A historia do nacemento, desaparición, rexurdimento e maltrato dunha lingua: o galego

O Galicia Confidencial proponche un recorrido cronolóxico por datas crave para a lingua galega. Cantas coñecías?

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 14/05/2024 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

Como dicía Castelao, todo idioma é unha fonte de arte, o vehículo de expresión da alma orixinal dun pobo. E o galego, como idioma, non o tivo nada fácil para poder ser recoñecido de xeito oficial a pesares de ser a lingua máis empregada nunha terra que loitaba por rachar cos estigmas e os prexuízos. Aínda que xa antes se foron dando pequenos pasos, non sería ata ben entrada a segunda metade do século pasado cando por fin os galegos puideron gozar da súa lingua no seu máximo esplendor: na literatura, nas institucións, na administración, na universidade, na música... Dende o Galicia Confidencial amosámosche cal foi o camiño que seguiu o galego ao longo de oito séculos e como chegou á posición que hoxe en día ostenta: unha lingua cooficial que, aínda que está en horas baixas no que a falantes se refire, non así na súa utilización en todas as formas de expresión artística e nas institucións.

Bandeira de Galicia
Bandeira de Galicia | Fonte: Commons

s IX: A evolución do latín coloquial falado na Gallaecia occidental ata o que hoxe coñecemos como lingua galega produciuse de maneira progresiva, paseniña e polo tanto imperceptible. Con todo, máis ou menos por esa data, finais do século IX, é cando se pode considerar que aparece o galego como unha lingua xa ben diferenciada do latín. 

1175: Escríbese o documento en galego máis antigo datado: a 'Notícia de Fiadores', de carácter informal. Nese momento, os territorios de Galicia e Portugal formaban parte da área lingüística galego-portuguesa.

1196: Escríbese o documento literario máis antigo do que se ten constancia: a cantiga de 'Ora faz ost'o senhor de Navarra', de Johan Soarez de Pávia.

1211-1214: De comezos do século XIII datan os primeiros documentos non literarios en galego, como 'Notícia de Torto' (1211) e o Testamento de Afonso II de Portugal (1214). Estes e outros textos coetáneos supoñen un primeiro ensaio para fixar gramaticalmente a lingua neolatina.

s. XIV-XV: A lingua e a literatura galegas entran nun período de decadencia, motivado pola perda de poder político do Reino de Galicia en favor de Castela. Diversos factores provocaron este progresivo decaemento: o asentamento no reino de Galicia dunha nobreza estranxeira principalmente castelá intransixente coa nosa cultura e lingua; a supresión de gran parte de aristocracia autóctona; a perda de autonomía da Igrexa galega que pasa a depender de Valladolid; e a crecente política centralista e intervencionista da coroa de Castela. Estes feitos afianzan gravemente o proceso desgaleguizador nas clases altas da sociedade e impiden a consolidación da lingua galega como lingua literaria.

1491: Aparece o primeiro libro impreso en Galicia: o 'Missale auriense', en Monterrei, mais a lingua empregada será o latín ou o castelán, de maneira que non aparecerá un libro impreso en galego até mediados do século XIX. Mentres, en Cataluña xa había libros en catalá durante toda a Idade Media.

s. XVI-XVII: Rematando a Idade Media, e especialmente a partir do século XVI, imporase un novo contexto político e social en Galicia que someterá a lingua galega a unha total ausencia nos usos formais e cultos, aínda que se manterá viva nos ámbitos orais e populares. Este uso exclusivo do galego como lingua oral levouno á súa dialectización e á fragmentación. Son o que se coñece como séculos escuros. Entre 1530 e 1830, dos 152 bispos que exercen en Galicia, só 15 deles eran calegos, en calquera caso todos castelanfalantes.

s. XVIII: Comezan a alzarse voces que, influidas polos ideais da Ilustración, denuncian a situación marxinal do galego. Fray Martín Sarmiento reivindicará o seu uso na instrucción escolar e na creación literaria, así como a súa normalización como lingua propia dos galegos. Tamén nesta defensa da lingua participou o Padre Feixoo, o primeiro en rexeitar a condición de 'dialecto' para o galego e reivindicar o seu 'status' como lingua.

