Un novo estudo científico corrobora que o eucalipto empobrece a biodiversidade en Galicia

“Os traballos que levamos feito con plantas, aves e liques apuntan a que os eucaliptais albergan en xeral menos diversidade”, destaca María Calviño Cancela, autora principal de varias investigacións realizadas por científicos da Universidade de Vigo. Estos achados corroboran as liñas doutros investigadores que sinalan as plantacións de eucalipto como empobrecedoras da diversidade e abundancia de especies animais e vexetais.

Por Alberto Quian | Madrid | 05/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A investigación científica sobre o eucalipto intensificouse nos últimos anos, non só pola dispoñibilidade de máis recursos, tamén polo debate e a concienciación social que foi in crescendo nos últimos tempos sobre esta especie exótica, introducida en Galicia no século XIX. O eucalipto, aquí, é sinónimo de polémica.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

Por unha banda, existen importantes xustificacións económicas para explotalo: segundo datos da Asociación Forestal de Galicia, en 2018 a venda de madeira de eucalipto reportou aos propietarios de plantacións 204 millóns de euros, dos 278 millóns totais do sector da talla; doutra banda, as empresas asociadas ao Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia alcanzaron unha facturación ese ano de 1.733 millóns de euros e sosteñen 5.200 empregos; polo seu lado, a Consellería do Medio Rural defende que cada ano hai 111.000 solicitudes de curtas e que os 300 millóns de euros que reporta esta especie en ingresos repártense entre unhas 80.000 persoas.

No lado oposto, cada vez máis se están expoñendo criterios medioambientais para unha xestión racional e sostible desta árbore en Galicia, ou mesmo para alentar á súa erradicación total. Aquí atópanse os ecoloxistas, cada vez máis dinámicos e intensos nas súas accións contra o eucalipto, e a comunidade científica, que tenta comprender mellor as características desta planta e o seu impacto nas contornas nas que medra.

IMPACTO NEGATIVO NA BIODIVERSIDADE

Unha das múltiples liñas de investigación que se están aplicando céntrase no impacto do eucalipto na biodiversidade. E, de momento, parece haber consenso científico en que os  eucaliptais a empobrecen.

Varios estudos constataron que nas zonas dominadas polo eucalipto hai menos diversidade e abundancia de plantas, aves e macroinvertebrados, e secan regatos

Unha das achegas máis recentes vén de investigadores dos departamentos de Bioloxía Funcional e Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela. Nos últimos anos estiveron comparando o impacto de eucaliptais e  carballeiras nos hábitats nos que se asintan. En 2018, publicaron os resultados dun estudo que compara a biodiversidade en plantacións destas dúas árbores na provincia de Pontevedra, nos municipios de Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo–Cotobade, Ponte Caldelas e Pazos de Borbén. O que atoparon foi que nas zonas dominadas polo eucalipto hai menos diversidade de especies de plantas e menos variedade e abundancia de aves que nos terreos nos que o rei é o carballo.

Uns resultados que se viron posteriormente confirmados por outro estudo similar destes investigadores, nesta ocasión, na área central de Galicia, na comarca da Ulloa. As conclusións ás que chegaron son tamén que nos bosques autóctonos hai unha maior riqueza de especies de aves e plantas que nos eucaliptais. En base aos seus resultados, estes científicos alertaron de que “unha crecente extensión de plantacións exóticas en detrimento dos bosques nativos probablemente conduciría a unha maior perda de biodiversidade”, polo que consideran que “a conservación de bosques autóctonos debería ser unha prioridade”.

Outra investigación, publicada en 2017 polo Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, concluíu que as plantacións de eucaliptos reducen a diversidade de macroinvertebrados en pequenos regatos forestais. Pero, ademais, os arroios cuxas áreas de captación están cubertas principalmente por eucaliptais presentan unha maior probabilidade de secarse completamente no verán.

OS LIQUES COMO INDICADORES

Agora, unha nova contribución científica certifica o impacto negativo do eucalipto na biodiversidade, neste caso, sobre comunidades de liques epífitos (medran sobre os troncos das árbores). Trátase dunha nova achega con antecedentes en 2013, cando os seus autores publicaron outro estudo similar sobre liques en bosques dominados por carballos, piñeiros e eucaliptos (os liques son organismos resultantes da simbiose de fungos con algas unicelulares).

O que observaron daquela é que “a diversidade e abundancia de liques é maior en bosques nativos de carballos e en piñeirais, e moito menor en eucaliptais, sobre todos nos máis novos”, afirma a investigadora principal destes dous traballos, María Calviño Cancela, profesora titular do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.

Entre os seus achados, atoparon tamén que “os bosques autóctonos teñen unha composición de especies moi diferenciada dos demais, coa porcentaxe máis elevada de especies únicas (que non apareceron nos demais tipos de hábitats forestais, de piñeirais e eucaliptais), e estiveron mais asociados coas especies de maior importancia desde o punto de vista da conservación (as especies menos comúns)”, detalla a este xornal a científica.

Ademais de atopar esas diferenzas entre bosques autóctonos e os demais, deron con outra diferenza “moi importante” entre plantacións de piñeiros e eucaliptos. Para dar con ela, seleccionaron tres idades diferentes de eucaliptais, mentres que as de piñeiro eran todas plantacións maduras, debido ao tipo de xestión destas, sendo o ciclo do eucalipto máis curto.

