Unha gran noticia para o PP: Volta Pepe Blanco

Parece unha broma de Halloween -ou Samaín, para os mortos viventes da candidatura unitaria galega-, ou o título dunha película de Toñito Blanco, o autor de A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, pero é a puta realidade: ¡Volta Pepe Blanco!.

Por Valentin Carrera | Compostela | 03/11/2015

Comparte esta noticia
¡Que gran noticia para o PP! Solteina o sábado na sobremesa dunha comida coa gauche divine de Pontevedra, cando xa resolveramos a sedición de Cataluña e esfolado á Trotona: “¿Sabedes que volve Pepe Blanco?”. Todos confirmaron o rumor a voces: abúrrese en Bruxelas, alí non é ninguén, Besteiro está liquidado.
 
Volvina a soltar ao día seguinte en Lugo, entre xentes xeralmente ben informadas, “¡Volve Pepe Blanco!”, e fixo o mesmo efecto; parece ser que en Palas de Rei non se fala doutra cousa e, en Monte Pío, Alberto e Rei Varela se descollonan da risa. Perdoen que a análise baixe a este nivel: é o que hai.
 
Empecemos por pescudar si Besteiro segue vivo: non convén dalo por morto, nin sequera en Halloween. Quen coñeza un pouco á xuíza De Lara sabe que lle vai a practicar a Besteiro a eutanasia xudicial a lume lento: si Conde Pumpido rómpelle o xoguete, quizais na Audiencia, a xuíza rusa sacará outro moneco do ventre do seu matrioska. De Lara non vai soltar esta presa xamais, e iso sábeo en Lugo ata o aguilucho da praza de Santo Domingo. 
 
É probable que Besteiro sexa derrotado polo seu propio partido sen chegar a candidato. “É necesario un tempo novo no PSdeG”, declarou Pepe Blanco á SER a semana pasada, que é un modo educado de dicir, quítache ti, que me poño eu. “Besteiro non o ten doado”, engadiu con prudencia coruñesa o moi leal e nobre Méndez Romeu, portavoz parlamentario do PSdeG, que non é un cargo menor. Desde a outra beira, o portavoz do PP, Miguel Tellado, remachou os cravos en Twitter sobre o ataúde de Besteiro: “Están facendo leña da árbore caída”.
 
Liquidado Besteiro –xa se verá a que prezo– e con Pachi Rasputín mexendo o berce, ninguén disputará ao prestixioso don José Blanco a condición de líder máximo do socialismo galego. ¡Abúrrese tanto en Bruxelas! (aínda que é o eurodeputado máis activo da cámara: leva 322 preguntas, tenos fritos), ¡e añora tanto Palas de Rei!
 
O problema é que Pepe Blanco ten un buraco no pantalón, á altura das vergoñas, pola desgraza do tren Alvia, que lle vai perseguir, como a xuíza De Lara a Besteiro, por todos os mitins de Galicia.
 
Por máis que se poña de perfil, Galicia enteira sábeo: ata eu estiven invitado, como decenas de xornalistas, á solemne inauguración do Alvia Ourense-Santiago, o 10 de decembro de 2011, ás 10:40h, retransmitida en directo por TVG, presidida por don José Blanco, ministro de Fomento, a bordo dun tren híbrido S-730, velocidade punta 250 km/h, 38 minutos de traxecto. “Galicia estrea tren de alta velocidade”, titulou Faro de Vigo. Escribín entón a crónica premonitoria dun descarrilamento ficticio que acababa así: “Funcionaron á perfección os sistemas de sinalización ERTMS, LZB e Asfa dixital, acreditando a solvencia técnica da nova liña”. Datos que tomei da propaganda enviada aqueles días polo ministro de Fomento.
 
Ao acto asistiron Feijóo, Álvarez Cascos e dous alcaldes campións ¡Francisco Rodríguez e Conde Roa! Deus os cría e eles descarrilan sos: a miña crónica estaba equivocada, e dezaoito meses despois os sistemas de sinalización inaugurados aos catro ventos por Pepe Blanco non funcionaron, por moito que Pilatos se lave as mans con auga bendita. 
 
Pepe Blanco: un “renovador” que leva 26 anos chupando da canoa, desde que foi escolleito senador en 1989. En verdade é necesario que remate este Halloween socialista, esta longa noite dos mortos viventes e dos garrulos lisérxicos, e chegue un tempo novo no PSdeG, sen pepiños.
A indignidade de mirar para outro lado (na recente estrea do documental sobre as vítimas do Alvia, as butacas de Pepe Blanco e Ana Pastor quedaron baleiras) invalida a este supervivente do Zapaterismo e da Operación Campión para sempre; e tamén a Ana Pastor, non se refreguen as mans. Si houbese un pouco de dignidade en Galicia, que non hai. @ValentinCarrera
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].