Por ediSCQ - Ana Chouciño | Edimburgo | 19/12/2015
Fai pouco, Olmo Blanco, artista de Boiro, viaxou ata aquí para transformar parte dun dos edificios máis míticos da capital escocesa. Conseguímolo gracias a galería Interview Room 11 e a axuda da xestora cultural Lucía Blanco, tamén galega.
O pasado venres Lucía e o colectivo do que forma parte, Vamos Scotland, lograron que o grupo Triángulo de Amor Bizarro nos fixesen esquecer o frío daquela noite. Presentaban novo disco. Unha das salas do Teviot, un edificio da universidade, enchiuse de caras coñecidas. Aínda que había escoceses na sala, moitos eramos españois, e tamén moitos, galegos. Gústanos xuntarnos, gústanos que veña alguén da terra e que nos soen as súas caras, que dubidemos de se os coñecemos dalgún bar de Santiago ou de coincidir nos pasillos da facultade.
Cando Tríangulo de Amor Bizarro subiu ao escenario, a forza desa batería fíxonos esquecer que estabamos en Edimburgo, que fora o termómetro baixaba de cero grados. Non son crítica musical e non podo falar das súas influencias, nin podo explicar cales son as diferencias deste último album cos anteriores, pero sei que viñeron cargados de enerxía, que esta enerxía nos hipnotizou e nos separou do chan. Namoreime da voz de Isabel Cea, que parecía chegar desde moi lonxe, como todos nós, e da melodía de 'Desmadre estigio', que segue a soar na miña cabeza.
Cando baixou do escenario Rafa, o batería, contoume que me recordaba das clases de mecanografía ás que iamos con doce anos na Coruña. A morriña empezou a presentar niveis preocupantes... E que pensaría el cando entre o público viu unha cara coñecida de máis de vinte anos atrás. Os encontros en contextos tan lonxanos teñen algo de onírico, de viaxes espacio temporais dos que aterrizamos un pouco mareados.
Triángulo de Amor Bizarro triunfou en Edimburgo. Non é nada doado sacar estas iniciativas adiante, pero seguémolo a intentar. Estamos nun país que non é o noso, e intentamos traer anacos do que deixamos atrás en cada maleta. Queremos facer un collage co que quedou aló e co que atopamos ao chegar, e coser os anacos coas estelas que deixan os avións.
Ana Chouciño
A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.
linkedin.com/in/anagonzalezchoucino
Le máis artigos de Ana Chouciño aquí.