Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 08/09/2022 | Actualizada ás 09:00
“Camiñamos para parar”. Este é o lema dun orixinal proxecto que parte de Compostela Ilustrada co obxectivo de ilustrar o Camiño de Inverno a Santiago, o máis novo e menos coñecido de todos os itinerarios xacobeos recoñecidos oficialmente.
Os protagonistas desta iniciativa son os ilustradores Miguelanxo Prado --galego-- e Rita Sabler –norteamericana-- que teñen como obxectivo percorrer o Camiño de Inverno dende Valdeorras ata Compostela e ir debuxando paisaxes, animais, persoas, etc que vaian atopando nas 8 etapas das que consta este percorrido. Rematada a experiencia, os seus debuxos formarán parte dunha exposición e publicarase un libro con todos eles.
Aproveitando o paso destes bosquexeiros --urban sketchers-- pola Ribeira Sacra, contactamos co debuxante galego Miguelanxo Prado para que nos conte algúns detalles da experiencia.
Como xurdiu o proxecto e quen o impulsa?
A iniciativa tívoa ‘Compostela Ilustrada’, cos que teño participado moi activamente nalgunhas das súas edicións en Santiago. Estaba pendente de ilustrar o Camiño de Inverno e propuxéronlle ao Xacobeo a idea para potenciar este camiño. Para darlle un formato manexable ao proxecto contactaron con Rita e comigo e decidiuse que o percorrido sería de Valdeorras a Santiago. Tamén hai patrocinadores privados que colaboran no desenvolvemento do proxecto como a adega Rectoral de Amandi, onde estivemos o outro día.
"Estaba pendente de ilustrar o Camiño de Inverno e propuxéronlle ao Xacobeo a idea para potenciar este camiño"
De Valdeorras a Compostela. Facedes todas as etapas? Como é a loxística?
Temos 8 etapas, pero necesitaremos 9 días para chegar a Compostela. Imos facelas todas e intentando percorrer o camiño ao completo, aínda así contamos cunha furgoneta de apoio e para xantar recóllennos no punto no que nos atopemos. A xente de apoio técnico tamén aproveita para filmar recursos que servirán para documentar a experiencia. Outra cousa, ademais de Rita e máis eu tamén están facendo o camiño como acompañantes a miña parella, unha amiga de Rita e Gemma Sesar, de Compostela Ilustrada.
E as paradas para debuxar, están pactadas ou improvisades?
O planing non está establecido a priori. Aínda que hai puntos nos que temos que pararnos, como son as vilas máis importantes nas que debuxamos igrexas, rúas, etc tamén paramos cando vemos algo que nos chama a atención. Incluso ás veces improvisamos desvíos da ruta como cando pasamos por Belesar onde fixemos unha viaxe en barco e saíron dous ou tres debuxos. En calquera caso, a idea principal é que cada etapa teña debuxos representativos e que Rita máis eu non repitamos.
"A idea principal é que cada etapa teña debuxos representativos"
Como son os tempos, como se leva encaixar o tempo de camiñar co de debuxar?
Os tempos de camiñar e parar a debuxar témolos menos controlados. Houbo un par de días nos que chegamos sobre as 21:00 h. ao final da etapa.
Canto tardades en rematar cada debuxo?
A min lévame algo máis de tempo pola meticulosidade que teño quizais por vir do mundo da arquitectura e da banda deseñada e Rita é algo máis rápida. Tardamos entre unha hora e unha hora e media en rematar cada peza.
Coñeciades o Camiño de Inverno e os territorios que estades a percorrer?
Para min é a primeira vez que o fago, unha experiencia nova para min. En canto ao territorio eu coñecía algo de Valdeorras por un traballo que fixen coa D.O. e algo a partir da Ribeira Sacra. Para Rita todo é novo, dende a gastronomía ata as paisaxes. Coñece o Camiño Portugués porque o fixo pero este non.
Algunha anécdota que queiras contar?
Non hai moitas polo de agora porque estamos comprobando que é un camiño moi solitario, pero chamoume a atención por exemplo a intensa actividade artística na zona. En Petín coincidimos cunha mostra de arte na rúa e en Monforte estivemos nun restaurante que tiña unhas tallas de madeira moi curiosas cunha decoración moi etnográfica.
"Estamos comprobando que é un camiño moi solitario"
E ao rematar o camiño, que fin terán as vosas obras?
A idea é facer unha exposición cara o mes de novembro e máis adiante editar un catálogo completo con todas as pezas feitas estes días.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.