Denuncian que a Xunta pode poñer multas aos que "exerzan o a liberdade de expresión " sobre os lumes

A Organización Galega de Comunidades de Montes critica que son criminalizados no novo anteproxecto de lei e que os fan responsables de incendios que comecen en montes mancomunados.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 01/06/2023 | Actualizada ás 10:21

Comparte esta noticia

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) denuncia que a Consellería do Medio Rural sostén no seu anteproxecto da lei de loita integral contra os incendios forestais, que as Comunidades de Montes podan ser sancionadas cando se produza un lume nas súas terras, aínda que o lume sexa provocado por terceiros. 

Un helicóptero entre o fume, traballa cunha cuba de auga no incendio, a 22 de agosto, na parroquia de Meira, en Moaña
Un helicóptero entre o fume, traballa cunha cuba de auga no incendio, a 22 de agosto, na parroquia de Meira, en Moaña | Fonte: Javier Vázquez - Europa Press

A ORGACCMM sinala que ademais en dito anteproxeto se contempla a prohibición de emitir opinións acerca da problemática dos lumes, impoñendo sancións para aquelas persoas "que se atrevan sinxelamente a exercitar  o dereito da liberdade de expresión".

A Consellería do Medio Rural ten en período de consulta pública ao anteproxecto da lei de loita integral contra os incendios forestais.  Segundo poido comprobar a Organización Galega de Comunidades de Montes, neste anteproxecto a Consellería do Medio Rural entende que os lumes no territorio galego son un problema somentes de orde público ao que se deben aplicar solucións unicamente policiais.

Sinalan que no anteproxecto non se recoñoce que a problemática dos lumes do territorio teñen causas estruturais como omonocultivo forestal con especies de crecemento  rápido, a desordenación das masas boscosas ou o abandono do rural  despoboación, entre outras. O documento presentado pola Consellería do Medio Rural, di esta entidade, "non precolle a necesidade de camiñar cara a unha política de montes  que posibilite un monte veciñal multifuncional e sustentabel, que e a ferramenta máis eficaz contra os lumes, como está de sobra demostrado".

SANCIÓNS

Pola contra, denuncia, que neste anteproxecto de lei de loita integral contra os lumes forestais, a Consellería do Medio Rural pretende impedir que os titulares dos montes veciñais sexan os protagonistas da posta en valor das súas terras. "Pretenden lexislar para sacarlles os seus dereitos, cargalos de obrigacións, e mesmo culpalos  e sancionalos cando se produza un lume nas súas terras, aínda que a culpabilidade do orixe do lume sexa de terceiros", indica.

"A Consellería do Medio Rural intenta que a lei que se derivará do anteproxecto de loita integral contra os lumes forestais se leve adiante impoñendo o silencio", engade. Así ,contempla a creación dun Consello Consultivo conformado por 19 persoas, das cales 15 son representantes de diversas administracións e so 4 persoas representando aos titulares dos montes e ás organizacións relacionadas co medio rural.

Ademais de todo isto , alertan desde a ORGACCMM que para a Consellería este silencio non e suficiente, xa que tamén prentende "a prohibición de emitir opinións acerca da problemática dos lumes , contemplando incluso sancións para aquelas persoas que se atrevan sinxelamente a exercitar  o dereito universal da liberdade de opinión e expresión".

SOLUCIÓNS

A Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común ven de presentar achegas ao anteproxecto de lei entre as que pide deseñar unha política de montes inxertada nunha ordenación do territorio e nunha ordenación do uso das terras e n a que se valore os servizos ecosistémicos que prestan os montes veciñais en beneficio de toda a sociedade.

Tamén reclama unha liña de axudas para as comunidades de montes que permitan a valoración integral do monte e a aposta pola súa multifuncionalidade e a participación das comunidades de montes en todos os órganos consultivos e de planificación da loita contra os lumes, dende o Consello Forestal de Galiza ate os consellos forestais de distrito. Finalmente, reclama eliminar do texto do anteproxecto de lei de loita integral contra os lumes todos os artigos que contemplen prantexamentos autoritarios e de libre interpretación pola Consellaría do Medio Rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta