É o eucalipto unha especie invasora? Leccións das brigadas deseucaliptizadoras

Investigadores da Universidade de Santiago e da Universidade Sueca de Ciencias Agrícolas poñen en valor o labor dos grupos activistas e o seu coñecemento sobre esta polémica árbore.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 21 de abril de 2018 nacían as brigadas deseucaliptizadoras de Galicia cun obxectivo ben definido: eliminar os eucaliptos das terras comunitarias e reforestar os montes galegos con especies autóctonas no canto de especies exóticas e invasoras. Estas brigadas defínense a si mesmas como “unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización da Galiza”, para o cal “promoven accións de restauración ambiental en áreas con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización, estando abertas á participación de persoas voluntarias e titulares de parcelas de monte”.

Traballos das Brigadas Deseucaliptizadoras
Traballos das Brigadas Deseucaliptizadoras | Fonte: remitida

Coa intención de afondar neste movemento para comprendelo mellor, os investigadores Diego Cidrás, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, e Marien González Hidalgo, do Departamento de Desenvolvemento urbano e rural da Universidade Sueca de Ciencias Agrícolas, exploraron como os movementos ecoloxistas de base conciben as especies exóticas invasoras e, concretamente, o eucalipto en Galicia, somerxíndose nas chamadas brigadas deseucaliptizadoras. Os resultados daquela experiencia investigadora publícanse na revista científica Political Geography.

Para Cidrás e González, os coñecementos e prácticas destas brigadas non se poden ver como “nesgados” ou “emocionais”, senón “como provedores de aspectos políticos clave que axudan a comprender escenarios pasados, presentes e futuros de percepcións conflitivas da xestión forestal baseada nas plantacións de árbores”.

"Parece consolidarse unha aposta xeral por convivir con especies exóticas invasoras e deixalas estar”

“Determinar se, como e en que condicións determinadas especies se fan invasoras foi, desde mediados do século XX, un dos problemas fundamentais para os investigadores e os responsables políticos nos campos da conservación da biodiversidade e da xestión da paisaxe”, expoñen ambos os autores, que recoñecen que a definición e catalogación de especies exóticas invasoras foi un asunto de notábeis discrepancias científicas e, en xeral, “parece consolidarse unha aposta xenérica por convivir con estas especies e deixalas estar”.

Algúns dos participantes na 'I Deseucaliptización simultánea'
Algúns dos participantes na 'I Deseucaliptización simultánea' | Fonte: Cousa de Raíces

Con todo, destacan que, “en consonancia co Programa da ONU para o Medio Ambiente, un axente clave como a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) definiu e difundiu a noción de especie exótica invasora como «animais, plantas ou outros organismos que se introducen en lugares fóra da súa área de distribución natural, impactando negativamente na biodiversidade nativa, servizos ecosistémicos ou o benestar humano»”.

Co seu traballo sobre as brigadas deseucaliptizadoras, Cidrás e González pretenden “comprender mellor o que outros considerarían definicións de especies exóticas que están cargadas de valor ou de emoción", isto é, coas “definicións de aqueles que están activamente implicados na erradicación de especies exóticas”. Porque coñecer a súa visión, din, “non só é necesario para comprender mellor os conflitos, senón que tamén permite tomalos en serio, en lugar de infravalorar os compromisos emocionais e cargados de poder coas paisaxes e os recursos naturais”.

Para estes investigadores, “categorizar algunhas percepcións das especies invasoras como «cargadas de emocións» é moitas veces unha forma de subestimar tales argumentos, en lugar de comprometerse co que esas emocións teñen que ver con cuestións de espazo, medio ambiente e xustiza”, argúen.

UN ANO E MEDIO COS BRIGADISTAS

Cidrás e González non teñen nin a máis mínima dúbida de que activistas e traballadores ambientais “deben ser considerados como informantes claves nos debates ecolóxicos, xa que as súas perspectivas poñen de manifesto os contextos históricos, políticos e económicos en relación a diversas escalas espaciais e temporais, conformando os debates sobre a sustentabilidade social a través da súa creación, desenvolvemento, aplicación e difusión de conceptos e ideas”, defenden.

O obxectivo das brigadas “non é só frear o máximo posible a expansión do eucalipto, senón tamén restaurar e aumentar a biodiversidade, evitar o aumento da incidencia dos incendios forestais e recuperar a xestión forestal comunal”

É por iso polo que acudiron ás brigadas deseucaliptizadoras, para facer con estas un estudo que durou ano e medio. Como explican, o obxectivo destas brigadas “non é só frear o máximo posible a expansión do eucalipto, senón tamén restaurar e aumentar a biodiversidade, evitar o aumento da incidencia dos incendios forestais e recuperar a xestión forestal comunal”.

Ao introducirse nas brigadas e acompañalas, buscaron “unha comprensión común sobre os problemas percibidos asociados aos eucaliptos” e “comprometernos coa acción directa de arrincar eucaliptos, creando relacións con outros participantes”, comentan Cidrás e González, que pasaron a ser brigadistas para coñecer de primeira man as tarefas que se fan (desde arrincar gromos de eucaliptos, até  plantar árboles autóctonas) e as opinión dos voluntarios. Tras aquela experiencia, realizaron unha enquisa respondida por 166 brigadistas, entrevistas persoais e organizouse unha discusión cun grupo focal.

CALES SON OS ARGUMENTOS DAS BRIGADAS?

Como resultado desas consultas, constataron que non hai dúbidas entre os activistas en definir o eucalipto como especie invasora: “As nosas entrevistas con activistas tamén mostran como o seu coñecemento e percepcións do eucalipto como especie invasora son cruciais para motivar, manter e ampliar o seu compromiso diario coas brigadas. Nestas conversas tamén se amosou como os activistas están especialmente interesados ​​en debater e compartir aspectos sociais da invasividade do eucalipto en Galicia, o que tamén amosa o papel das brigadas deseucaliptizadoras á hora de facilitar espazos de debate crítico sobre o modelo forestal autonómico baseado nos monocultivos de eucalipto”, describen.

O eucalipto é a segunda especie por número de incendios e hectáreas calcinadas en Galicia, só por detrás do piñeiro bravo

Nas respostas dos brigadistas viron, por exemplo, que a idea de especie invasora que teñen “transcende discursivamente a dimensión biolóxica cara un significado más politizado”, plasmándose en comentarios como “os eucaliptos invaden o noso territorio”, ou outras reflexión expostas como a seguinte por unha voluntaria: “O estado actual das terras comunais é froito dun modelo forestal baseado nos monocultivos, imposto durante a ditadura […], buscaban só pasta de madeira, basicamente para Ence. Todo o modelo de autoxestión e autoorganización que existía antes foi tirado ao lixo”. Ou estoutra: “Ao final estamos loitando cun problema de clase, porque todas as persoas que viven no rural acaban indefensas ante as institucións públicas locais, a Xunta, etc., xa que todos están ao servizo desas persoas [referido a Ence]”.

Outra percepción dos brigadistas sobre o eucalipto é a dunha árbore que dana a biodiversidade nos ecosistemas de Galicia. Así, os voluntarios e voluntarias expresan a súa preocupación polo rápido crecemento dos eucaliptos en comparación coas especies endémicas, a súa gran capacidade de rexeneración e expansión, ou as propiedades pirófitas da especie.

EVIDENCIAS CIENTÍFICAS

Estas non son só impresión ou percepcións individuais dos brigadistas. Os rexistros históricos cuestionan tamén a nesgada campaña publicitaria que lanzou o lobby da madeira en Galicia en medios tradicionais a prol do eucalipto e a súa relación cos incendios: esta árbore, xunto co piñeiro, é a especie máis involucrada nos lumes forestais que afectan áreas arboradas en Galicia, sendo as que acumulan máis casos de lumes e maior superficie arborada queimada en case catro décadas no país. Asi quedou constatado nun estudo do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA (Ministerio de Economía, Industria e Competitividade) no que se contabilizou o número de incendios en todo o territorio español entre 1974 e 2010. Nesa distribución de todos os lumes, por especies arbóreas afectadas, o eucalipto é a segunda con máis casos e a cuarta por superficie queimada no conxunto do Estado, pero en Galicia é a segunda por número de incendios e hectáreas calcinadas, só por detrás do piñeiro bravo. É dicir, o eucalipto arde máis e mellor en Galicia.

Sobre a expansión da especie, Adolfo Cordero Rivera, director do Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Universidade de Vigo, xa avisou de intereses da industria baixo algúns supostos traballos científicos e lamenta que malia as evidencias da “capacidade invasora dos eucaliptos despois de incendio, aínda hai quen o nega”. Na súa opinión, baseada en evidencias, “as plantacións de eucaliptos en Galicia estanse a espallar de forma descontrolada, superando con moito as previsións”.

Voluntarias e voluntarios ven que “é a industria da pasta de papel a que impulsa esta expansión” do eucalipto en Galicia

“En boa parte, este aumento non resulta de novas plantacións, se non da invasión de montes abandonados, particularmente despois de incendios. Este panorama pon en grave risco bens materiais, naturais e as propias vidas das persoas, polo que cómpre facer cumprir as regulacións legais que xa existen, e pór orde no sector forestal”, explicaba Cordero neste xornal, en 2020.

Para este científico, o feito de que “deseucaliptización” fose elexida palabra do ano 2018 no Portal das Palabras, “demostra que a poboación está moi concienciada sobre os problemas que estas plantacións nos poden xerar”.

ENCE, SINALADA

Volvendo ao estudo de Cidrás e González, nas respostas recibidas das voluntarias e voluntarios observaron como estes sinalan a industria e o mercado forestais como principais responsables do aumento da superficie ocupada polo eucalipto, e particularmente, a empresa Ence, con afirmacións coma esta: “É a industria da pasta de papel a que impulsa esta expansión” ou “é unha especie invasora totalmente por unha cuestión económica”, que se relaciona, ademais, co modelo de monocultivo, o cal, “ao non requirir silvicultura activa, foi interpretado como un contribuínte ao despoboamento humano e ao progresivo abandono das terras, e esta dinámica, a ollos dos participantes, facilitou as invasións biolóxicas”, clarifican os autores do estudo.

Nese sentido, unha brigadista lles comentou: “Hai que ter en conta que este tipo de monte [monocultivo de eucalipto] foi establecido con moita propaganda, subvencións da Xunta á plantación, para impoñer un só uso do monte. [...] é difícil cambiar todo ese discurso imposto durante 35 anos”.

Ligado a isto, “a mala silvicultura arredor das plantacións de eucaliptos foi vista como un facilitador de grandes incendios forestais en zonas boscosas, facilitando á súa vez a expansión dos eucaliptos debido ás propiedades pirófitas desta especie; polo tanto, as plantacións abandonadas teñen máis probabilidades de sufrir incendios forestais e, en consecuencia, rexen mellor que calquera especie competidora”, proseguen os responsables da investigación.

Entre os brigadistas hai a percepción de que a degradación da paisaxe é “unha proba fáctica da invasión” do eucalipto

UN PROBLEMA PAISAXÍSTICO

En canto á forma de vivir e interpretar as paisaxes locais nas que se expanden os eucaliptos, interpretan das conversas cos brigadistas que a súa visión “transcende a ecoloxía e convértese nunha preocupación estética e emocional”, ao ser vistos os eucaliptais como “unha fonte de degradación da paisaxe”, con afirmacións como esta: “Os eucaliptos son ​​invasores porque esnaquizan as nosas paisaxes”. De xeito que entre os brigadistas hai a percepción de que a degradación da paisaxe é “unha proba fáctica da invasión”, con comentarios coma este: “Só hai que dar un paseo e mirar arredor destas montañas danadas, cheas de eucaliptos”.

“A dimensión cultural dos eucaliptos como especie invasora impregnou todas as respostas dos activistas. As análises críticas e políticas das desigualdades ambientais, económicas e rurais históricas e actuais foron habituais nos debates espontáneos así como nas nosas entrevistas. De novo, os activistas non só discutiron e compartiron as súas ideas arredor das dimensións culturais dos eucaliptos como invasores, senón que tamén compartiron como as brigadas está tentando construír unha cultura contra-hexemónica arredor das plantacións de eucaliptos”, resumen os investigadores.

En conxunto, das respostas obtidas na enquisa e entrevistas, e das interaccións cos brigadistas durante as tarefas de deseucaliptización, Cidrás e González observaron que “os activistas sinalan a orixe, o comportamento, a xestión e a paisaxe como temas fundamentais e complexos á hora de definir o eucalipto como invasor en Galicia”.

VALORAR O COÑECEMENTO DOS BRIGADISTAS

Para eles, o seu estudo de caso lles permite argumentar que “é necesario recoñecer as percepcións dos activistas locais sobre as especies invasoras máis aló das categorizacións de «nesgada» ou «demasiado emocional», xa que axudan a comprender escenarios pasados, presentes e futuros de percepcións conflitivas sobre a xestión forestal baseada nas plantacións de árbores”

“A deseucaliptización e aumento da diversidade forestal xa demostraron como certas zonas gañaron en dinamismo social e están mellor preparadas contra o cambio climático"

Con base nesta observación participante que realizaron nas brigadas deseucaliptizadoras, estes investigadores valoran que estas “non só axudan e difunden opinións críticas particulares sobre os impactos dos eucaliptos a escala local e nacional; contribúen tamén á recollida, proba e discusión do coñecemento científico no ámbito local”, ademais “implicar unha reactivación do rural galego, onde tamén teñen cabida as actividades non extractivas”. De feito, argúen que “os esforzos diarios de deseucaliptización e aumento da diversidade forestal xa demostraron como certas zonas gañaron en dinamismo social e están mellor preparadas para facer fronte ao cambio climático, particularmente relacionado cos incendios forestais”.

Por último, subliñan que se podería caer na tentación de pensar que algúns argumentos dos activistas contra o eucalipto poden considerarse demasiado emocionais, ideolóxicos ou que fomentan o patriotismo ecolóxico”, o certo para eles, no contexto galego e das brigadas deseucaliptizadoras, estas voluntarias e voluntarios “mostraron motivos científicos, xeográficos, culturais e tamén emocionais relevantes para as súas definicións e prácticas”.

É O EUCALIPTO UNHA ESPECIE EXÓTICA INVASORA?

O eucalipto é unha especie exótica orixinaria de Australia que chegou a Galicia arredor de 1850. Con todo, non hai consenso en se debe ser ou non catalogada como especie invasora aquí.

“As administracións públicas con competencias a diferentes escalas administrativas (Unión Europea, Goberno español e Xunta de Galicia) regularon cada vez máis a conservación da biodiversidade e, polo tanto, a xestión das especies exóticas invasoras baseándose na definición da UICN. As súas leis e consecuentes instrumentos —en forma de catálogos de especies exóticas invasoras— regulan o réxime xurídico do eucalipto, actualmente non catalogado como invasor. Non obstante, o camiño cara a esta decisión non estivo exento de polémica”, explican Cidrás e González, que observan que o “carácter invasor” do eucalipto “recoñécese de forma diferente segundo o enfoque científico ou político”.

Por unha banda, existen importantes xustificacións económicas para explotalo: segundo datos da Asociación Forestal de Galicia, en 2018 a venda de madeira de eucalipto reportou aos propietarios de plantacións 204 millóns de euros, dos 278 millóns totais do sector da talla; doutra banda, as empresas asociadas ao Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia alcanzaron unha facturación ese ano de 1.733 millóns de euros e sosteñen 5.200 empregos; polo seu lado, a Consellería do Medio Rural defende que cada ano hai 111.000 solicitudes de curtas e que 300 millóns de euros que reporta esta especie en ingresos repártense entre unhas 80.000 persoas. Mentres, Ence, como empresa interesada no mercado do eucalipto, defende que "non hai base científica para considerar o eucalipto como especie invasora".

Diversos estudos científicos en Galicia demostraron que os eucaliptos empobrecen a biodiversidade e secan regatos

Pero si hai evidencias científicas de que o eucalipto causa danos na biodiversidade do territorio galego. Lembremos que a definición da UICN identifica como especies exóticas invasoras os “animais, plantas ou outros organismos que se introducen en lugares fóra da súa área de distribución natural, impactando negativamente na biodiversidade nativa, servizos ecosistémicos ou o benestar humano”. Polo tanto, segundo esta definición e as evidencias recollidas en Galicia, o eucalipto si respondería ao perfil de especie exótica invasora.

Unha das múltiples liñas de investigación que se están aplicando céntrase no impacto do eucalipto na biodiversidade. E, de momento, parece haber consenso científico en que os eucaliptais a empobrecen.

Unha das achegas vén de investigadores dos departamentos de Bioloxía Funcional e Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela. Nos últimos anos estiveron comparando o impacto de eucaliptais e carballeiras nos hábitats nos que se asintan. Esa contribución científica certifica o impacto negativo do eucalipto na biodiversidade, neste caso, sobre comunidades de liques epífitos (medran sobre os troncos das árbores). Unha achega con antecedentes en 2013, cando os seus autores publicaron outro estudo similar sobre liques en bosques dominados por carballos, piñeiros e eucaliptos (os liques son organismos resultantes da simbiose de fungos con algas unicelulares).

O que observaron daquela é que “a diversidade e abundancia de liques é maior en bosques nativos de carballos e en piñeirais, e moito menor en eucaliptais, sobre todos nos máis novos”, afirmaba a investigadora principal destes dous traballos, María Calviño Cancela, profesora titular do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.

Entre os seus achados, atoparon tamén que “os bosques autóctonos teñen unha composición de especies moi diferenciada dos demais, coa porcentaxe máis elevada de especies únicas (que non apareceron nos demais tipos de hábitats forestais, de piñeirais e eucaliptais), e estiveron mais asociados coas especies de maior importancia desde o punto de vista da conservación (as especies menos comúns)”, detallaba a este xornal a científica.

En 2018, publicaron os resultados doutro estudo que compara a biodiversidade áreas dominadas por eucaliptais e carballeiras na provincia de Pontevedra, nos concellos de Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo–Cotobade, Ponte Caldelas e Pazos de Borbén. O que atoparon foi que nas zonas dominadas polo eucalipto hai menos diversidade de especies de plantas e menos variedade e abundancia de aves que nos terreos nos que o rei é o carballo.

Uns resultados que se viron posteriormente confirmados por outro estudo similar destes investigadores, nesta ocasión, na área central de Galicia, na comarca da Ulloa. As conclusións ás que chegaron son tamén que nos bosques autóctonos hai unha maior riqueza de especies de aves e plantas que nos eucaliptais. Con base nos seus resultados, estes científicos alertaron de que “unha crecente extensión de plantacións exóticas en detrimento dos bosques nativos probablemente conduciría a unha maior perda de biodiversidade”, polo que consideran que “a conservación de bosques autóctonos debería ser unha prioridade”.

Outra investigación, publicada en 2017 polo Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, concluíu que as plantacións de eucaliptos reducen a diversidade de macroinvertebrados en pequenos regatos forestais. Pero, ademais, os regatos cuxas áreas de captación están cubertas principalmente por eucaliptais presentan unha maior probabilidade de secarse completamente no verán.

O cambio climático favorecerá a expansión do eucalipto en Galicia, sinalada como a segunda especie exótica que máis custos xera polos seus impactos negativos

Tamén hai predicións científicas que alertan de que o cambio climático favorecerá a expansión do eucalipto en Galicia. As previsións dos investigadores apuntan que “a presión sobre o bosque autóctono aumentará principalmente nas zonas do interior de Galicia” nas próximas décadas, se se manteñen as tendencias climáticas.

“Os resultados da investigación demostran a presenza significativa de eucaliptos en áreas naturais protexidas e a posibilidade da súa expansión en Galicia en ausencia dun control efectivo”, alertaron os autores desta investigación, do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidad de Oviedo e do Departamento de Enxeñería e Ciencias Agrarias da Universidad de León.

Por outro lado, investigadores da Universidade Paris-Saclay (Orsay, Francia), o Instituto de Botánica da Academia Checa de Ciencias e a Universidad Nacional del Comahue (San Carlos de Bariloche, Arxentina) calcularon en 232,5 millóns de euros, entre 1997 e 2020, os custos causados polas especies exóticas invasoras en España. Nese catálogo, tamén consideraron o eucalipto, que se mostrou como a segunda especie que máis gastos xera polos seus impactos negativos.

Con todo, en 2019 a Xunta de Galicia presentou un informe no que defendeu que o eucalipto "carece" de carácter invasor con base "nas evidencias científicas". Foi a súa resposta á demanda interposta polo Concello de Teo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid contra a resolución do Ministerio de Agricultura na que negaba a inclusión do eucalipto no catálogo de especies exóticas.

A evidencia demostra que o eucalipto segue gañando terreo, cubrindo xa máis do 44 % da superficie forestal da provincia da Coruña e dos distritos forestais de Caldas-O Salnés (Pontevedra) e da Mariña luguesa. E ameaza os de Lugo-Sarria, Terra Chá, O Ribeiro-Arenteiro e Deza-Tabeirós, “onde pode producirse un importante aumento da cobertura desta especie se non se toman medidas”. Son datos e advertencias de investigadores do grupo SMartForest, no Departamento de Biología de Organismos y Sistemas da Universidad de Oviedo, e do Departamento de Ingeniería y Ciencias Agrarias da Universidad de León.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Os partidos madrilenhos: PP-PSOE, tenhem que fornecer à oligarquia madrilenha de territórios para o saqueio, e a Galiza é um d’eles, e aqui som os mais votados, até lhe outorgar a maioria absoluta do Parlamento galego ao PP por anos; ainda que os seus filhos e netos tenham que emigrar senom querem morrer com a fame. Nengum povo é inocente da sua historia.