O BNG pide rectificar a "neutralidade ideolóxica" e o conselleiro defende: "É a base do pensamento crítico"

Cuestionado sobre a decisión da UDC de demandar unha Facultade de Medicina, Román Rodríguez aposta por "sumar no canto de dividir".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 25/06/2025 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Cristina Fernández pediu á Xunta que rectifique a instrución pola que se insta aos centros educativos a garantir a "neutralidade ideolóxica" nas actividades escolares e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, volveu a defender que é "a base do pensamento crítico". Así o trasladou a nacionalista nunha pregunta oral no pleno do Parlamento de Galicia deste martes, na que acusou ao Goberno galego de tratar de "acalar a opinión crítica do alumnado".

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, responde a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de Galicia
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, responde a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: XUNTA

"Queren evitar que o alumnado mostre a súa oposición a Altri, que denuncien o xenocidio do pobo palestino ou que defendan o uso normalizado do galego", exemplificou. Así mesmo, reiterou a petición de cesamento do subdirector xeral de Inspección Educativa por mostrar en publicacións nun blogue persoal as súas "firmes conviccións ideolóxicas ultras e radicais" e nas que "define ao profesorado como unha clase ociosa". Tras isto, o conselleiro volveu a reivindicar que a "neutralidade ideolóxica" é algo "esencial" no sistema educativo e pediu defender "a liberdade de expresión e o respecto ao diferente".

Neste sentido, acusou aos nacionalistas de facer unha "limitación de parte" cun "certo tufo totalitario" que, na súa opinión, "utilizan só cando lles interesa e teñen unha especie de visión supremacista". "Supoño que son conscientes de que están a cuestionar a un funcionario público por expresar libremente as súas ideas; non un alto cargo, senón un funcionario público. É máis, non só cuestionan, esixen represalias. A súa metodoloxía é xa coñecida: cando algún funcionario non lle dá a razón, critícano ou piden represalias", espetou Román Rodríguez.

Na súa réplica, a parlamentaria do Bloque advertiu de que a comunidade educativa "non vai quedar parada" e defenderá "os dereitos do alumnado e do profesorado" que, apuntou, "agora son fiscalizados por un cargo do PP que di que son unha clase ociosa". A continuación, o titular de Educación reiterou que o obxectivo do sistema educativo é "formar cidadáns libres e con pensamento crítico". "A neutralidade é a base do pensamento crítico e vostedes son máis do pensamento único", subliñou para, a continuación, cuestionar ao BNG por que "din que non á neutralidade ideolóxica e din que si á persecución ideolóxica das persoas".

MEDICINA: "SUMAR NO CANTO DE ROMPER"

Por outra banda, o conselleiro foi preguntado polo deputado do Grupo Popular Xullo García Comesaña sobre a decisión "unilateral" do reitorado da Universidade da Coruña de crear un novo grao en Medicina. Para o conselleiro, esta demanda "non é algo novo", pero si que é "novidade" que xorde como unha proposta "unilateral, sen diálogo coa administración nin coas outras universidades galegas" e, ademais, "xerou, en xeral, un rexeitamento por parte dos actores que conforman o sistema universitario". 

Nesta liña, defendeu que os "grandes acordos" fixéronse sempre "por consenso" e apostou por "sumar no canto de dividir". "Se somos capaces de integrar todos os recursos que existen no sistema, gañamos; se rompemos, se fragmentamos e dividimos, perdemos", destacou. Así, explicou que hai dúas posibilidades: manter unha única Facultade "forte" ou tres facultades en Galicia. Ante estas opcións, Román Rodríguez manifestou que se debería "aprender" doutras cuestións "vertebrais para o país que teñen un pésimo percorrido" e volveu a reiterar que aposta "sempre" por "sumar no canto de por romper".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta