Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/06/2024 | Actualizada ás 22:00
Días sucesivos de calor extremo. Semanas de choiva que semella que nunca vai rematar. Temperaturas excesivamente elevadas para a época do ano. Valores máis distantes que nunca entre os días e as noites... Se hai un ano no que queda claro que o cambio climático é xa unha realidade palpable en Galicia ese está a ser, sen lugar a dúbidas, este 2024. Mesmo aqueles que se amosaban máis reticentes a aceptar que algo estaba mudando no clima, teñen que ceder á realidade e aos datos. Dende o Galicia Confidencial contactamos co profesor da USC e presidente da Sociedade Española de Climatoloxía, Alberto Martí Ezpeleta, que nos confirma esta realidade (nada alentadora de cara ao presente, pero aínda menos de cara ao futuro).
XANEIRO E FEBREIRO EXCESIVAMENTE CÁLIDOS E MARZO CON TREN DE BORRASCAS E 35 DÍAS DE CHOIVA CONSECUTIVA EN SANTIAGO
"O tempo que estamos a experimentar duns anos cara esta parte si que é atípico por varios motivos", apunta Martí. Por una parte, remítese aos fenómenos de temperaturas tremendamente anómalas experimentados nos pasados meses de xaneiro e febreiro: "Xa tivemos o pasado ano 2023 un outubro histórico pola calor e os temporais marítimos e tamén viñamos xa dun outono bastante anómalo que, a comezos do ano, cristalizou en temperaturas moi por enriba dos valores promedio, do que se consideraría normal, para a época".
Por outra banda, dende o punto de vista pluviométrico, é dicir, das precipitacións, "tamén tivemos valores de choiva que superaron con creces os promedio", pero, o que máis chamou a atención foron "as secuencias, as rachas de días consecutivos con precipitacións". En concreto, o experto apunta a unha racha de uns 35 días consecutivos de choiva en Santiago, o cal "non quere dicir que non parase de chover en todos eses días, pero si que todos eses días foron moi chuviosos, caendo algunhas gotas xa fose nun momento do día ou noutro, e xa fose pouca ou moita a cantidade de precipitación acumulada".
Tras xaneiro e febreiro chegou un mes de marzo no que "se encadearon borrasca tras borrasca, o que impedía que tivésemos unhas temperaturas máis suaves e correspondentes coa época do ano, co comezo da primavera". Aínda así, asegura que "non foi excesivamente frío a excepción dalgún momento concreto no que si que houbo temperaturas máis frescas debido ao promedio y continua chegada e entrada na comunidade de borrascas que traían consigo frontes chuviosas que facían que as temperaturas se mantivesen frescas". De feito, cabe lembrar que a mediados de marzo houbo varios días nos que caeu neve nas zonas montañosas e callou.
DÁ A SENSACIÓN DE QUE AS XEADAS DESAPARECERON: ONDE VAN ESAS MAÑÁS NAS QUE AMENCÍA TODO BRANCO?
Así mesmo, o que tamén é apreciable no tempo de Galicia é a redución dos días de xeadas matinais. Seguramente lembres esas mañás, especialmente de inverno, nas que te levantabas e vías toda a vexetación cuberta de branco e mesmo, se tiñas o coche fóra, tiñas que pararte a rascar esa xeada do parabrisas. Este ano á xente cústalle moito recordar días así, pois aínda que algún houbo, foron poucos, moitos menos do que estabamos acostumados. Como asegura Martí, "é certo que as temperaturas mínimas constitúen a variable que experimentou máis cambios, máis claros e máis evidentes", pois aínda que "o quencemento global do noso planeta está afectando tanto ás temperaturas máximas como ás mínimas, de tal xeito que por unha banda aumentan os días de calor e as ondas de calor, pola outra tamén diminúen os episodios de frío, especialmente en outono".
Así as cousas, aínda que asegura que polo momento "hai e seguirá habendo días de frío, si que cada vez van ser menos frecuentes e, sobre todo, menos intensos, polo que a intensidade desas xeadas que lembramos tamén vai ser cada vez menor, xa que as temperaturas mínimas non van acadar valores tan baixos como no pasado". Deste xeito, Martí asegura que "a xente que ten esa sensación de que xa non hai tantas xeadas como antes non vai desencamiñada, pois hai unha tendencia moi clara e evidente que se pode observar nas series de datos, onde se amosa claramente que eses episodios de xeada están diminuíndo tanto en frecuencia como en intensidade".
"O CAMBIO CLIMÁTICO NON É DE AGORA, XA FAI DÚAS DÉCADAS POLO MENOS QUE O ESTAMOS A EXPERIMENTAR"
Deste xeito, o cambio climático "xa é algo innegable, evidente e non dende agora, senón dende xa fai dúas décadas polo menos". O máis evidente deste cambio climático está "nas temperaturas medias que van aumentando, cada vez máis á alza, e tamén nos episodios extremos, que constitúen unha característica de todos os clima e no noso caso galego tamén están aumentando tanto en frecuencia como en intensidade: ondas de calor, choivas torrenciais, episodios de sequía...". E Martí lamenta que "isto é algo que xa non ten marcha atrás, fagamos o que fagamos, xa que aínda que os cumios do clima acaden os seus obxectivos, só conseguiríamos ralentizar o cambio climático e mitigar os seus efectos, pero xa non habería volta atrás, non habería posibilidade de volver ao clima que tiñamos fai dúas ou tres décadas". "Chegamos tarde, e, cada vez, máis tarde", conclúe.
Así as cousas, eses modelos climáticos que nos ensinaron no colexio, cando se dicía que Galicia ten clima oceánico con tales características, igual terían que repensarse de cara ao futuro. Para Martí "aínda seguen servindo, porque os climas aínda máis ou menos se manteñen, si que estamos nun proceso de cambio e, por exemplo, aínda que Galicia seguiría entrando dentro do clima oceánico, ben é certo que na parte interior de Ourense e no Val do Sil o clima mediterráneo que lle chega do leste da Península xa ben de antes, con veranos máis secos, aridez, sequía estival e temperaturas máis elevadas sobre todo durante o verán, agora ese clima mediterráneo vaise ampliando cara o sudeste e con matices cada vez máis fortes". Deste xeito, "esa sequía estival que afectará á metade sur de Galicia vai ser cada vez máis frecuente e os verán máis secos".
"EN DÚAS OU TRES DÉCADAS SI QUE HABERÁ QUE REVISAR OS MAPAS CLIMÁTICOS"
Por outra banda, "outro dos cambios observados en canto a precipitacións é que no caso de Galicia estase a producir unha diminución do seu volume, pero con cambios estacionais, de tal xeito que a primaveira e o verán están sendo cada vez menos chuviosos e o outono e o inverno van ser algo máis chuviosos". Agora ben, a diminución que están sufrindo as precipitacións non ten nin punto de comparación co cambio nas temperaturas, moito máis evidente. E é que "na zona sur de Galicia cada vez hai máis influencia do anticiclón das Azores, subtropical, que vai estar aí de forma máis persistente no verán, de tal maneira que as primaveras e os veráns van ser cada vez máis secos".
E é que, aínda que moitas veces pensemos que non, "o clima inflúe en todo". De tal xeito que estes cambios nel terán repercusións no sector agrícola, pesqueiro, turístico, forestal... Pois algunhas características dese clima oceánico que tiñamos ata o de agora vanse ir facendo máis mediterráneas en moitas zonas, especialmente do sur da comunidade. Así, "en dúas ou tres décadas si que haberá que revisar os mapas climáticos". Para Martí é moi evidente que "o clima inflúe en todo: o tempo atmosférico que temos cada día inflúe en moitísimas actividades económicas, na saúde, no confort das persoas, na biodiversidade, nos ecosistemas... Quizáis sexa este o factor do medio físico que máis inflúe en todos os aspectos da sociedade".
CULTIVOS CHAFADOS, MORTANDADE DOS BIVALVOS, CHEGADA DE ESPECIES INVASORAS, AFECTACIÓN Á CALIDADE DO AIRE E CAMBIOS NO ESTADO ANÍMICO
Na actualidade asegura que xa hai sectores, como o agrogandeiro ou o forestal, que "se poderán ver perxudicados por ese aumento das temperaturas, sobre todo no verán, pola diminución das precipitacións que chafarán os cultivos". Logo "o sector turístico podería verse beneficiado, pois con máis horas de sol e temperaturas algo máis elevadas poderían chegar máis turistas". Pero pola banda do sector pesqueiro e da acuicultura as consecuencias xa están a ser nefastas, pois "o aumento da temperatura do mar está a provocar que os mexillóns estean padecendo cada vez máis estrés térmico por esas máis altas temperaturas do mar ou sufrindo as consecuencias das precipitacións torrenciais que provocan crecidas dos ríos e un aporte extra de auga doce que afecta ás zonas de marisqueo, sobre todo de ameixa e berberecho, provocando a mortandade de moitas delas".
Por se todo isto fose pouco, están chegando tamén especies invasoras, "en parte por culpa do ser humano, pero en parte tamén polo aumento das temperaturas da auga". E, do mesmo modo, esta suba das temperaturas tamén está a afectar á saúde das persoas, porque "o calor extremo agrava moitas patoloxías, como as cardiovasculares ou respiratorias" e tamén "a sequía, porque deixa unha peor calidade do aire e máis partículas de po no ambiente, en suspensión, o que deriva para as persoas en problemas respiratorios". Ademais, habería que sumar a isto os cambios no estado anímico das persoas cando se encadean moitos días de ceos grises e con choiva.
"OS GOBERNOS PENSAN QUE ISTO É ALGO A LONGO PRAZO E QUE XA O ARRANXARÁ O SEGUINTE, E NON É ASÍ"
Entón, por que non se toman medidas máis drásticas para tratar de atallar esta problemática ou, alo menos, freala? "Porque esos efectos van chegando lentamente e quizáis iso fai que non reaccionemos o suficientemente rápido e de xeito eficaz, porque nos parece que é un problema máis a longo prazo", explica Martí, que asegura que "os nosos Gobernos tampouco son quen de tomar medidas valentes, necesarias, especialmente nos cumios que se celebran periodicamente, porque os gobernantes non son permanentes, van cambiando e semella que a filosofía de todoos é: xa o arranxará o seguinte". Sen darse conta de que "o cambio climático non é un problema a longo prazo, xa o temos, e canto máis tardemos en dar solucións e mitigar as súas consecuencias, máis complicado será logo adaptarnos a todos os cambios que se nos veñen enriba".
Pola contra, Martí cre que "a xente si que está cada vez máis concienciada", porque "todos os episodios que levamos sufrido nos últimos anos, como ondas de calor ou sequías, están axudando a esa concienciación, a que a xente se dea conta de que este é un problema real que xa está aquí". E é que lembra que "antes non había tanto calor, non había tantos períodos de calor extremo como agora e os que había non eran tan prolongados". Ademais, "tamén hai moita xente que está a vivir nas súas propias carnes eses efectos, o que axuda aínda máis a que tomen conciencia do que hai".
"AS PREVISIÓNS DOS MODELOS QUE NOS ESTÁN DANDO NESTES MOMENTOS PODEN QUEDARSE CURTAS"
Para os expertos, de feito, o avance do cambio climático está superando todas as previsións que se manexaban. "Eu na clase aos alumnos lévolles anos dicindo cando os poño a traballar con series e a facer gráficos que nas tendencia de fai 20 anos sabiamos e viamos que comezaban a subir os parámetros relacionados coas temperaturas, que son os parámetros que no cambio climático están a cambiar máis rapidamente, pero agora estano a facer moito máis rápido do que previamos hai 20 anos, fai dúas décadas", confesa Martí, que engade que "é como se a cousa se estivese acelerando". E ese é o perigo, na súa opinión, porque "as previsións dos modelos que nos están dando nestes momentos poden quedarse curtas", tendo en conta precisamente que "nos últimos 20 anos os aumentos de temperaturas e os fenómenos extremos se están producindo dunha maneira máis acelerada do que pensabamos fai dúas décadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.