Defendendo os nosos intereses en Bruxelas

Representantes de Escocia, Gales, Cataluña, Córsega e Euskadi participaron este xoves 30 nas xornadas da Alianza Libre Europea sobre fondos de cohesión.

Por Santi Domínguez | Vigo | 04/04/2011

Comparte esta noticia

Viaxei até o Parlamento Europeo en Bruxelas, convidado por Ana Miranda, futura eurodeputada do BNG para  intercambiar e compartir experiencias de xestión, en calidade de tenente alcalde de Vigo. Son dos que pensa que iniciativas como a ALE (partido europeo formado por distintas organizacións nacionalistas ou representantes de minorías nacionais de toda Europa) nos deben servir para coñecer o que se fai noutras latitudes -por exemplo, no goberno en solitario do SNP en Escocia- e tamén para dar a coñecer a nosa acción de goberno nas institucións galegas.

Na miña intervención, baixo o título: “Vigo, o caso dunha cidade da periferia atlántica de Europa”, mencionei a importancia de que se manteñan os fondos de cohesión para territorios como Galiza e a área de Vigo, fondos que non son un agasallo de Alemaña senón que se instituíron para compensar os desequilibrios causados pola integración europea. Estou convencido de que Vigo é o vínculo decisivo entre Galiza e o Norte de Portugal e que isto debe ser un argumento para esixir un trato especial por parte das institucións comunitarias debido á súa consideración de cidade fronteiriza e portuaria.

Lembrei aos asistentes que o sector pesqueiro está pagando hoxe as consecuencias dunha política pesqueira común que discrimina a nosa frota pesqueira, e tamén critiquei o acordo para a importación de conservas de Papúa-Nova Guinea, que pode prexudicar notablemente ao noso sector conserveiro. Así mesmo, trasladei a miña preocupación porque a actual a Consellería do Mar teña máis preocupación por construír portos deportivos e promover a acuicultura industrial que de apoiar un verdadeiro sector estratéxico para Galiza.

Outra reflexión que creo que debemos facer é a necesidade de mellorar a capacidade dos concellos de acceder directamente aos distintos programas comunitarios para reducir a burocracia e os pasos intermedios. A presenza do Concello de Vigo (e do BNG) en foros coma este representa ben o orgullo que sinto pola miña condición de galego e de vigués, fronte a outros representantes políticos que consideran a galeguidade como unha condición negativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Santi Dominguez Naceu en Vigo en 1964. Candidato do BNG á alcaldía de Vigo. Tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Turismo, Industria e Comercio do Concello de Vigo. Iniciou a súa traxectoria como concelleiro no Concello de Vigo no ano 1995. Foi director xeral para o Deporte da Xunta de Galiza entre os anos 2005 e 2007, etapa na que se disputaron os primeiros partidos da selección galega e se fundou o equipo profesional de ciclismo galego. A súa traxectoria profesional estivo ligada sempre ao ensino e á formación. Diplomado en Ensino, traballou como profesor de galego, inglés e lingua española no colexio San José de Teis, onde coordinaba o equipo de Normalización Lingüística e fundou o Club de Baloncesto San José. Posúe o título de adestrador nacional de baloncesto.