O desabastecemento das lonxas ameaza con deixar sen peixe os grandes supermercados de Galicia

A folga de transportes e a alza dos carburantes paraliza a frota de altura, provocando unha parálise que logo podería trasladarse ás grandes superficies comerciais. Só os pequenos mercados sobreviven, ao non depender das estradas: "para que mercar se logo non pode saír co produto?".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

A folga indefinida do transporte iniciada a nivel estatal hai xa catro xornadas segue arrasando ao seu paso coa actividade económica de diferentes sectores. Os piquetes en estradas e polígonos industriais só causaron, polo momento, desabastecementos "puntuais" centrados, sobre todo, en produtos frescos, segundo incidiu na xornada do pasado mércores o Ministro de Agricultura Luis Planas. Unha problemática que logo podería estenderse e deixar baleiras as peixerías dos grandes supermercados galegos.

Arquivo - Varias persoas asisten á lonxa de Burela, a 23 de decembro de 2021, en Lugo, Galicia, (España). Como cada ano, a lonxa de Burela acolle a última poxa de marisco previa á Noiteboa. É nesta poxa cando o marisco alcanza maior. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varias persoas asisten á lonxa de Burela, a 23 de decembro de 2021, en Lugo, Galicia, (España). Como cada ano, a lonxa de Burela acolle a última poxa de marisco previa á Noiteboa. É nesta poxa cando o marisco alcanza maior. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

E é que, agás acordo sorpresa, todo apunta que o paro dos transportistas continuará nas próximas xornadas. O Goberno anunciou o pasado mércores que procedería a baixar o prezo da luz e os carburantes cun Decreto que está previsto aprobar o vindeiro día 29 --outra cuestión é canto tardará en facer efecto--. Até entón, o inusual silencio das estradas segue desangrando diversos sectores da economía galega. Entre eles, pesca e gandería sofren especialmente os seus efectos.

E é que o estalido da folga indefinida nos transportes estaría a ameazar o subministro de peixe máis alá das zonas propiamente pesqueiras do país. Galicia Confidencial contactou con lonxas de diversos puntos da Coruña, Pontevedra e Lugo para coñecer se a situación de anormalidade acontecida nas últimas xornadas segue a ter lugar. A resposta é parcial: mentes que a pesca de altura está case a un nivel de actividade cero, a baixura segue a abastecer timidamente o mercado de proximidade. E as causas non sempre están na folga, xa que as lonxas máis grandes do país enfrontan unha treboada perfecta que ameaza con deixar baleiras as peixerías das grandes superficies.

"Non temos moito movemento, pero é porque o mar é bastante malo para saír faenar. O principal problema é ése, máis que a folga", explican dende a lonxa de Cangas, orientada ás capturas de proximidade. "Piquetes aquí aínda non tivemos, pero supoño que afectarían", engaden as mesmas fontes.

O MERCADO DE PROXIMIDADE SOBREVIVE

A circunstancia é ben distinta no caso daquelas lonxas máis grandes. Na da Coruña, por exemplo, recoñecen estar a facer poxas pero a un nivel moi inferior ao habitual, un 10%, segundo cifran dende a xestión da mesma. Varios factores xogan en contra do sector pesqueiro galego nestes momentos. Segundo destacan dende a lonxa, "moita parte da frota está parada. Nos últimos días xa non se saíu pola cuestión do combustible e agora coa folga pois xa nada".

A lonxa da Coruña, pois, si estaría a sufrir o golpe da folga de transportes, ao ter pechada a vía de entrada ao mercado estatal. Por iso "o pouco que entra", de acordo coas mesmas fontes, vai orientado á abastecer ao mercado de maior proximidade. "Pouca cantidade, pesca de baixura. Xa hai pouco barco traballando e non dan moi bo tempo, e vista a situación do transporte...".

O problema replícase no mercado de Burela, tamén acostumado a recibir capturas de altura e exportalas máis alá das fronteiras galega. Non é o caso destes días marcados por varios factores á contra nos que a frota de baixura é a única implicada. "É o pouco que vai haber, catro peixes", explican dende a localidade lucense. "Do Gran Sol non temos nada. Levamos dende o luns sen vender... mañá supoño que tampouco".

O problema do caso burelá salta directamente cara a folga de transporte, que aquí si se erixe como causa fundamental. "O comprador, se sabe que non ten como transportalo, por que o vai comprar? E o pescador, se non ten quen llo compre, para que vai saír? É un círculo vicioso", explica Xusto, da xestión da lonxa. Por contra, en Rianxo, outra lonxa de baixura, explican que o servizo de compravenda "está funcionando como sempre". De novo, o caso desta localidade oriéntase a unha venda a nivel local no que as grandes cadeas de transporte e distribución non xogan un papel fundamental para poñer sobre o mercado as capturas do día.

DESABASTECEMENTO EN GRANDES SUPERFICIES

A panorámica vivida nas distintas lonxas do país deixa claro que, nas próximas xornadas, os problemas de desabastecemento se vivirán nas grandes superficies das cidades, mentres que pequenas peixerías das vilas mariñeiras continuarán cun stock máis reducido do habitual. Os ollos quedan postos, pois, na acción do Goberno central e os prazos debuxados polo executivo de coalición para proceder á baixada dos carburantes, circunstancia que podería pór fin á parálise do mar e restablecer o subministro normal de peixe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta