Por Santi Domínguez | | 27/06/2011
PP e PSOE teñen que deixar de pelexar por ver quen preside a Área Metropolitana. Pola contra, é preciso clarificar as cuestións verdadeiramente fundamentais, como son a definición das súas competencias (tras o baleirado doutras administracións para evitar duplicidades) e o seu financiamento claro. Sobre estas cuestións cómpre chegar a acordos para que esta nova entidade cumpra o seu principal obxectivo: a vertebración do territorio.
Pero o consenso tamén debe predominar no obxectivo de que a Área Metropolitana debe ser útil para os veciños e veciñas dos concellos implicados, tal e como puxemos enriba da mesa na xuntanza que a semana pasada tivemos Carme Adán, Henrique Viéitez e Manuela Rodríguez, cos secretarios comarcais de CIG, Serafín Otero, UGT, Antonio Juste, e CCOO, José Cameselle.
Se queremos que a Área Metropolitana funcione debemos evitar que se convirta nun chiringuito de poder, e para ilo temos que falar de que servizos vai prestar. Neste sentido, o BNG presentou unha emenda á totalidade así como emendas parciais ao proxecto de lei, que se debatirá mañá no Parlamento.