O BNG pide rematar cos "contratos a dedo" e as listas de agarda na sanidade pública

Son parte das súas propostas ante os problemas da sanidade pública que reflexa o Informe do Consello de Contas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/08/2023 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O BNG propón unha serie de medidas para acabar cos "datos demoledores" que presenta o Informe do Consello de Contas, máis concretamente para solventar a mala situación da sanidade pública galega, que presenta unha alta temporalidade nos contratos, un aumento dos tempos de espera para obter unha consulta ou un aumento nos tempos de resposta de unidades de transporte sanitario en emerxencias.

Montse Prado no Parlamento de Galicia
Montse Prado no Parlamento de Galicia | Fonte: Galicia Confidencial

Tras salientar algúns datos, como por exemplo as 245 mil persoas que agardan por unha primeira consulta ou os tempos de resposta das unidades de soporte vital avanzado que en lugares como Mesía aumenta ata a hora e 13 minutos cando o recomendado polo propio Sergas é non exceder os 30 minutos, a deputada do BNG Montse Prado recalcou as demandas do partido para solventar a situación.

Estas son, que haxa un número de persoal suficiente en toda a comunidade para dar un servizo adecuado e de calidade, presentar un plan de choque para rematar coas longas listas de agarda, que se inicien actuacións para proceder ao rescate da externalización do transporte sanitario e que se finalicen "os contratos a dedo". Así mesmo demandan transparencia nas contas e nas actuacións que se levan a cabo neste sentido.

Ademais, os datos mostraron o incremento do 7% na derivación a centros privados. Neste eido o BNG reclama rematar con esta derivación xa que considera que "a política sanitaria do PP pon en risco a saúde dos galegos e galegas mentras lle pon unha alfombra vermella á saidade privada", expón Montse Prado no Parlamento de Galicia.

O SERGAS ASEGURA QUE A COBERTURA DE AMBULANCIAS É "MOITO MELLOR" AGORA QUE CO BIPARTITO

O Sergas replica ao Bloque que a cobertura de ambulancias medicalizadas é agora "moito mellor" que "nos anos nos que o BNG estaba no goberno de Galicia", en referencia ao bipartito co PSdeG entre 2005 e 2009. Con base nun informe do Consello de Contas, a deputada do BNG Montse Prado alertou de que un total de 966.000 galegos de 229 municipios están fóra dos tempos máximos de atención de ambulancias medicalizadas, que o Sergas fixa en 20 minutos. Denuncia que "a poboación de Galicia non teñen igualdade de oportunidades ante unha emerxencia" e "está vendida".

En resposta, o Sergas traslada que a Xunta "garante a cobertura ás emerxencias coa rede de transporte sanitario de Galicia xestionada polo 061". Defende que a utilización dunha ambulancia medicalizada determínase en función da "patoloxía do paciente". "Nestas ocasións, realízase unha resposta graduada, en primeiro lugar unha ambulancia básica e, posteriormente, cunha ambulancia de soporte vital avanzado", agrega.

Neste sentido, apunta que a actual rede de transporte sanitario urxente conta con 107 ambulancias de soporte vital básico, 16 de soporte vital avanzado e dúas convencionais. Tamén lembra que, cando é necesario, mobilízanse os helicópteros medicalizados con base en Santiago e Ourense.

Ademais, explica que "se discrepa" de Contas "na determinación da poboación non cuberta por unha ambulancia de soporte vital básico en 15 minutos, considerando cumprido o indicador con máis do 90 % da poboación cuberta"; "xa que nos concellos excluídos no informe de fiscalización chega na maior parte das ocasións en menos de 15 minutos, pero ao utilizar a media do tempo, a cifra queda distorsionada por asistencias puntuais moi afastadas dos tempos máis frecuentes de asistencia que se atopan no obxectivo marcado". Igualmente, o Sergas subliña que as mobilizacións de ambulancias de soporte vital avanzado creceron un 47 % entre 2008 e 2022 ao pasar de 15.277 a 22.462.

LISTAS DE ESPERA: OS PACIENTES GALEGOS ESPERAN DE MEDIA 66 DÍAS PARA UNHA PRIMEIRA CONSULTA

No tocante ás listas de espera, a Consellería de Sanidade valora que o tempo medio de espera para cirurxías en Galicia sitúase en 75 días, coa media estatal en 122. Pola súa banda, os pacientes galegos esperan de media 66 días para acceder a unha primeira consulta, menos que a media española de 95 días. Tamén sinala que a media de gastos do Sergas en concertos coa privada supón un 4,6 % do gasto total, o que contrapón a que superaba o 6 % no ano 2008.

Ademais, sostén que o BNG fai unha lectura "terxiversada" dos datos de temporalidade ao incluír a residentes en formación ou persoal contratado para substitucións, "máxime en anos como 2020 ou 2021 nos que a pandemia obrigou a contratar a un importante número de persoal para cubrir baixas e ausencias que loxicamente eran limitadas no tempo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta