceo, a capa marroquí dos Regulares de Melilla e o aguinaldo dos lexionarios, incluído o almorzo de Pablo, a cabra da Lexión, que vaia rebumbio teríamos si, no canto de Pablo, se chama Mariano. ¡Moi enxeñoso Millán Astray!
 
Pero, ¿canto nos custan as viaxes, choferes, estancias, escoltas, seguridade, dietas, refrixerios, cornetas, xastres, floristas, puticlubs e demais gastos de todos e cada un dos que asisten a todos estes fastos con cargo ao orzamento público? Só para vestiario de Cristina Cifuentes necesitamos un potosí. ¿E canto nos custan as horas parvas, improdutivas, as antesalas, os rendezvous e os pasos perdidos nos salóns imperiais? ¿De verdade votamos, contratamos e pagamos aos representantes políticos para estes mesteres? Eu non, desde logo.
 
Non hai razón para ningunha destas merendiñas con diñeiro público, tan necesario, tan urxente para comer e estudar millóns de necesitados, para quentar pícaros ateridos e anciáns abandonados, ou para a investigación científica. Non é só o desfile do Pilar, senón todos os actos inútiles, protocolarios, suntuosos, medievais e viejunos que nos aturran cada día nos telexornais: son os millóns de euros en custes ocultos para manter toda esta caterva de mamporreros do cabalo de Hernán Cortés.
 
Toda esa floritura e parafernalia medieval, na que non se moveu unha coma en 50 anos, é incompatible cun Estado democrático moderno. Hai que estar moi dementes, como Estado, para facer desfilar unha cabra, vestida con gorro e estandarte, diante de 45 millóns de cidadáns inocentes. @ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].