“Quixemos entón mirar se esa menor capacidade dos eucaliptais de albergar liques era unha consecuencia de ser mais novos. É por iso que neste último estudo centrámonos en comparar plantacións de piñeiros e eucaliptos das mesmas idades, incluíndo os seguintes grupos: de 1 a 5 anos, de 6 a 10, de 11 a 15, de 16 a 20, de 21 a 25”, describe Calviño Cancela.

Os liques supoñen “un hábitat importante para moitos invertebrados, de maneira que están relacionados coa diversidade e abundancia destoutros organismos, que á súa vez serven de alimento para outros grupos, como aves"

Desta maneira, puideron estudar como vai mudando a abundancia, diversidade e composición de liques a medida que as árbores teñen máis idade e as colonizacións dos seus troncos por estes organismos vai avanzando.

“Cando falamos de abundancia, referímonos á porcentaxe da superficie que está cuberta de liques; cando falamos de diversidade, facémolo sobre o número de especies diferentes de liques, e en canto a composición, referímonos a diferenzas/semellanzas en cando ao tipo de especies de liques”, ilustra Calviño Cancela.

“O obxectivo era, por tanto, entender como vai cambiando coa idade a abundancia, diversidade e composición de liques nos troncos das dúas especies máis comunmente utilizadas nas plantacións forestais en Galicia, co obxectivo de entender mellor as capacidades destas especies para albergar liques; ou expresado doutra maneira, a contribución destas plantacións para prover de hábitat as especies de liques”, completa a profesora.

As mostraxes realizáronse en cinco puntos da provincia de Pontevedra, de maneira que en cada un os científicos tiñan unha plantación de cada idade de piñeiro e de eucalipto. En total, 50 parcelas estudadas (5 localidades x 5 idades x 2 especies de árbore).

En cada unha seleccionáronse cinco árbores (250 en total) e analizáronse os liques presentes nunha superficie de 20 x 20 centímetros na parte norte e sur da árbore e en dúas alturas (a do peito, uns 130 centímetros de altura do tronco) e na base dos troncos. Isto é, catro cadrados de 20 x 20 centímetros por cada árbore. Para cada lique identificaron a especie e mediuse a superficie que ocupaba en centímetros cadrados.

A elección dos liques como termómetro do impacto deste tipo de plantacións na biodiversidade débese á importancia destes organismos en comunidades forestais, xa que supoñen, por exemplo, “un hábitat importante para moitos invertebrados (pequenos insectos, arañas, etc.), de maneira que están relacionados coa diversidade e abundancia destoutros organismos, que á súa vez serven de alimento para outros grupos, como aves”, xustifica Calviño Cancela.

E por que comparar piñeiros e eucaliptos? “Por ser Pinus pinaster e Eucalytus globulus as especies máis usadas nas plantacións forestais en Galicia e en moitas partes do mundo”, introduce a investigadora, que prosegue: “A súa capacidade para albergar diversidade é, por tanto, moi relevante. Ademais, neste caso temos que, aínda que as dúas son especies usadas en plantacións, Pinus pinaster é unha especie nativa da Península Ibérica, mentres que Eucalytus globulus é unha especie introducida orixinaria de Australia. Esta diferente orixe relaciónase en moitos casos co grao de integración da especie nas comunidades, entendido como a cantidade de relacións que establece con outros organismos, o que leva frecuentemente a que as especies autóctonas alberguen máis diversidade”.

MÁIS ABUNDANCIA E DIVERSIDADE NOS PIÑEIROS QUE NOS EUCALIPTOS

Feito o estudo, os resultados mostraron que os piñeiros teñen máis abundancia e diversidade de liques que os eucaliptos en todas as idades, con entre 2 e 17 veces máis superficie de tronco cuberta de liques e entre 2,5 e 6,5 veces maior numero medio de especies, dependendo da idade.

Tamén observaron que, a medida que as árbores teñen máis idade, vanse acumulando máis especies de liques nos seus troncos e estes van cubrindo máis superficie; un proceso de colonización que, como resalta Calviño Cancela, “é máis intenso en piñeiros que en eucaliptos”.

"Podemos dicir que os piñeirais contribúen máis a proporcionar hábitat para as especies típicas dos nosos bosques que os eucaliptais”

En conclusión, “as plantacións de Pinus pinaster ofrecen un hábitat mais adecuado para os liques que as de Eucalyptus globulus”, xa que “albergan mais abundancia e diversidade de liques, o que pode con isto facilitar tamén a presenza e abundancia doutros organismos asociados aos liques”.

Estes resultados veñen completar as conclusións doutros científicos que constataron que alí onde se plantan eucaliptos a biodiversidade se resente. E tamén reafirman os traballos previos de Calviño Cancela e os seus compañeiros, realizados con plantas, aves e liques, e que “apuntan a que os eucaliptais albergan, en xeral, menos diversidade”, achega a científica.

Aínda que neste último traballo non se incluíron os carballos, noutras investigacións anteriores Calviño Cancela e os seus colaboradores comprobaron que “hai menos similitude entre eucaliptais e bosques autóctonos dominados por carballos en canto ás especies que albergan, que entre piñeirais e carballeiras, de maneira que podemos dicir que os piñeirais contribúen máis a proporcionar hábitat para as especies típicas dos nosos bosques que os eucaliptais”, sentenza.

O estudo, titulado Contrasting patterns of lichen abundance and diversity in Eucalyptus  globulus and Pinus pinaster plantations with tree age’, publícase na revista científica Forest Ecology and Management e está asinado polos investigadores da Universidade de Vigo María Calviño Cancela e Max Neumann, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, e M. Eugenia López de Silanés, do Departamento de Enxeñería de Recursos Naturais e Medio Ambiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta