Mar Pérez Fra: “Só unha parte moi pequena dos beneficios da madeira e da eólica quedan nos espazos rurais"

María do Mar Pérez Fra é profesora da área Economia, Socioloxía e Política Agrária no Campus Terra da USC. As súas investigacións achegan datos sobre superficie agraria abandonada que podería estar dando rendemento, así como outros valores engadidos que ten o rural. Por outra banda, ve necesario un ordenamento axeitado aos sectores agrogandeiro, forestal e de renovables para que non haxa un choque de intereses que desfavorezan ás persoas que nestes momentos traballan ou desenvolven actividades profesionais relacionadas co medio rural.

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/01/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Tractores, máquinas, agricultura, maquinaria agraria, horta, labrar, campo
Tractores, máquinas, agricultura, maquinaria agraria, horta, labrar, campo

-Centrándonos na produción de madeira, os propietarios das fincas ou montes destinados a producir madeira e que non viven no medio rural, pódese dicir que son propietarios rurais?
Ese é o grande desafío a resolver como sociedade desde o punto de vista de sector agrario. Este sector fixo un importante esforzo modernizador desde os anos 80 cambiando a maneira de producir: dunha agricultura tradicional a outra industrializada, coas súas luces e as súas sombras. As explotacións incorporaron importantes bens de capital e de insumos como fitosanitarios, racións para alimentación animal etc. Os agricultores e agricultoras logo de dar ese salto modernizador para poder rendibilizalo necesitaron máis superficie. Se se inviste en infraestruturas como espazos para muxido, para pacer, isto implica máis espazo para rendibilizar o investimento en maquinaria por exemplo. Aínda así, ese paso modernizador non está completo. As explotacións galegas seguen estando moi por debaixo da media española e europea, de tal maneira que os gandeiros e gandeiras galegas viron necesario incrementar a intensificación de carga por hectárea. Houbo un incremento da produción agraria mais a renda dos agricultores incrementouse en moita menor medida. Hai unha falta de base territorial.

A diferenza entre o uso agrario, as enerxías renovables e o turismo é que estas dúas últimas non conseguen que as comunidades locais vexan chegar beneficios

-Por que se produce esta falta de base territorial?
En Galicia somos 2.700.000 habitantes mais existen 1.600.000 propietarios de fincas rústicas, cando, sendo moi optimistas, quedan unhas 75.000 explotacións agrarias e delas sobre 40.000 que se poden cualificar como “a tempo completo”. Existe esa diferenza entre un número reducido de produtores agrarios e unha enorme cantidade de propietarios de fincas rurais. Isto lévanos a ter unha superficie agraria útil das máis baixas de Europa só temos o 20% da superficie dedicada á agricultura e por outra parte, temos unha cantidade enorme de terreo que non se está aproveitando. Isto último pode ser un “abandono disfrazado” porque o que temos é unha superficie arborizada mais non está xestionada nin ten plan de ordenación. Non son propietarios silvícolas profesionais. É unha maneira encuberta de abandono.

-Ante esta visión de modernización do sector agrario mais con dificultades para cubrir os gastos en insumos, ou a visión de propietarios silvícolas non profesionais, estamos diante dun fenómeno de presión sobre os e as agricultoras para abandonaren o campo para deixar paso a outros tipos de produción?
A miña opinión persoal é que este proceso de axuste agrario, un fenómeno acontecido en toda Europa, e que en Galicia trouxo de máis de 200.000 explotacións en 1980 acabaron reducidas a 75.000 de acordo co último censo, aínda que moitas son pequenas producións agrarias ou explotacións a tempo parcial. Hoxe en día quedarán 40.000 agricultores e agricultoras a tempo completo, este proceso deuse en toda Europa. A diferenza está en que na maior parte de Europa pecharon explotacións e liberouse superficie agraria e alí onde se puxo en marcha unha política de protección do solo agrario e unha ordenación de usos, o resultado foi que en 1980 era terra agraria e hoxe continúa sendo terra agraria, porque ese uso agrario está protexido. Aquí os herdeiros de propietarios emigraron e esa terra en vez de mobilizarse, de dispoñibilizarse mediante ferramentas públicas que permitisen ese paso a continuar como espazo agrario, aconteceu que moitas desas terras quedaron sen cultivar, foron plantadas sen ningún tipo de coidado silvícola, pois para rendibilizar a madeira necesitas máis superficie. Finalmente, ese traspaso para non perdermos superficie agraria útil, algo que segue acontecendo nos últimos anos segundo o censo. É algo natural o peche de explotacións, por que?, pois porque o mercado demanda superficies máis grandes e alí onde conseguiron incrementar a superficie media das explotacións foi porque protexeron o uso agrario da terra. Aquí houbo política pública dese tipo? Non.

Mar Pérez Fra
Mar Pérez Fra | Fonte: Consello da Cultura Galega

As explotacións galegas seguen estando moi por debaixo da media española e europea, de tal maneira que os gandeiros e gandeiras galegas viron necesario incrementar a intensificación de carga por hectárea

-Entón que sucede con inciativas como foron o banco de terras, as aldeas modelo e os polígonos agroforestais non son válidos para facer fronte á perda de terra agraria?
O banco de terras é unha ferramenta interesante que puxo en marcha o goberno bipartito, despois houbo un cambio de goberno que non apoiou esta iniciativa, non dotou de recursos o banco de terras. Os polígonos agroforestais poden ser unha boa idea, as aldeas modelo ao ritmo de creación que van en 150 anos poderiamos ter completado o proceso considerando os 30.000 entidades de poboación que temos en Galicia. Necesitamos un cambio máis profundo, porque mesmo o banco de terras no seu momento chegou tarde, en 2008, e xa había territorios con políticas de protección de chan agrario desde os 1960s. Ese é o grande desafío para os vindeiros anos: conciliar os intereses de 1.600.000 propietarios rústicos cos intereses dos poucos agricultores que quedan en activo.

-Que interese pode haber para non crear mecanismos de protección para non protexer o terreo agrario?
Calquera medida que limite o dereito á propiedade será ben recibida nun país con máis dun millón de propietarios rústicos e por tanto máis dun millón de potenciais votantes? Non. Temos que levantar a cabeza e non mirar a visión política curtopracista e pensar nun modelo de país.

-Mais, dese millón longo de propietarios rústicos polo menos o 75% son conscientes de seren propietarios?
Ese é un dos grandes problemas que enfrontaremos nos vindeiros anos. Polo menos até dúas xeracións atrás a terra era vista como unha propiedade moi valiosa. Despois, boa parte deses galegos e galegas que migraron e non volveron seguente tendo propiedades. Hoxe en día en Galicia temos concellos, especialmente en Ourense e sur de Lugo o número de propietarios catastrais multiplican por seis o número de habitantes. Xa nos estamos enfrontando nalgúns lugares á cuestión da determinación da propiedade.

-Non existen elementos legais que permitan, pasado un determinado tempo sen que o propietario non traballe o terreo, que outra persoa recolla ese terreo?
Se o veciño está traballando hai unha ferramenta legal en España que é o usucapión, que permite acceder á propiedade dun terreo logo dun período de tempo. O problema da propiedade da terra non existe naquelas comarcas totalmente agrarias, si existe nas comarcas onde non quedan agricultores e as terras están abandonadas cos problemas que trae.

-Sobre a produción silvícola, é posible a convivencia entre agricultura e silvicultura sen que unha supoña o detrimento da outra?
Ten que ser posible. Debemos aspirar a unha ordenación de usos racional. De entrada non criminalizo ningunha especie, mais non estou a favor do monocultivo, sexa cal sexa. Utilizar terra agraria para uso forestal é unha barbaridade como é o contrario. Dicía antes que temos un 20% de terreo dispoñible para uso agrario. Mais tamén debemos pensar noutro punto importante para o espazo agrario, o uso ambiental. Hai que articular de maneira racional o uso agrario, silvícola e ambiental. Eucalipto nunha turbeira é unha barbaridade o mesmo que poñer pasto. Debemos ter unha ordenación de usos, aqueles espazos con valores ambientais, preservalos; os espazos con capacidade agraria poñelos en produción e os espazos óptimos para silvicultura poñelos en produción.

Temos que levantar a cabeza e non mirar a visión política curtopracista e pensar nun modelo de país

-Ultimamente parece que hai moito movemento nas comunidades de montes en man común fronte as explotacións eólicas e explotacións mineiras. Que acontecía até o de agora para que non se mobilizaran as comunidades de montes fronte a este tipo de explotación?
Os montes veciñais son o 23% da superficie galega, por tanto, calquera tipo de desenvolvemento rural que lle dea as costas a estas superficies vai ser inútil. É un tipo de propiedade descoñecida pola maioría dos galegos e galegas, mais non é unha propiedade residual, son moitos miles de hectáreas para poñer en valor. Non hai propiedade máis democráctica que a propiedade comunal porque obriga aos comuneiros a porse de acordo. É difícil porse de acordo mais os resultados son positivos. Sobre eólicos e canteiras, o feito de seren comunais é unha garantía para o territorio, pois asegura que o beneficio xenerado por esa actividade queda no territorio. Os comuneiros teñen que vivir na zona para poder acceder aos rendementos nacidos a partir dunha actividade económica en áreas de monte en man común. O beneficio queda na área, nas persoas que viven alí. Por que hai agora este movemento de comuneiros? Pois porque había empresas aproveitándose do descoñecemento da propiedade en común por parte da xente e así chegaban a acordos abusivos. Agora a xente caeu na conta que os montes teñen un valor e que poden ter beneficios entre todos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta