Gas Natural Fenosa insiste na súa intención de destrozar a Fraga de Catasós

A compañía eléctrica recorrerá a sentenza que lle prohíbe pasar liñas de alta tensión pola fraga de Casas Vellas. Adega denuncia a “chafalleira” tramitación do informe de impacto ambiental e responsabiliza á Xunta.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 09/02/2017 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

Gas Natural Fenosa insiste en destrozar unha fraga centenaria e máxica, a de Catasós, en Lalín, a pesar de ter a firme oposición do Concello, dos veciños e, sobre todo, dunha sentenza xudicial que quere recorrer.

Fraga de Catasós, en Lalín
Fraga de Catasós, en Lalín

O Concello de Lalín considera “sorprendente e irresponsable” que a eléctrica queira manter a vía xudicial no canto de buscar alternativas a unha liña de alta tensión que, como quedou acreditado na sentencia, causaría un gravísimo impacto ambiental. Tamén acusa ao PP de situarse claramente en contra dos intereses de Lalín e “a prol de quen quere ocasionar graves danos ambientais nun monumento natural”.

O Concello critica á eléctrica e di que, no canto de insistir de maneira temeraria na vía xudicial, os responsables de Unión Fenosa deberían “recapacitar, abrir os ollos á realidade e desbotar seguir adiante cun proxecto inasumible” dende o punto de vista social e  medioambiental. 

A única solución, para o Concello de Lalín e veciños pasa por que a compañía eléctrica se poña a traballar canto antes para presentar unha alternativa que permita dar satisfacción as necesidades enerxéticas desta vila e que, ao mesmo tempo, non resulte lesiva para os seus lexítimos intereses.

“Chafalleira” tramitación

Por outra banda, Adega di que Xunta e Fenosa deben subsanar a “chafalleira” tramitación da LAT de Catasós para salvar definitivamente a fraga. Así, suliña que a sentenza pon en evidencia “a fraudulenta tramitación ambiental realizada pola Xunta”. 

“Cando unha administración, na tramitación dun procedemento, adoita unha resolución (Declaración de Impacto Ambiental) cuxo contido xera serísimas dúbidas sobre a súa veracidade, fica claro que existe un serio problema de rigor e imparcialidade no proceder da Xunta, que mesmo podería ter incorrido en prevaricación”, indica nun comunicado.

Adega considera que a fundamentación tan inusual da xuíza, “evidenciando a fraudulenta e chafalleira tramitación do proxecto”, ten “auténtico valor demostrativo” para a loita ambiental. E tamén que pon en evidencia que este tipo de “adulteracións dos estudos ambientais existen”, e que “poucas veces son postos en entredito dunha maneira tan clara”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta