O Colexio de Xornalistas insta ós partidos a "garantir a independencia" dunha CRTVG cuestionada

O CPXG volveu remitir ós líderes políticos unha carta con demandas históricas pendentes de solución, algunhas delas dende 2006.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2020 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volveu adxuntar ós candidatos das principais formacións políticas unha carta con demandas históricas do colectivo para que, a poucos días das eleccións autonómicas, o vindeiro goberno da Xunta naza "concienciado da necesidade de afrontar con medidas políticas os principais retos do goberno galego".

Imaxe de fondo do debate da TVG
Imaxe de fondo do debate da TVG | Fonte: CORPORACIÓN DE RADIO E TELEVISIÓN DE GALICIA

A misiva recolle demandas históricas nas que os profesionais "volven insistir" ante a inacción rexistrada ata o momento. Entre elas está de particular actualidade a relativa á necesidade de "avanzar na profesionalización e desgobernamentalización" da Corporación de Radio Televisión de Galicia, á que a xunta electoral deu recentemente un toque de atención pola súa cobertura desigual dos candidatos da oposición, en particular no relativo a Ana Pontón.

De xeito paralelo a esta esixencia, o Colexio de Xornalistas demanda desenvolver o Estatuto profesional, "erradicar o machismo nos medios" e desenvolver a cobertura electoral dos distintos partidos de acordo con valores profesionais, no canto de estar esta sometida  "aos mesmos criterios mecánicos de reparto da propaganda electoral que determina a Xunta Electoral".

REUNIÓN CON CIUDADANOS E MAREA GALEGUISTA

O Colexio, que destaca a necesidade de "velar polo carácter democrático e plural da información" destacou asemade como esixencia a conformación dun sistema de subvencións "obxectivo" que dea solución ás "deficiencias a nivel de transparencia" que aqueixa o actual, máis adicado ó "mercadeo" cos medios. Estas demandas foron achegas por parte do colectivo ós partidos que concorren ás eleccións do 12X, se ben -segundo indican- tan só conseguiron reunirse con Beatriz Pino (Ciudadanos) e Pancho Casal (Marea Galeguista).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vai ter que buscar novas estratexias se quere seguir tendo voz logo da conformación do novo Parlamento de Galicia (?) Semella que tanto o PP coma o PSdG e mesmo o BNG-UPG non teñen demasiado interés en garantir unha información veraz e independente (?) https://i.gal/gamela22 Se non quere converterse noutra de tantas plataformas sen futuro (?)