Por Galicia Confidencial | Allariz | 01/10/2025 | Actualizada ás 09:00
Allariz organiza outro dos seus eventos gastronómicos referenciais do ano neste comezo do outono. Trátase das XIV Xornadas de Carne de Boi, unha cita que achegará á vila ata o 12 de outubro a moitas e moitos amantes desta exquisita e gorentosa carne que ofrecerán 21 establecementos locais. A materia prima provén de animais criados na finca de Valverde e propiedade de Okelan.
Haberá un Concurso de Tapas no que participan 14 bares e restaurantes de Allariz para competir pola “Mellor Tapa 2025” mediante votación popular entre as persoas que as degusten. O prezo das tapas será de 3 euros.
Un ano máis volverá o concurso “Papando no Boi”, unha iniciativa coa que se premiará a fidelidade da veciñanza de Allariz. A primeira persoa (con tarxeta cidadá) que consiga consumir as 14 tapas participantes recibirá un premio directo de 100 € para gastar no comercio local.
Ademais, entre todas as cartillas completadas sortearanse: 1 vale de 250 € para gastar no comercio e na hostalaría local e 3 vales de 60 € entre aquelas cartillas con, polo menos, 5 tapas consumidas. O sorteo terá lugar o sábado 18 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 11:00h, momento no que tamén se dará a coñecer a tapa máis votada desta edición.
MÚSICA E DEGUSTACIÓNS
Como novidade, este ano as tardes/noites gastronómicas virán acompañadas de música en directo, que animará o ambiente. O primeiro concerto foi o venres 26 de setembro e os seguintes serán o venres 3 de outubro e o sábado 11 de outubro.
Ademais, durante as mañás dos sábados no mercado da reserva da Biosfera, haberá degustacións especiais de tapas elaboradas con carne de boi, de 12:30 a 13:30 horas.
O pasado sábado 27 de setembro ofreceuse "Empanada de boi guisado e vexetais", e os seguintes encontros serán:
Sábado 4 de outubro: Tataky de boi con "pico de gallo".
Sábado 11 de outubro: "Cañita de boi e cabaza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.