Silencios preocupantes ante o espolio das caixas

Que opina a candidata do PP vigués, Corina Porro, sobre o espolio da caixa galega?...

Por Santi Domínguez | Vigo | 15/03/2011

Comparte esta noticia

Que opina sobre o feito de que o seu partido se abstivese na votación do decreto do goberno que condena á nova caixa galega á perda da súa condición de entidade semipública, no mellor dos casos? Que opina sobre o risco real de que nin sequera poidamos “salvar os mobles” e manter unha entidade galega, aínda que sexa mediante un banco asociado?

Até o de agora, sobre este tema, e sobre outros temas relevantes da cidade, a candidata popular non opina. Bendice o que faga o Partido Popular, que en Galiza asegura estar preocupado pola nosa caixa, mentres en Madrid dá carta branca a un decreto feito para entregar o aforro dos galegos e galegas á banca privada. Na mesma liña de evitar asumir responsabilidades, pero desde o outro partido estatal, vemos como hoxe o ministro José Blanco asegura que os problemas da caixa derivan da fusión e non do decreto. Todo o mundo sabe que o decreto do Banco de España o que pretende é rematar coas caixas de aforro para entregarllas á banca privada, diga o que diga o ministro de Fomento.

Como dixen o venres en rolda de prensa: os galegos temos dereito a ter caixas de aforro, como van seguir tendo cataláns e vascos. A batalla aínda non está perdida, e desde logo sería moito máis fácil se as delegacións galegas de PP e PSOE pensasen máis nos intereses do noso país e menos nos intereses dos seus xefes en Madrid.

Milleiros de galegos e galegas manifestámonos onte en Santiago en defensa de Novacaixagalicia. Desde aquí, quixera chamar aos distintos sindicatos, asociacións de empresarios, movementos sociais, asociacións de veciños e outras organizacións a apostar polo futuro de Vigo e de Galiza, que pasa por manter un instrumento fundamental para financiar a economía produtiva e que ademais invisten os seus beneficios en obra social en lugar de repartilos entre accionistas, como son as caixas de aforros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Santi Dominguez Naceu en Vigo en 1964. Candidato do BNG á alcaldía de Vigo. Tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Turismo, Industria e Comercio do Concello de Vigo. Iniciou a súa traxectoria como concelleiro no Concello de Vigo no ano 1995. Foi director xeral para o Deporte da Xunta de Galiza entre os anos 2005 e 2007, etapa na que se disputaron os primeiros partidos da selección galega e se fundou o equipo profesional de ciclismo galego. A súa traxectoria profesional estivo ligada sempre ao ensino e á formación. Diplomado en Ensino, traballou como profesor de galego, inglés e lingua española no colexio San José de Teis, onde coordinaba o equipo de Normalización Lingüística e fundou o Club de Baloncesto San José. Posúe o título de adestrador nacional de baloncesto.