A Xunta segue sen informar do "regalo" de 50.000 euros ao xornalista "ultra" Javier Negre

O socialista Pablo Arangüena acusa á Xunta de agochar o expediente dos contratos, fraccionados en tres partes para conceder tres contratos menores “a dedo” e “inflar á ultradereita”

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/06/2023 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo socialista, Pablo Arangüena, presentou este mércores unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para esixirlle á Xunta que dea conta do “regalo” de 50.000 euros de diñeiro público entregados pola Xunta á canle do “pseudoxornalista” Javier Negre coincidindo coa marcha de Feijóo a Madrid.

Un dos anuncios de Javier Negre na que destaca o papel do líder da ultradereita de Vox, Santiago Abascal
Un dos anuncios de Javier Negre na que destaca o papel do líder da ultradereita de Vox, Santiago Abascal

O responsable socialista cualificou de “escándalo” que o conselleiro da Presidencia “siga a negarse a informar sobre este asunto e a cumprir co acordo parlamentario” votado a favor tamén polo PP o pasado 20 de abril para facer públicos os expedientes dos contratos, que foron fraccionados en 3 partes para así poder entregalos “a dedo” como contratos menores. 

Arangüena acusou ao goberno galego de “disfrazar o regalo” a un xornalista “condenado como mínimo en catro ocasións por difundir bulos e fake news e por faltar á ética xornalística máis elemental”. Acusou ao goberno galego de empregar 50.000 euros para “inflar á ultradereita e non a mellorar por exemplo a Atención Primaria”.

Con este historial, o goberno galego escolle esta canle na televisión dixital para concederlle tres contratos supostamente para a creación dunha canle de noticias turísticas, publicidade e promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo. O que queda daquel contrato, lembra, son “unha pequena serie de vídeos curtos de Negre falando no Camiño feitos cun móbil” que “podería facer un neno e que non xustifican nin por asomo os 50.000 euros pagados”.

Advertiu que o “regalo” en realidade “vulnera a Lei porque os tres obxectos de contrato en realidade son o mesmo, que debería dar lugar a un procedemento aberto á concorrencia”, pero que son “camuflados en clara vulneración da Lei e da xurisprudencia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta