Ismael Teira. Dubidando dos nosos ollos

Coñecía a Ismael polos seus camiños do desexo, polas súas fotografías de atallos cruzando Compostela, polos anacos de ceo que, irónicamente, recortou entre as patas e o rabo dos touros Osborne: dubidosos símbolos dun país que apenas se mantén en pé.

Por ediSCQ - Ana Chouciño | Edinburgo | 25/03/2015

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: David Guillén

As derivas, e unha inesperada viaxe a Valencia me levaron de novo a el, e despois de mensaxes no facebook, de emails, de plans a longo prazo, a historia precipitouse e Antonio Cervera e máis eu decidimos traelo a Edimburgo para un proxecto que xa tiñamos en marcha.

Xa vos teño falado aquí de Interview Room 11, unha galería creada nun dos rincóns de Argyle House, un edificio inmenso, un bloque de formigón que só puido ser feito nos sesenta e que contrasta cun castelo demasiado fermoso. En Argyle House é doado perderse, por iso supostamente non poden entrar os nenos. Aínda así, Xurxiño xa é un máis do equipo, xa asistiu a demasiadas reunións, a demasiadas inauguracións, e segue a quedar fascinado cando ve a luz saíndo dos proxectores.

Aínda que eu teño acceso a tres plantas, móveme por dúas, e sempre co móbil no peto por medo a meterme polo corredor equivocado. Dinme conta esta semana que o Argyle House empeza a ser para min algo moi parecido ao CGAC: aínda que os corredores brancos teñen agora moitas cores, aínda que o chan de mármol converteuse nunha moqueta da que é imposible desfacerse, son dous laberintos dos que xa son parte.

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: Óscar Santana

Pasámoslle a Ismael información do edificio, da súa construcción, pasámoslle fotografías e planos. O silencio durou varias semanas ata que  nos descubriu esta historia: durante a primeira guerra mundial buques americanos e británicos foron pintados mediante unha técnica de camuflaxe chamada dazzle painting. Esta técnica estaba baseada na pintura cubista: debuxos xeométricos na cuberta dos barcos para despistar ao enemigo sobre o que estaban a ver, sería imposible distinguir a proa da popa, se o barco ía ou se viña... É curioso ver as fotografías deses barcos, imaxínome aos mariñeiros frotando os ollos ante unha imaxe tan irreal.

Argyle House estivo a piques de demolerse en varias ocasións polo forte contraste con ese entorno tan idílico, así que nada mellor que camuflarse coa paisaxe. Ismael comezou a recorrer Edimburgo mediante Google Street View. Atopou a vista desde o castelo, as escaleiras polas que subo eu tódolos días, a parte de atrás de Argyle House chea de contenedores de reciclaxe. Xogou co photoshop a camuflar ese edificio mediante liñas e rombos. Cando por fin chegou a Edimburgo os seus paseos convertéronse nun deja vu, e aproveitounos ademáis para recoller os cartóns que atopaba ao seu paso. Construiu unha maqueta do edificio e pintouna de verde e marrón para despistarnos.

Ismael Teira ironizou co concepto de beleza, confundiu a nosa perspectiva para que dubidaramos dos nosos ollos e das nosas ideas. De verdade sería máis fermoso Edimburgo sen Argyle House?

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: David Guillén

http://ir11.org.uk/

http://www.ismaelteira.com/

Esta exposición foi posible gracias a colaboración de Acción Cultural Española (http://www.accioncultural.es/). Temos que agradecer tamén a axuda a Iria Aldrey Dono (http://ialdrey.com/), que está a diseñar un precioso catálogo; a David Guillén e a Óscar Santana (http://oscarsomist.com/) polas súas fotos, sempre no momento e no lugar indicado;  a Sandra García Peinado, que non deixa de investigar para escribir un texto sobre a exposición, a Marianna Chiri e a Yiwen Chen por todas as horas que adicaron a axudar a Ismael durante a montaxe, e aos medios que nos axudáchedes a difundir a exposición. Graciñas a todos, sen vós non tería sido posible.


Ana Chouciño

A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.

linkedin.com/in/anagonzalezchoucino

Le máis artigos de Ana Chouciño aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ana Chouciño A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.