O Goberno insiste que hai investidores interesados en Alcoa pero os sindicatos falan de "traizón"

Desde a Delegación do Goberno en Galicia sinalan que hai ofertas sobre a mesa para as factorías mentres que os sindicatos falan de "traizón" do Ececutivo central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2019 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

O Goberno asegurou este xoves que os posibles investidores para as plantas de Alcoa seguen interesados aínda que este venres non se aprobe o decreto polo que se regula o Estatuto de consumidores electrointensivos. "Non é necesario", aseverou a delegada do Goberno en Asturias, Delia Losa, en declaracións aos medios tras reunirse con dirixentes sindicais de UGT, CC.OO. e USO, quen coincidiron en falar de "traizón" por parte do Executivo de Pedro Sánchez aos traballadores da multinacional.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, xustifica que se vai a "atrasar un tempo" o texto para dar "unha estabilidade a longo prazo" aos investidores interesados en Alcoa, mentres remarca que "hai ofertas concretas sobre a mesa". En declaracións aos medios, Losada indicou que se reuniu esta tarde co comité de empresa de Alcoa na Coruña para trasladarlles esta información "de primeira man".

O delegado do Goberno en Galicia remarca que o estatuto recibiu medio centenar de alegacións de sindicatos e goberno autonómicos, das cales se introduciron "a maioría" das peticións, pero é necesario "reavaliar" o estatuto tras as recomendacións de Competencia en relación coa "libre competencia" e aspectos técnicos para "conseguir a máxima seguridade xurídica".

APROBACIÓN EN CANTO SEXA POSIBLE

Segundo a delegada do Goberno en Asturias, tras coñecerse esta mañá un informe da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) que aconsella revisar o contido do borrador para garantir a "máxima seguridade xurídica", constatouse a "imposibilidade" da aprobación do Estatuto este venres no último Consello de Ministros antes das eleccións xerais do domingo 28 de abril.

Losa entende que poida haber "decepción" entre os traballadores e os seus representantes pero rexeita que se fale de "traizón" ao argumentar que hai veces que "se dan circunstancias" que "condicionan" a vontade dun goberno para levar a cabo os seus compromisos. Uns compromisos que, asegura, mantén o PSOE de Sánchez tanto para garantir o futuro de Alcoa como para a aprobación do Estatuto en canto sexa posible.

Deste xeito, incide en que o Goberno "non ten temor" a que a ausencia momentánea de Estatuto vaia a afectar á negociación de Alcoa. "Era desexable", admite, pero sostén que non é "necesario" para os investimentos en Alcoa, apuntando a tres empresas interesadas na planta avilesina. Unha análise completamente contraria fixeron os secretarios xerais de UGT, CC.OO. e USO en Asturias, Javier Fernández Lanero, José Manuel Zapico e Israel Castro, respectivamente. O tres incidiron en sinalar a súa "decepción" tras o encontro e reprochar o "engano" e a "falta de respecto" do Goberno central cos traballadores de Alcoa, aos que "mentiu".

Unhas críticas que dirixiron tanto ao presidente, Pedro Sánchez, como á ministra de Industria, Reyes Maroto, e tamén á candidata do PSOE ao Congreso por Asturias e vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra. Na mesma liña, e mesmo máis contundentes, mostráronse os responsables de Industria de CC.OO. e UGT, Damián Manzano e Jenaro Martínez, ao cualificar de "traizón" o xiro inesperado nun compromiso adquirido varias veces polo Goberno para aprobar antes das eleccións un Estatuto que dese estabilidade á industria electrointensiva, especialmente ante a "urxencia" da situación de Alcoa.

Os sindicatos inciden en que o informe da Comisión "non é vinculante" e consideran que debería primar o compromiso político para dar "tranquilidade" ao persoal de Alcoa que non ten "dous ou tres meses" para esperar a que se aprobe o Estatuto. Por iso, anuncian actuacións para os próximos días, comezando cunha reunión este venres co presidente do Principado, o socialista Javier Fernández, e o conselleiro de Industria, Isaac Pola. Pero os sindicatos van máis aló e, en palabras de Damián Manzano (CCOO), vanse converter no "pesadelo" do PSOE no que queda da campaña das eleccións xerais e tamén para as autonómicas do 26 de maio.

Alcoa . EUROPA PRESS - Arquivo
Alcoa . EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta