Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/09/2014 | Actualizada ás 15:00
O novo portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, ten por diante un traballo que, a priori, non debería ser nada difícil; comunicar. Algo que xa sabe e coñece ben tras ter traballo en medios de comunicación da comarca de Ferrolterra e de ser o responsable de prensa de Juan Juncal durante a súa época de alcalde de Ferrol.
Precisamente, Tellado era un dos invitados estrela dos debates de Vía V, o principal programa de V TV, a televisión do grupo Voz. De feito, foi nesta televisión onde fixo as súas primeiras declaracións como portavoz popular este luns á noite.
“Fiel divulgador y creador de argumentarios, hombre de la casa, joven pero experimentado, incisivo, con dotes para la malicia y conocedor tanto de la Administración autonómica como de la local, el parlamentario ferrolano Miguel Tellado, de 40 años, asumió ayer públicamente el puesto con una encomienda expresa de su jefe: «Dar a cara»”. Así describe ao novo dirixente do PP, o xornalista M. Cheda, en La Voz de Galicia, mentres, outros, como o Faro de Vigo destaca a sorpresa que provocou entre outros dirixentes populares a súa elección, xa que Feijóo non se decantou por unha muller.
“O compromiso do PP coa igualdade de xénero está fóra de toda dúbida", respondía este martes o propio Tellado sobre esta cuestión e citaba como exemplo que na Xunta, onde goberna o PP, hai "plena igualdade" e non só no primeiro nivel.
O novo portavoz do PP está chamado a “explicar o que o PP non pode facer pola situación actual, así como en comunicar o que fai onde goberna e as súas ideas, principios e valores”. "E tamén o que sentimos, que é o principal déficit moitas veces na comunicación política. A nós ás veces acúsannos de ser insensibles á realidade que nos rodea, pero é a que nos ocupa e a que nos incita á actividade pública. O PP traballa desde as institucións para mellorar a calidade de vida das persoas, moi conscientes e a situación de crise que viven Galicia e España", dixo este martes nas súas primeiras palabras aos xornalistas, logo das súas primeiras declaracións ao Grupo Voz.
Non opinan o mesmo os grupos da oposición que denunciaron que Tellado é un home de “palla”. Así, Francisco Jorquera (BNG) afirmou que está feito "á medida do señor Feijóo" e indicou que sempre que debateu con el "parece que os problemas do mundo mundial derivan do bipartito, de Zapatero, de que o BNG chegase a algún acordo nos orzamentos co PSOE...".
A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, limitouse a cualificalo como "un funcionario de partido" e o portavoz parlamentario do PSdeG, José Luís Méndez Romeu, criticou que non haxa mulleres na dirección do PPdeG. “Parafraseando a Núñez Feijóo, parece que respecto das mulleres ten un problema de cantidade, non se se de calidade, pero desde logo de paridade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.