O escritor estadounidense Mark Twain, autor de grandes obras literarias como “O príncipe e o esmoleiro” ou “Un ianqui na corte do Rey Arturo, no ámbito dos temas celestes deixounos unha cita bastante pertinente á vez que certeira: “O ceo gáñase por favores; se fóra por méritos, vostede quedaría fóra e o seu can entraría” (que sería o mesmo que dicir que se o mundo fose realmente un lugar xusto, todos e cada un de nós teriamos que estar crucificados).
O último de Alberto Martín Méndez titúlase “La verdadera dimensión del cielo” (edicións Rilke). Con este novísimo poemario, o autor pontevedrés -mostrándose cun estilo intimista e de crítica social- fálanos detidamente e con certos espaventos meramente líricos, sobre a súa visión do ceo, da Terra e do mundo actual no que sobrevivimos a base de ansiolíticos, gas mostaza, xenocidios absolutamente vergoñosos e, por sorte, esperanza e empatía.
A obra, que se divide en tres partes e remata a xogada versificadora cun poema a modo de epílogo, succiona a peito aberto e adecuadamente as emocións máis profundas, tanto propias como forasteiras, convertendo estes sentires en versos que conseguen que o lector recapacite sobre as cuestións fundamentais do seu paso polo planeta Terra.
Hai en neste libro imaxes moi potentes que lograrían que se desmallase un rinoceronte branco no medio da sabana africana; ao mesmo tempo, topámonos unha detallada maneira de embelecer, algo que converte ao poeta nunha voz particular e verdadeiramente recoñecible polos seus xa asiduos lectores; unha voz -ou frecuencia lírica- que manexa o fío dos versos con letras minúsculas e poucos signos de puntuación, fóra dun único poema dentro do libro que estamos a tratar.
No poema “Paula” (páx. 14), por exemplo, o poeta atrévese a situarnos dentro e fóra dun sentimento que racha as rarezas e reconcilia o cotián co primordial ao dicir: “Yo te llevaré a los templos donde reza la música”; seica sexa esta unha promesa con tinguiduras tranquilizadores ou tan só unha mostra de afecto coa que é imposible competir por moito que as obrigacións do día a día pídannos o contrario.
A poesía é, ante todo, unha forma de expresión emocional. A través dela, os poetas plasman os seus sentimentos máis profundos e compártenos con todos aqueles lectores que estean dispostos a “sufrir” unha catarse. A poesía permítenos examinar en profundidade e sen andrómenas o amor, a dor, a alegría, a tristeza… sempre dunha maneira que poucas outras formas de arte poden lograr.
A poesía é unha linguaxe do espírito que transcende os muros do tempo, do sentimento e do espazo, vinculando ás persoas a un nivel profundamente humano e, isto, se se me permite aseveralo, conségueo moi fielmente Alberto Martín con esta obra que, a nivel persoal, logrou remover o meu psiquis mentres a ía degustando, lendo, como quen le ou relé un cosmos repleto de buracos negros e estrelas que piden unha tregua ou simplemente un momento de calma cósmica.
E, sobre o anteriormente mencionado, engadir que eses sentimentos que nos fan seres que transcienden máis aló do usual son, en definitiva, o que consegue representar Alberto Méndez coa súa escrita, cal rapsoda insurxente e benévolo que non acepta facilmente as normas dunha sociedade de pecadores que xulgan a outros pecadores por pecar de forma diferente.