Por ediSCQ - Ana Chouciño | Edimburgo | 01/10/2015
E mentras, moi preto e moi lonxe destes epicentros ficticios, o mundo seguía a desmoronarse. A apenas un par de kilómetros, nunha desas urbanizacións clonadas, un home saltou pola fiestra. Un home que cometeu un delito tan “grave” (o de vender camisetas falsificadas), que alguén autorizou que os mossos entraran na súa casa ás cinco da mañá. Romperon portas e soños, quedaron dous nenos orfos de pai, e nós orfos dunha xustiza proporcionada que non castigase máis a un home que vende camisetas para gañarse á vida que a quen rouba a milleiros de españois para enriquecerse dunha maneira insultante.
Chegou o final do verán, as maletas, a volta o refuxo. E mentras eu voltaba a casa outros tiñan que fuxir dela. A prensa, ese pequeno buratiño a través do cal miramos o mundo, decidiu prestar atención ao que xa non se podía silenciar. Peregrinacións forzadas, o acto de andar na súa versión máis tráxica: andar sen coñecer o destino, sabendo que o que deixas atrás xa non existe, e posiblemente tampouco o que queda diante. Fotografías de nenos mortos, porque só choramos por eles se os fotografían, se vemos os seus pantalóns mollados, os cordóns dos zapatos todavía atados. Somos unha sociedade enferma que só cre nas imaxes, aínda que non sempre distinguimos se son reais ou non. Arrincaron a nosa pel a golpe de anuncios e xa nada nos doe, confundimos guerras con películas, e só nos conmovemos se intuimos que a traxedia é cercana, se o neno se parece ao noso. Aínda así deixaremos de chorar por el, e seguiremos a vivir na nosa burbulla, mirando por ese buratiño de vez en cando para crer que todavía sabemos chorar por outros, aínda que non fagamos outra cousa que chorar por nós mesmos.
Ana Chouciño
A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.
linkedin.com/in/anagonzalezchoucino
Le máis artigos de Ana Chouciño aquí.