Veciños desaloxados polos incendios: "É moi duro saír da túa casa"

Arden a mítica aldea do Vilar no Courel, a de Alixo no Barco e a de Río de Bois. Casas desaloxadas en varios núcleos.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 18/07/2022 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Varias aldeas e multitude de vivendas, entre elas a de Vilar, no Courel, onde se ubica un museo etnográfico particular, foron xa pasto das lapas. Así, resultarían calcinadas numersosas casas das aldeas de Vilar, en Folgoso do Courel, Alixo no Barco e Río de Bois, na Pobra do Brollón.

Veciños evacuados polo lume na Serra de Caurel, a 17 de xullo de 2022, na Pobra do Brollón, Lugo
Veciños evacuados polo lume na Serra de Caurel, a 17 de xullo de 2022, na Pobra do Brollón, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

O alcalde do Barco, Alfredo García, informou de que na parroquia de Alixo, a "zona cero" dos lumes no municipio, arderon 15 casas. En declaracións a Europa Press, indica que "as casas aínda botan fume" na mañá deste luns, polo que un camión baixou ao Barco para "seguir refrescando" a zona de Alixo.

Con todo, explica que a situación se atopa "máis tranquila" nestes momentos, aínda que existe "certo perigo no caso de que cambie o vento" na parroquia de Santa Mariña. Así, producíronse desaloxos de decenas de veciños nas parroquias de Alixo, Vilariño e Soulecín, aínda que o rexedor non conta cunha cifra total. O lume de Carballeda de Valdeorras, que arrasa 2.400 hectáreas e que obrigou a activar a Situación 2 pola proximidade ao núcleo de Candeda, chegou ata o municipio do Barco.

DESALOXOS E CASAS QUEIMADAS 

Pola súa banda, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, resaltou que a situación "segue sendo complicada", posto que "empezou a levantar o vento sur" e espérase que "aumente" a partir de mediodía. "Esa mesma situación tiñámola onte pola mañá (polo domingo), onde os lumes estaban perimetrados e ás dúas da tarde montouse un cacao inimaxinable", avisa.

Cifra entre 80 e 100 os veciños que tiveron que ser desaloxados, principalmente nas parroquias de Parada dos Montes e Salcedo. Así mesmo, arderon "unha ou dúas casas" e algún alpendre na aldea de Río de Bois, na parroquia de Parada dos Montes, na que apunta que non vive ninguén, pero si que hai segundas vivendas. Na parroquia de Saa, hai unha Situación 2 activa, con 700 hectáreas queimadas. Outro lume queima unhas 50 hectáreas en Saa.

No tocante a Folgoso do Courel (Lugo), a alcaldesa, Lola Castro, apuntou que "arderon casas no pobo de Vilar", onde o fume impedía que as avionetas puidesen ver. Ata alí desprazáronse bombeiros e voluntarios, pero ao chegar xa arderan os inmobles.

Remarca que este luns se está traballando intensamente no lume que afecta á aldea de Santa Eufemia. Ademais, informa de que se sacou aos veciños das súas casas de "Folgoso todo cara abaixo" e "desaloxouse rápido". "Hai xente que se enfada, pero non había outro remedio", afirma. Asegura que "nunca" na vida imaxinouse "vivir unha situación así", á vez que lamenta a "impotencia" existente.

O único obxectivo que se impón agora a alcaldesa do Courel é "salvar os pobos", á vez que puxo o acento no ambiente "irrespirable" polo fume. "Non se respira do fume que hai", subliñou. Segundo a última información de Medio Rural, en Folgoso do Courel van case 4.000 hectáreas arrasadas, con dous incendios de Situación 2 na parroquia de Vilamor, así como outro en Seceda, tamén con risco para as casas.

A Consellería do Medio Rural tamén solicitou como medida preventiva a Situación 2 por perigo para casas no núcleo de Rabal, parroquia homónima, no concello de Oímbra, así como para o núcleo de Mandín, no municipio de Verín, debido a un incendio forestal que entrou desde Portugal ás 15,23 horas. Nas tarefas de control deste incendio participan catro avións, dous helicópteros, catro brigadas e un axente, entre outros.

A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, explica que "agora mesmo está todo o mundo fóra porque están as chamas moi preto das casas". "Non houbo evacuación en si, pero todo o mundo saíu das súas casas para tentar protexerse".

A rexedora sinala que en Rabal hai sobre 250 veciños. Polo momento descoñécese se se viu afectada algunha casa polo lume na zona.

Incendio procedente de Portugal, a 17 de xullo de 2022, en Oímbra, Ourense, Galicia / Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press
Incendio procedente de Portugal, a 17 de xullo de 2022, en Oímbra, Ourense, Galicia / Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazábase esta tarde ata o concello ourensán do Barco. Previamente, na mañá deste luns visitou o posto de mando avanzado da Pobra do Brollón e estivo coa alcaldesa de Folgoso e veciños desaloxados ao concello de Triacastela.

VECIÑOS

Nervios, preocupación, pero tamén paciencia e esperanza é o que expresan algúns dos centos de veciños que nas últimas horas tiveron que abandonar as súas vivendas pola súa proximidade aos incendios na zona do Courel.

Na Pobra do Brollón, unhas 20 persoas das parroquias de Salcedo e Saa aloxáronse na noite do domingo ao luns no pavillón municipal, pero outras recorreron a casas de familiares e amigos para pasar as horas de angustia, coa esperanza de que todo termine pronto porque se lles fai "moi duro" ter que saír das súas casas, tal e como manifestan.

"É unha situación, evidentemente, complicada", explica Xosé Gago, técnico de Cultura e Turismo do Concello da Pobra responsable das instalacións. "É unha situación de tensión, pero hai que ver como a xente está a chegar cunha actitude moi tranquila, con ganas de pasar o mal grolo o mellor posible", recalca.

O pavillón municipal, habilitado como aloxamento provisional desde este domingo, ten capacidade para acoller un total de 105 persoas, aínda que a noite pasárona alí unha vintena. Ademais dunhas liteiras que xa se atopaban alí gardadas, a Cruz Vermella despregou decenas de camas porque, aínda que a situación actual "é estable", trabállase tentando ver "un pouco máis aló".

Así mesmo, Gago destaca a "colaboración" doutros habitantes da zona que chaman e achéganse a deixar comida e bebida e, mesmo, a charlar para acompañar aos seus familiares e amigos a pasar as horas de angustia.

Marisa é unha veciña da parroquia de Salcedo que "por precaución" tivo que deixar a súa vivenda, o que lle pareceu "incómodo" pero tamén "duro, moi duro". "Foi, sobre todo, pensando no fume", explica ante os micrófonos da prensa, xa que o lume non estaba tan próximo ás vivendas pero "en calquera momento pode dar a volta" o vento.

Antes de acudir a casa dunha amiga a pasar a noite, Marisa foi desaloxada por unha patrulla da Policía Autonómica que, por sorte, tranquilizounos " moito". "É importante que transmitan calma e non que che saquen da cama ás 4:00 da mañá", expresa, na porta do pavillón onde durmiron varios veciños seus aos que foi a visitar este mediodía.

Sobre as previsións de volver á súa casa, recoñece que as forzas de seguridade non lles poden dicir gran cousa: "Eu entendo que é moi difífil dicir iso, porque depende de se dá a volta o aire, de se sobe a temperatura... Hai moitos focos, entón tampouco os responsables saben que dicir e en que momento".

Antonio Ribadeneira, un ancián orixinal de Salcedo ao que coñecen como Tucho, está na Pobra de Brollón de vacacións, pero tivo que pasar a noite no Hostal As Viñas xunto a outra ducia de persoas.

Tucho asegura que non chegou ver o lume e que se decatou de que estaban a desaloxar os veciños por unha chamada da súa muller, que estaba en Barcelona. Pouco máis tarde, a Policía chegou á súa vivenda e mandoulle marcharse. Agora, desde a contorna do pavillón e do hostal onde se atopa, di que "os avións non paran" de pasar cara á zona onde se atopan as chamas.

Tamén decenas de veciños foron desaloxados en Quiroga, nas parroquias de Outeiro, Nocedo e Vilar de Lor. Desta última --concretamente da localidade de Xestoso-- é Samuel Vilariño, un mozo que, xunto a outros 15 veciños, tivo que durmir no albergue do centro urbano do concello, que tamén está a ser ocupado por un campamento de verán xuvenil.

"Estaba na miña cama, na miña habitación, sobre as 23,00 ou 23,30 horas. Chegou a miña nai chorando a casa e díxonos que tiñamos que marchar", relata Samuel, quen explica que foi máis ben unha medida preventiva polo fume.

Este mozo ve aos veciños "nerviosísimos" e coa esperanza que "non chegue a máis a cousa". Iso si, tentan animarse "como se pode" e alí, no albergue, trátanlles "moi ben" non só achegando comida e bebida, senón tamén as instalacións para que se poidan asear.

Samuel confía en que os veciños melloren, aínda que "vai moi mal a cousa" porque "ás veces non hai suficientes helicópteros nin avionetas". "De feito, aquí, a Quiroga, veu unha brigada de Ponteareas, así que xa nos podemos imaxinar a magnitude disto", subliña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta