Festa da Empanada, un referente gastronómico e cultural de Allariz

Celebrarase durante a fin de semana do 22 ao 24 de agosto e contará con actividades para todos os públicos. O sábado 23 terá lugar o XXXIII Triatlon e o domingo 24 a tradicional Festa Campestre no Campo de Vilanova.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 13/08/2025 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A programación da edición 2025 inclúe actividades para todos os públicos, combinando tradición e modernidade. O prato forte será a Xornada Gastronómica do sábado 23 ás 21:00h, cunha degustación da coñecida empanada de Allariz nos Xardíns do Museo do Coiro. Ademais, durante toda a fin de semana haberá venda de empanadas en panaderías, pastelerías e locais de hostalería da vila.

Presentación da Festa da Empanada 2025. Cristina Cid e Alberto Conde terman do cartel. Foto: Concello de Allariz.
Presentación da Festa da Empanada 2025. Cristina Cid e Alberto Conde terman do cartel. Foto: Concello de Allariz.

O programa arrincará o venres 22 ás 20:30h cunha proposta teatral na Praza do Matadoiro: “Entre fíos ando ao lío” da compañía Punto en Boca, e continuará cun concerto nocturno de Budiño-Branca Vela 2025 ás 22.30 h nos Xardíns do Museo do Coiro.

O sábado 23 celebrarase tamén o XXXIII Tríatlon Vila de Allariz, ás 18:00h na Alameda, seguido ás 21 h da xornada gastronómica de degustación de empanadas e do concerto da Orquestra Neverloura, e dunha sesión de Discomóbil con DJ xa entrada a madrugada.

O domingo 24 chega cunha intensa xornada de actividades que inclúe: Pasarrúas e concerto da Banda Cultural Instructiva Unión Musical Genovesa de Valencia; XXXV Regata Provincial de Piragüismo; Desfile de Xigantes e Cabezudos coa participación do grupo de gaitas De Pé Feito;  a presentación do C.D. Allariz e partido contra o C.D. Seixalvo; Concerto do grupo Os d’Abaixo no campo de Vilanova; e Baile popular coa orquestra La Oca Band.

Desde as 11:30h, o Campo de Vilanova acollerá a tradicional Festa Campestre, con churrasco e polbo durante todo o día, nun ambiente familiar e festivo. A entrada será de balde.

A alcaldesa Cristina Cid convida “a toda a veciñanza e visitantes a gozar dunha fin de semana chea de sabor, cultura e tradición”, mentres que o concelleiro de cultura, Alberto Conde, destaca “a aposta do Concello por manter vivas as nosas festas máis emblemáticas, combinando calidade e participación”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta