Por Santi Domínguez | Vigo | 12/05/2011
O traballo dos pequenos e medianos comerciantes, que traballan numerosas horas e só teñen un día á semana para descansar sempre merecerá o meu máximo respecto. Por iso, foi un área que me supuxo unha grande satisfacción dirixir persoalmente desde a Tenencia de Alcaldía, e é un área pola que o BNG aposta no seu programa electoral para os próximos catro anos.
A concellaría de Comercio conseguiu, nestes catro anos, moitas melloras para o sector, como me teñen recoñecido os e as profesionais do sector. A partir do 2007, por fin houbo un departamento dedicado totalmente ao comercio no Concello de Vigo, xestionando esta área desde o diálogo coas asociacións de comerciantes, cando antes o único que se facía desde o Concello era o alumeado de Nadal.
Nós puxemos en marcha a reforma do Mercado do Progreso , deseñamos o proxecto para o novo Mercado do Berbés e investimos, en definitiva, en torno a catro millóns de euros entre axudas directas é subvencións ás familias con dificultades económicas para que consumiran no pequeno comercio de Vigo. De feito, recibín protestas dalgúns representantes das grandes áreas comerciais porque dicían que desde o concello estaban sendo discriminados. E eu afirmo: si, estabamos facendo discriminación positiva en favor do pequeno e mediano comercio.
O domingo 8, no terceiro día oficial de campaña, presentamos as nosas propostas en materia de comercio. Entre elas está a mellora da web De Tendas Por Vigo para que se poida facer compra on-line, pero a máis importante é o meu compromiso persoal e do Bloque Nacionalista Galego de crear un regulamento municipal que dificulte a instalación de grandes áreas comerciais. Porque é preciso seguir apostando polo pequeno e mediano comercio que dinamiza a vida dos nosos barrios e parroquias.