Axuda a alimentación tradicional e o estilo pausado á lonxevidade dos galegos?

Expertos en nutrición vencellan a alta lonxevidade da poboación galega ao valor nutricional da alimentación tradicional e á calidade do noso estilo de vida.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/11/2024 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Alimentación tradicional e calidade de vida poden estar detrás da alta lonxevidade dos galegos. Así o cre o doutor José María de Matías, especialista en Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Lugo e membro, entre outras, da Sociedad Española de Diabetes. “Probablemente a alta lonxevidade da poboación galega se deba, ademais da calidade nutricional da alimentación tradicional, á calidade do noso estilo de vida. Son factores que debemos tentar preservar”, apunta.

Prato de grelos
Prato de grelos | Fonte: Páxinas Galegas

 

O experto en endocrinoloxía e nutrición asocia todos estes beneficios non só á riqueza nutricional da nosa alimentación, senón tamén ao modo de vida da nosa poboación. Como defensor da alimentación tradicional, salienta que “inflúe o estilo de vida de cociñar e de comer”, referíndose a “unha alimentación sen présa”.

 

Outros beneficios na saúde “non menos importantes” da dieta atlántica -segundo o doutor- é que se trata dunha dieta rica en ácidos graxos omega-3, o que axuda a reducir o denominado colesterol malo e os triglicéridos -procedentes na súa maioría de alimentos como a manteiga e os aceites-, co consecuente beneficio para evitar o risco cardiovascular.

 

CONSUMO DE FIBRA E LEGUMES

 

Por outro lado, promove un peso saudable e a prevención da diabetes. O  doutor salienta ademais que o consumo regular de fibra en forma de vexetais e legumes mellora a microbiota intestinal e favorece a saúde dixestiva, ao tempo que estes alimentos están implicados na prevención de determinados tipos de cancro -sobre todo do tracto dixestivo-. Por último, destaca que o consumo de produtos da horta galega e de peixes confírelle a esta dieta unhas características antiinflamatorias moi beneficiosas en relación ás enfermidades reumatolóxicas e autoinmunes. 

 

José María de Matías participa nas “XXXV Xornadas Luis Asorey” da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo e afondará na importancia da dieta atlántica na prevención da obesidade e de enfermidades endócrinas.

 

PRODUTOS DO MAR E ALIMENTOS LOCAIS

O doutor indica que a dieta atlántica é a tradicional do noroeste de España -especialmente de Galicia- e do norte de Portugal, aínda que tamén poden incluírse similitudes na alimentación de Asturias, Cantabria e o País Vasco. Salienta que algunhas das principais características diferenciadoras desta dieta son o consumo de produtos do mar e alimentos locais, que “confiren uns beneficios de saúde moi importantes”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta