A gandería sen terra, un modelo alleo que colle forza en Galicia

“Todo o mundo sabe como se produce a carne barata. Os holandeses e os alemáns hai moito tempo que sofren as consecuencias, por iso agora veñen aquí e andan cebando porcos....", din desde o MEL. O SLG corrobora a implantacion dun novo modelo gandeiro lesivo, mentres que ADEGAL asegura que "cada vez se están facendo mellor as cousas".

Por Alicia Casas | A LIMIA | 06/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As parcelas que na Limia levan por nome ‘de sacrifico’ comparten o alcume que usan en Chile para falaren dos territorios sacrificados en prol de actividades industriais que deterioran a calidade de vida, o desenvolvemento, e a saúde dos seus habitantes. Trátase dunha categoría teórica que refire á invisibilización dunha comunidade. E a contaminación por nitratos na Limia, piden dende o Movemento Ecoloxista da Limia, debería investigarse. Din que mesmo teñen chamado os cazadores  porque aí onde botan os xurros acaban por morrer os coellos e as perdices. 

Manuel García, agricultor da Limia (Ourense) e activista ambiental. PEDRO ARMESTRE
Manuel García, agricultor da Limia (Ourense) e activista ambiental. PEDRO ARMESTRE

“Se fora só mexo, ouríns e merda, aínda menos mal, pero é que aí van parar todos os medicamentos e antibióticos, os desinfectantes que usan para limpar as naves...”, lamenta Manuel García. O labrego fala dos pensos cos que alimentan aos animais, feitos con soia e transxénicos, a base de “esquilmar selvas” que, logo verquidos en xurros, esnaquizan outros lugares. Territorios sacrificados, si, pero para quen ou que, cal é a razón de estado que actúa como xustificante? Sábese que o sector gandeiro atravesa unha fonda crise e a poboación no rural esmorece. Sábese tamén que lonxe de reverterse a tendencia na Limia, hai menos da metade dos 41.800 habitantes que había a finais do século pasado. 

A regresión demográfica é parella á regresión da provincia, e paralela ademais ao modelo agrogandeiro que se ten intensificado durante todos estes anos. Para Isabel Vilalba, secretaria xeral  do Sindicato Labrego Galego, termos un rural vivo pasa por ir a producións de alta calidade: “que haxa moitos proxectos e non proxectos macro, e en base a uns criterios de sostibilidade, con garantías co propio medio de que esa terra non se contamina e segue sendo fértil e viva”. A gandaría intensiva comezou na comarca nos anos 70 e nos 80 continuou medrando. Autorizáronse novas granxas e a ampliación das existentes, “mesmo estando á beira dos pobos, e iso é o máis lamentable, que durante décadas o Goberno galego non esixiu ningún tipo de trámite”, censura o ecoloxista integrante do MEL. 

"AS COUSAS ESTÁN MELLORANDO"

Sobre eses verquidos de estercos e puríns que provocan a contaminación por nitratos, a presidenta da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL), Maite Joga, defende que “cada vez se están facendo mellor as cousas e aínda se pode seguir mellorando”. Para iso demandan unha normativa “distinta” e “infraestruturas para tratar os nosos residuos que non existen noutras comarcas” porque “aquí a agricultura e a gandaría funcionan como auténticas empresas”.

Maite Joga fai fincapé en que canda o decreto de fertilización que prohibíu aplicar os puríns co sistema de prato, as empresas tiveron que cambiar o sistema de cisternas e mesmo os tratores e “supuxo un coste económico bestial, co cal moitísimas instalacións pecharon”. Agora, co decreto do Goberno que endurece a normativa de contaminación e a sombra da declaracón da Limia como Zona Vulnerable a Nitratos, dende ADEGAL atópanse “á espera” de saber que medidas afectarán.

UN MODELO ALLEO A GALICIA QUE COLLE FORZA

Moitas foron as décadas de verquidos e moitos os intentos fracasados por protexer un territorio no que hai demasiados animais. Logo das denuncias en Bruxelas, dos burofaxes de ADEGAL cara aqueles que loitaban contra a contaminación, da demanda na que Coren reclamaba a Manuel García un millón por mostrar as ilegalidades en RTVE... Constituíuse a Mesa da Limia para o encontro entre as administracións, o sector agrogandeiro e as organizacións sociais.  

Foi entón cando a Xunta recoñeceu que nos últmos anos se estaba a observar en algunhas comarcas de Galicia-- non só na Limia, tamén no Deza, en Bergantiños ou na Terra Chá-- unha concentración de actividade gandeira intensiva que supuña un risco ambiental. E segundo un informe de Greenpeace, Galicia lidera hoxe o ránking estatal no aumento da contaminación por nitratos, medrando nun 201% nos últimos anos; e é a segunda comunidade que máis contribúe á crise climática coa gandaría industrial.

“Todo o mundo sabe como se produce a carne barata. Os holandeses e os alemáns hai moito tempo que sofren as consecuencias, por iso agora veñen aquí a España e andan cebando porcos en Cataluña e Aragón” di o militante ecoloxista Manuel García antes de incidir en que “prefiren pagar e levar a carne limpa a seguir contaminando as súas augas”. Para o agricultor ecolóxico, a responsabilidade do auxe deste modelo é, no fondo, das administracións competentes e dunha xustiza que está ao servizo da gran empresa. 

"GANDERÍA SEN TERRA"

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego fala da produción de tenreira galega, da produción de porco celta, e do “frustante” que resulta falar da gandaría sen terra coa imaxe dunha vaca como pano de fondo. Lamenta que en Galicia se intensificara o modelo de gandaría industrial naqueles lugares onde se seguiron dando novas autorizacións e reivindica un modelo que “non é cousa nova que é sostible, nel podemos inspirarnos para que a nosa bandeira sexan esas producións de alta calidade que serven para xerar riqueza”. “A gandería sen terra é un modelo en xeral totalmente alleo a Galicia e temos que ter boa determinación de que non o queremos”, zanxa.

Namentres, desliza a preocupación da organización de que exista só unha alimentación de calidade para unha élite e móstrase partidaria de regular na cadea o que é un prezo xusto en orixe. Pola súa banda, a presidenta de ADEGAL sinala que 'máis animais e menos granxas' é o modelo produtivo en si. “É a sociedade a que duns anos para esta parte nos empuxa á necesidade deste tipo de cousas. Calqueira gandeiro sabe que con catro vacas non ten nin para cubrir custes”, di.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta