Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/10/2013 | Actualizada ás 12:05
A Consellería de Traballo e Benestar publica no DOG deste mércores máis de 80 convenios que asinou con distintas entidades sociais e empresariais e que suman máis de seis millóns de euros. A maior parte destes acordos están destinados a atención de persoas maiores, discapacitadas ou desempregados, pero, algúns deles chaman poderosamente á atención.
Os de maior desenvolvemento económico son os da Área de Benestar; nestes subxace unha funcións social que a consellaría convenia con diversas asociacións, os chamados "Servizos sociais de convenio", nos que segundo denuncia a CIG-Administración "subxace un evidente nominalismo, máis que a función en si, co cal a atención dos sectores prioritarios dependen dunha decisión puramente política".
Nesta modalidade destaca o convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar e a entidade católica Esclavas de la Virgen Dolorosa de Crecente, para contribuír ao apoio do servizo que presta na atención a persoas con discapacidade intelectual. En total, a Xunta destina á Igrexa 250.000 euros para o apoio á atención de persoas con discapacidade intelectual que a entidade Esclavas de la Virgen Dolorosa de Crecente presta a este colectivo.
A cantidade recibida por esta endidade é moi superior a de outras asociacións que desenvolven a mesma actividade en Galicia, algunha das cales, mesmo non ten recibido ningunha axuda. Outras, como a Fundación tutelar galega para persoas con discapacidade intelectual Sálvora só recibiu 50.000 euros para o financiamento das actuacións de tutela dirixidas ás persoas con discapacidade intelectual.
Noutras ocasións, a Consellería de Traballo e Benestar asina convenios a 0 euros con determinados concellos, como é o caso do concello socialista de Caldas de Reis, para a realización de prácticas prelaborais de persoas con discapacidade intelectual usuarias do Centro Ocupacional O Saiar.
Só o convenio coa Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual de Galicia (Fademga Feaps Galicia) --a maior entidade deste tipo en Galicia-- é maior que a das Esclavas de la Virgen Dolorosa de Crecente-- é de máis cantidade. Así, a Xunta destina máis de 370.000 euros para o financiamento do programa de atención a persoas con discapacidade e ás súas familias e do mantemento de Fademga Feaps Galicia.
Por outro lado, nestes convenios recollidos no DOG tamén hai importantes acordos na área de Traballo, menos cuantiosa que a de Benestar. Sen embargo, chaman a atención algúns deles como é un coa Fundación Galicia Europa para o desenvolvemento das actividades de información, documentación e asesoramento á xuventude galega que demanda información sobre Europa. O total deste convenio é de 42.500 euros nun área na que a Xunta ten dito repetidas ocasións que os mozos van a Europa a estudar e aprender pero non "emigran".
Tamén salienta outro convenio de colaboración coa Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.-Turgalicia, a Asociación Galega de Familias Numerosas e a entidade colaboradora Manzaneda-Estación Invernal, S.A. (Meisa) para a colaboración na xestión do programa de turismo de montaña en familia. Trátase de conceder descontos no prezo das estadías de fin de semana ás familias numerosas, que poderán gozar por un prezo reducido de estadías e actividades no Parque Natural de Manzaneda-Estación Invernal, S.A. En total, 10.000 euros.
Ademais, a Consellería de Traballo e Benestar tamén asinou varios convenios de colaboración coas deputacións da Coruña,Pontevedra e Ourense para a coordinación da prestación dos servizos sociais comunitarios municipais da provincia e para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados e desempregadas. Deste xeito, coa primeira e a segunda desembolsará 800.0000 euros, respectivamente, e coa de Ourense, 400.000. Chama a atención que non haxa ningún acordo a este respecto coa outra deputación, a que dirixe o socialista José Ramón Besteiro en Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.