Coren fai un chamamento para profesionalizar e optimizar a recollida da castaña

O Grupo Coren prepara a compra de castaña destinada á alimentación dos porcos da súa Gama Selecta, nun ano no que os resultados da colleita non acompañaron.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 13/11/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Aínda que inicialmente a colleita de castaña prevíase boa, a calor intensa que se rexistrou en setembro e ata mediados de outubro provocou a perda dunha gran cantidade de froito. En todo caso, Coren traballa na procura de castaña para a alimentación dos seus porcos co obxectivo de repetir o volume de compra de anos anteriores.

Porcos Selecta de Coren. Foto: Grupo Coren.
Porcos Selecta de Coren. Foto: Grupo Coren.

Ante esta situación, a cooperativa ourensá fai un chamamento á recollida de toda a castaña, xa que moita queda abandonada nos montes sen recoller, e tamén á profesionalización no sector, co coidado dos soutos galegos e a plantación de variedades de óptimo rendemento. Sinalan tamén, para que se aposte pola castaña galega, que estudos do sector indican que a rendibilidade dunha plantación coidada e con variedades de valor engadido é similar á dunha hectárea de viñedo.

COREN, UN GRAN COMPRADOR DE CASTAÑA

Desde o lanzamento da súa Gama Selecta, Coren é un dos maiores demandantes de castaña en Galicia. O produto adquirido pasa por un proceso de pelado, cocción e posterior conxelado, o que permite a súa conservación co fin de destinar á alimentación dos porcos durante todo o ano seguinte. O importante volume de demanda de Coren desempeña un papel estabilizador no sector, contribuíndo á xeración de riqueza e a dinamización económica do rural, ao complementar os ingresos das familias do campo, ademais de preservar os soutos fronte ao risco de desaparición que sofren polo abandono, o que ten tamén unha importante repercusión ambiental. Unha acción que se enmarca dentro da Política de Responsabilidade Social de Coren de impulsar iniciativas dirixidas a fomentar o progreso da contorna rural no que desenvolve a súa actividade.

PROXECTO SELECTA

Coren cumpre xa unha década como un dos principais demandantes de castaña para a alimentación do seu porco Selecta, proxecto froito dunha iniciativa de I+D da cooperativa dirixida a recuperar a alimentación dos porcos con castaña, como sempre se fixo en Galicia, o que dá un sabor especial á carne.

A gama Selecta de carne fresca lanzouse ao mercado en 2012, e 18 meses máis tarde --no outono de 2013-- saían os primeiros xamóns de castañas. A día de hoxe, a gama está consolidada como unha das máis exitosas da cooperativa, tanto na súa liña de frescos como na de curados, co seu Xamón Selecta “O de Castañas” como referente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta