Cortar madeira, cando tirar para o monte é unha necesidade

O traballo de corta no monte é un dos oficios máis perigosos e arriscados, onde os salarios tiveron que adaptarse ás novas subas do SMI e con todo, non compensan os perigos de tallar no monte. Isto fai que apenas haxa traballadores galegos e estes sexan substituídos por romaneses e latinoamericanos motivados por uns salarios máis elevados que os dos seus países de orixe.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O traballo no monte cortando madeira é dos máis perigosos xunto co traballo en alturas na construción. Segundo Suso Fernández de CCOO, desde o verán de 2021 contabilizáronse tres accidentes mortais no sector da corta de madeira. A realidade para os sindicatos é que estamos diante dunha actividade con moito risco, sobre todo polo uso de maquinaria como motoserras, condución de máquinas  procesadoras e carga en camións. A isto súmaselle en ocasións a falta de formación axeitada para o uso de maquinaria e a pouca cultura de prevención en riscos laborais. A propia ubicuidade deste labor mesmo non facilita o control da Inspección de Traballo nin o contacto  cos traballadores por parte dos sindicatos. Isto último foi un dos motivos polos que até hai poucos anos, os convenios laborais para o sector ou eran o estatal, un documento “de mínimos”, o da construción e mesmo se recorrera a poñer aos traballadores da madeira dentro do Réxime Agrario.

Camións trasladando madeira cortada
Camións trasladando madeira cortada | Fonte: esmola.wordpress.com

DUREZA E SALARIOS BAIXOS

Eu non lle chamaría precario ao traballo de corta no monte mais si diría que é dos máis duros ademais de non resultar moi atractivo pola cantidade de traballo e os salarios baixos” di Santiago Andión de UGT. A dureza que alude Andión, ademais dos baixos salarios, ten detrás cambios constantes de lugar de traballo. En inverno o tempo pode volver difícil levar adiante a tarefa e durante o verán, as xornadas poden prolongarse “de sol a sol”.

O número de traballadores inmigrantes é elevado. O descoñecemento da lexislación ou o medo a perder unha fonte de ingresos fai que, caladamente, acepten “que os empresarios lles fagan rebaixas nos salarios ou mesmo aceptar xornadas de nove horas porque así lles din que se traballa aquí”, apunta Plácido Valencia da CIG. Mais co paso do tempo aqueles que comezaron no seu día chegan a un momento onde “non se senten cómodos e poden deixar o posto, por tanto a renovación dos grupos de labora é necesaria si ou si”.

“O que sucede no monte é preocupante, mesmo insistindo ao empresariado sobre as medidas de seguridade temos accidentes moi graves ou mortais” di Suso Fernández de CCOO. Por tanto, o salario que se paga “non compensa toda a dureza de estar, ao mellor, no verán de sol a sol e comendo no lugar de traballo”.

Táboas laborais da madeira
Táboas laborais da madeira | Fonte: Suso Fernández CCOO

INMIGRACIÓN, FORMACIÓN E CONVENIOS

Xente do Leste de Europa, sobre todo romaneses e despois latinoamericanos, son as dúas comunidades con máis presenza no monte. No primeiro caso e en especial os romaneses “son persoas que traen formación previa, coñecementos de como cortar, estes acoden ao efecto chamada para incorporar concidadáns do seu país” di Fernández. “Outro grupo numeroso son os latinoamericanos, sobre todo grupos familiares de peruanos que traballan como autónomos”.

Existen facilidades para incorporar xentes destes dous grupos, uns da UE e outros con nexos culturais por afinidade idiomática? “Non teñen máis ou menos facilidades por seren da Unión ou latinoamericanos” apunta Plácido Valencia. “O sector non resulta atractivo e esta xente acepta postos como estes por pura necesidade”. Visto así, os problemas ou incidentes entre oriundos e foráneos non terían por que aparecer, ou si? “Houbera algún problema na provincia de Lugo pola contratación de estranxeiros” di Santiago Andión. A causa foran as condicións laborais e salariais que deberan ser combatidas pola Inspección de Traballo, “mais como hoxe están aquí e mañá están noutro lado, Inspección ten moi difícil contactar con eles”.

Sobre os convenios que actualmente rexen nesta profesión, a día de hoxe son marcos provinciais. Existe un convenio sectorial do Estado para servizos forestais. “O convenio de Ourense está caducado desde 2013 e o sectorial do Estado é o referente nestes momentos” destaca Suso Fernández. “Actualmente o convenio é o de primeira transformación da madeira, na Coruña está asinado, Lugo teno en funcionamento e en Pontevedra estase negociando” apunta Andión.

O representante da UGT sinala que un convenio autonómico si estaría ben, mais deixa entender que “cada patronal é un mundo na súa provincia, o mesmo pasa coas empresas onde as hai con todas as garantías de salubridade e seguridade e outras que aínda teñen o chan de terra”. O sector tamén se pode acoller ao convenio de serras e rematantes, aínda que os actuais para a corta recollen o específico desta actividade, onde “quen corta, limpa e carga é a mesma persoa”. E se non se acolle a ningún dos tres convenios, o último recurso é o Estatuto dos Traballadores.

“Houbo un momento en que empresas da construción metéronse a facer traballos de limpeza en gabias, en montes e tamén a cortar madeira” destaca Valencia. Por este motivo “houbo momentos en que os convenios da construción foron aplicados a cortadores de madeira” sen teren realizado traballos de albanelaría a maior parte dos casos.

A suba do SMI, como noutros moitos sectores, obrigou ao empresariado a aumentar os soldos dos cortadores. Por outra banda, con convenios específicos para este segmento laboral recoñécese a casuística dun oficio que reúne as súas peculiaridades. A isto débese engadir que a formación en moitos casos está ausente, arriscando así a integridade da persoa e, por último, a case incapacidade de seguemento rigoroso por parte de Inspección pode levar a situacións de abuso sobre a man de obra.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta