Por Galicia Confidencial | Madrid | 18/10/2021 | Actualizada ás 22:00
Cando superemos a pandemia da covid-19, o mundo seguirá tendo o seu maior problema por resolver: a crise climática. O cambio climático segue sendo o maior reto ao que se enfronta a humanidade, pois as súas consecuencias globais xa empezan a ser catastróficas e irán en aumento: máis secas, desertización, ondas de calor mortais, incendios máis virulentos e daniños para a saúde, fenómenos climatolóxicos cada vez máis extremos, inundacións polo aumento do nivel do mar, tropicalización dos mares, alteración e destrución de ecosistemas, extinción de especies, millóns de desprazados climáticos, propagación de enfermidades, perda de terreos agrícolas, máis pobreza… Os efectos son case innumerables e ninguén escapa deles.
Porén, a pandemia causada polo coronavirus SARS-CoV-2 levou a emerxencia climática a un segundo plano no debate público, cando menos o que se produce nun dos espazos máis populares para a conformación da opinión pública, Twitter. Un estudo asinado por investigadoras das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña (USC e UDC) comprobou que durante a pandemia de covid-19 se reduciu a cantidade de publicacións sobre o cambio climático nesta rede social, cunha caída máis significativa nos países hispanos.
A investigación, asinada polas profesoras María L. Loureiro e María Alló, parte da preocupación de que a emerxencia sanitaria interrompeu durante a pandemia moitas políticas de adaptación e mitigación do cambio climático, afectando tamén a transmisión de información relacionada coa crise climática.
Para a análise, as investigadoras crearon unha base de datos mensual con información sobre chíos publicados en inglés e castelán en Twitter relacionados co cambio climático, desde 2018 e ata setembro de 2020. O conxunto final de datos analizados contén información de 20 países, cun total de 36.205.609 chíos que contiñan palabras clave e etiquetas vinculadas directamente á crise climática.
Tres países representan máis da metade do total de tweets neste conxunto de datos: Estados Unidos, ao redor do 33,42%, seguido de España (15,37%) e Reino Unido (10,31%).
As investigadoras observaron que as mulleres twittean menos sobre o cambio climático que os homes
Sobre os factores socioeconómicos que poden afectar a transmisión de información en Twitter, atoparon que a riqueza (PIB) do país e o nivel educativo xogan papeis significativos, aumentando o número de chíos sobre o tema de interese. Ademais, os países de fala hispana, din, teñen máis probabilidades de twittear sobre o cambio climático que o resto, algo que “pode explicarse polo alto grao de vulnerabilidade climática dos países de América Latina e España”, xustifican as autoras.
Tamén atoparon que as mulleres twittean menos sobre o cambio climático que os homes, en xeral e comprobaron, ao igual que outros estudos previos, que eventos catastróficos relacionados co cambio climático teñen un alto impacto na actividade en Twitter, froito tamén da atención mediática.
Pero tamén normas sociais e variables culturais axudan a explicar a evolución dos chíos relacionados co cambio climático. En particular, din, atoparon “evidencias de que as sociedades altruístas e os que confían nos consellos científicos están máis dispostos a publicar e compartir mensaxes sobre o cambio climático”; porén, “os países con orientacións políticas de dereita están menos dispostos a twittear sobre o cambio climático”. “En resumo, descubrimos que as normas sociais son importantes e axudan a dar forma ao debate climático”, expoñen Loureiro e Alló.
Por outro lado, viron que a dinámica da comunicación cambia co paso do tempo, durante o período de estudo analizado, aumentando case sempre despois de eventos e conferencias internacionais como a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, e diminuíndo en xeral coa epidemia covid-19.
Aquí está o resultado máis substancial desta investigación: a crise sanitaria levou a unha caída do interese público na crise climática.
Ao analizar o efecto da pandemia no actividade sobre o cambio climático, os resultados amosan un impacto negativo da evolución do número de mortes por covid-19 no número de publicacións relacionadas coa emerxencia climática; isto é, “dende que comezou a pandemia, o número de conversas sobre o cambio climático diminuíu”, expoñen as investigadoras da USC e UDC.
Para a maioría dos países incluídos neste estudo, a tendencia dos tweets relacionados co clima é negativa durante o período de pandemia, pero hai “interesantes excepcións”, salientan. Así, destacan os casos de Italia, Francia, Finlandia, Estados Unidos e o Reino Unido, países que “mostraron unha tendencia positiva nas conversas sobre temas relacionados co cambio climático despois da covid-19, mentres que países latinoamericanos (como Arxentina, Chile, Colombia) e asiáticos (Indonesia), pero tamén outros países europeos (Suecia, Suíza e Austria) –cun enfoque menos intervencionista das políticas covid-19– experimentaron o efecto contrario”.
“Isto pode demostrar que, aínda que o crecemento económico se viu gravemente comprometido en todo o mundo, os efectos deste impacto sobre a desigualdade e a pobreza son moito máis agudos nos países de ingresos baixos e medios. Nestas áreas, a necesidade de restaurar as actividades económicas tradicionais é bastante urxente e, como consecuencia, os impactos económicos relacionados co cambio climático cobran relativamente menos importancia no ámbito das conversas diarias. Pola contra, as conversas en Twitter de países máis ricos, en xeral, mostraron unha perspectiva máis positiva sobre as políticas de mitigación e adaptación ao cambio climático, facendo que o debate climático sexa máis predominante durante a pandemia de covid-19”, argúen as investigadoras.
"O debate público sobre o cambio climático freouse en moitos países" malia os "vínculos entre ambas as crises”
Na súa opinión, “isto demostra que para os países desenvolvidos existe unha clara complementariedade na discusión de ambos os temas, e non necesariamente, unha substitución entre temas (debate sobre o cambio climático ou debate covid-19), como nos países de ingresos medios e baixos”.
Os resultados do estudo, conclúen, “confirman as nosas principais hipóteses de investigación, mostrando que o debate público sobre o cambio climático se freou en moitos países despois da pandemia”. Unha situación que estas profesoras consideran “preocupante, especialmente porque algúns países onde se reduciron as políticas climáticas son países en desenvolvemento e, polo tanto, máis vulnerables aos impactos climáticos”.
“Os nosos resultados aseméllanse ás friccións entre as políticas de adaptación ao cambio climático e as políticas de recuperación posterior á covid-19, que quedaron claramente demostradas nalgúns países. Non obstante, tamén demostramos que estas contradicións entre o crecemento económico e a recuperación sostible non son universais. Os problemas climáticos e a covid-19 parecen estar máis aliñados nos países desenvolvidos, mentres que hai máis tensións e contradicións nos países en desenvolvemento”, resumen as investigadoras.
Neste contexto, consideran necesarias “campañas de sensibilización e información sobre os vínculos entre ambas as crises”.
Os resultados da investigación veñen de ser publicados na revista científica internacional Environmental Science & Policy.
RELACIÓNS ENTRE CAMBIO CLIMÁTICO E COVID-19
Na comunidade científica hai preocupación polo salto de patóxenos de animais a humanos producidos por desequilibrios na biodiversidade. Ese salto é froito dun proceso que se coñece por derramamento zoonótico. E é a hipótese máis plausible que manexan os científicos sobre o coronavirus SARS-CoV-2.
"Considérase que o derramamento zoonótico directo (de animal a humano) é unha vía posible a probable; considérase que a introdución a través dun animal hóspede intermedio é unha vía probable ou moi probable; a introdución a través de produtos da cadea alimentaria (conxelados) considérase unha vía posible; considerouse que a introdución a través dun incidente de laboratorio era unha vía extremadamente improbable”, concluíu o informe da OMS (Organización Mundial da Saúde) presentado o 30 de marzo de 2021, sobre a posible orixe desta pandemia.
A revista Nature Medicine publicou pouco despois, en abril, un comentario no que un equipo do programa de Clima e Saúde de ISGlobal, en colaboración cunha investigadora da Universidade de Sao Paulo, insta a explorar os posibles vínculos entre a pandemia de covid-19 e o cambio climático.
“O cambio climático pode facilitar a propagación zoonótica e ter un efecto nas cadeas de transmisión. Estes efectos, xunto co comportamento e a concienciación humanos, deben integrarse nos modelos de prognóstico de pandemias”, conclúen Xavier Rodou, Adrià San José, Karin Kirchgatter e Leonardo López.
"A biodiversidade é unha barreira de protección fronte aos saltos zoonóticos; se a destruímos, estamos a reducir tamén as nosas barreiras de protección”
O equipo que asina o texto sostén que o cambio climático podería favorecer o salto de patóxenos a outras especies por vías directas e indirectas. Pola vía directa, o clima achandaría o camiño para a supervivencia, o desenvolvemento e a propagación dos patóxenos, algo que, con todo, consideran “improbable” que se produza de forma masiva. Pola vía indirecta, escriben, “os efectos do clima son moito máis relevantes e complexos”.
“O cambio climático, sobreimposto a unha dramática alteración antropoxénica dos ecosistemas, está a conducir a unha substitución gradual de especies, encollendo os ecosistemas e reducindo a diversidade de especies, e a biodiversidade é precisamente unha barreira de protección fronte aos saltos zoonóticos. Se a destruímos, estamos a reducir tamén as nosas barreiras de protección”, afirman.
Outro factor para considerar son os eventos extremos, como incendios forestais, secas, inundacións, fames negras ou migracións, que poden exercer unha presión engadida sobre os animais e propiciar o seu contacto con humanos.
O equipo sostén que o clima pode contribuír de forma “dramática” á transmisión de enfermidades infecciosas entre humanos. “Mentres que a estabilidade climática parece apropiada para a diferenciación evolutiva dos patóxenos, potenciando a transmisión continuada, os extremos climáticos poden promover a selección de cepas a través da exposición de novos nichos a colonizar”, escriben.
Mentres, un estudo publicado en maio deste ano na revista Science of the Total Environment apunta que o cambio climático pode ser un factor importante nos brotes dos coronavirus SARS-CoV-1 e SARS-CoV-2.
O estudo, liderado pola Universidade de Cambridge (Reino Unido), defende a hipótese de que os morcegos son a orixe zoonótica probable destes virus e advirte de que a distribución global destes animais mudou polo cambio climático.
En concreto, o estudo sinala que, froito do cambio climático, se produciron mudanzas a grande escala no tipo de vexetación na provincia de Yunnan, no sur de China, e rexións veciñas, causando un aumento na zona dunhas 40 especies de morcegos que portan un cento de novos coronavirus.
Científicos atoparon unha relación significativa entre a contaminación atmosférica e a propagación e mortalidade da covid-19
Por outro lado, desde practicamente o inicio da crise sanitaria da covid-19, científicos de todo o mundo veñen publicando investigacións que suxiren unha posible relación causal entre a mala calidade do aire que respiramos e un maior impacto da enfermidade causada polo coronavirus SARS- CoV-2.
A comunidade científica manexou principalmente dúas hipóteses: a primeira investiga se as propias partículas contaminantes son capaces de transportar de forma viable o virus, favorecendo a súa difusión e podendo aumentar os contaxios; a segunda céntrase no maior risco cardiorrespiratorio que teñen as persoas expostas de forma habitual a altos niveis de contaminación do aire, o que podería complicar o desenvolvemento da enfermidade causada polo novo coronavirus.
No Instituto de Salud Carlos III, en Madrid, levan meses estudando esta posible relación entre contaminación do aire e incidencia e propagación da covid-19 e do SARS-CoV-2. Nunha nova achega, os investigadores explican que os resultados dos seus estudos “demostran que a contaminación química do aire, especialmente o dióxido de nitróxeno (NO2), está relacionada coa incidencia e gravidade da covid-19 en España”.
Non só iso. Na súa investigación observaron, ademais, que as intrusións de po sahariano, comúns na península ibérica, tamén inflúen na incidencia da covid-19 e nas taxas de ingresos hospitalarios por esta enfermidade.
En definitiva, “os resultados deste estudo demostran que a contaminación química do aire, especialmente o NO2, está relacionada coa incidencia e gravidade da covid-19 en España”, e que “as intrusións do po sahariano teñen un efecto máis aló do que se lle pode atribuír á contaminación atmosférica”, conclúen estes autores.
A perda de biodiviersidade e a contaminación do aire semellan dous factores clave para explicar, en parte, a propagación e mortalidade da covid-19 por territorios. Son varios os traballos que apuntan nesta dirección. Un dos máis recentes –realizado por científicos de España, Estados Unidos, Nova Zelandia, Italia e Grecia– advirte de que “a pandemia de covid-19 é probablemente unha consecuencia relacionada coas crises globais de perda de biodiversidade e saúde ambiental”.
A hipótese que se manexa é que factores ambientais, a calidade dos ecosistemas e a biodiversidade teñen impacto na propagación da covid-19 e na evolución da mortalidade.
Partindo desas premisas, neste estudo, publicado en febreiro deste ano, os investigadores compilaron datos de 160 países que “revelan unha asociación estatisticamente significativa entre a infección por covid-19 e varios factores de interese a nivel de país e cidade, como o índice nacional de biodiversidade, a calidade do aire e os elementos contaminantes (PM10, PM2.5 e O3)”, explican.
“Particularmente, hai unha relación significativa entre a perda de biodiversidade, un alto nivel de contaminantes atmosféricos e unha diminución da calidade do aire coa propagación da infección covid-19 e a súa mortalidade”, afirman.
Estes científicos lembran que unha das principais causas das pandemias e epidemias é a estreita interacción entre poboacións humanas e animais domesticados e salvaxes que transportan axentes patóxenos, á vez que os cambios no clima e o tempo continúan impactando nos ecosistemas do planeta e, polo tanto, tamén nos reservorios naturais e hóspedes que actúan como vectores de transmisión.
Os expertos apuntan a evidencia científica de que “a aparición intensificada de patóxenos infecciosos tamén se pode atribuír ao cambio climático, á perda de biodiversidade, á degradación do hábitat e a un aumento da taxa de interaccións entre humanos e fauna silvestre”.
Un informe coordinado pola Organización Meteorolóxica Mundial sinala que a pandemia non desacelerou o avance do cambio climático
Neste sentido, outro estudo recente achega máis evidencias de que a conversión de hábitats naturais en ecosistemas agrícolas ou urbanos pode influír no risco e na aparición de enfermidades zoonóticas nos humanos.
Estes investigadores, do University College de Londres, afirman que “o uso da terra ten efectos globais e sistemáticos sobre as comunidades hospedadoras zoonóticas locais”, sendo o efecto “máis forte para as enfermidades zoonóticas con especies hospedadoras como roedores, morcegos e aves paseriformes”.
Os científicos de Londres tamén destacan que as especies de mamíferos que albergan máis patóxenos en xeral (compartidos ou non por humanos) son máis propensas a producirse nos ecosistemas xestionados polo ser humano.
“Os nosos resultados suxiren que os cambios globais no modo e na intensidade do uso da terra están creando interfaces en expansión perigosas entre persoas, gando e reservas de animais salvaxes de enfermidades zoonóticas”, advirten.
Por último, un informe coordinado pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) sinala que a pandemia de covid-19 non desacelerou o avance do cambio climático e, aínda que as emisións de dióxido de carbono se reduciron durante algún tempo debido aos confinamentos, pasado ese período están a aumentar rapidamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.