Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/06/2025 | Actualizada ás 15:05
A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental ao proxecto para construír un centro de recría de gando vacún leiteiro no concello coruñés de Sobrado dos Monxes. A instalación, promovida por Gandaría de Rañón, terá capacidade para aloxar un total de 1.262 cabezas de recría de vacún leiteiro de distintas idades, equivalentes a 741 prazas de gando vacún leiteiro adulto.
O centro de recría localizarase nunha parcela cunha superficie total de preto de 47 hectáreas no lugar de Rañón, na parroquia de San Xulián de Grixalba. Contará con dúas naves de cría, tres silos de penso, unha palleira, catro silos de subproductos, cinco silos de forraxe, unha fosa de xurro, unha estercoleira con separador de fases, un lazareto, tres naves de corentena e un camiño pavimentado.
O informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente considera que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados. O informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública sen que se recibise ningún escrito ou alegación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.