1809: Por mor da invasión francesa e dos enfrontamentos entre absolutistas e liberais, xorden os primeiros textos escritos en galego, impresos en follas soltas ou en xornais, con fins propagandísticos. 

1840: Xorde o movemento galeguista coñecido como 'Provincialismo', que denunciaba a marxinación social do país e procuraba a valoración social da súa arte, dos costumes e da historia. Propagouse en xornais como 'El Centinela de Galicia', 'El Emancipador Gallego' ou 'La Situación de Galicia'. 

1852: Primeiro libro en galego publicado neste século XIX: 'A gaita gallega', de Xoán Manuel Pintos.

1857: A Lei de instrución pública de 1857 (en vigor ata 1970), declarou obrigatorio o ensino primario e a alfabetización en castelán. A sociedade galega era de base agraria, pois o 90 % das persoas eran campesiños e mariñeiros, sobre a cal estaba asentada unha fidalguía rural perceptora das rendas agrarias e unha burguesía comercial foránea. As clases dirixentes pertencían á administración, ao clero e ao exército e seguían empregando o castelán.

1855-1865: Xorde a segunda xeración galeguista, cando un grupo de intelectuais (Vicetto, Manuel Murguía, A. Aguirre, Eduardo Pondal...) participan no federalismo da primeira República. Máis tarde conformarán o Rexionalismo, no cal compaxinan cultura e política, facendo da lingua a súa preocupación primordial.

1861: Celébranse na Coruña os primeiros Xogos Florais en 1861, que premiaban a composicións en galego de poesía contemporánea. Estas publicáronse un ano máis tarde no 'Álbum de la Caridad', que foi a primeira antoloxía do Rexurdimento galego, etapa na que comezou a recuperación do galego non só a nivel literario, senón tamén cultural, político e histórico.

1863: Rosalía de Castro publica o libro de poemas 'Cantares Gallegos', a primeira obra contemporánea escrita integramente en lingua galega e que se considera un piar do Rexurdimento.

1864-1865: Nacen as primeiras gramáticas e dicionarios da lingua galega, esenciais para a súa normalización, como 'Compendio de gramática gallega-castellana', de Francisco Mirás (1864) e 'Diccionario gallego-castellano' (1865), de Francisco Xavier Rodríguez.

1876: Edítase, promovido por Valentín Lamas Carvajal, o pioneiro dos xornais integramente en galego, 'O Tío Marcos da Portela'. 

1891: Este movemento rexionalista organizarase nunha forza política propia denominada Asociación Regionalista Gallega (1891), a primeira do galeguismo, que terá as súas bases teóricas en 'El Regionalismo' (1889) de Alfredo Brañas.

1906: Créase a Real Academia Galega, por iniciativa de Fontenla Leal e Curros Enríquez.

1916: Nace a primeira das Irmandades da Fala na Coruña. A toma de conciencia dos campesiños, fomentada polo seu acceso á propiedade da terra, unida á evolución do galeguismo para o nacionalismo, provoca un salto cualitativo na utilización da lingua. O nacionalismo está tan vencellado ao idioma como esencia de identidade colectiva que as súas primeiras manifestacións constitúenas as Irmandades da Fala. Para o espallamento do seu ideario crearon nese mesmo ano un xornal de expresión totalmente en galego: 'A Nosa Terra'. Os seus membros máis salientables foron os irmáns Villar Ponte, Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Cabanillas, entre outros.

1918: Celebran a I Asemblea Nazonalista Galega que reivindicou a autonomía integral, a oficialización da lingua e a inclusión de Galicia na Sociedade de Nacións de Xenebra.

1920: Aparece a 'Revista Nós', da man de Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, que conforman o coñecido Grupo Nós, coa finalidade de eliminar o lastre do folclorismo da cultura galega. A eles lígase a figura de Castelao.

1922: Publícase a primeira gramática escrita totalmente en lingua galega, a 'Gramática do idioma galego', obra de Manuel Lugrís Freire'.

1923: Coa creación do Seminario de Estudos Galegos poténciase o emprego do galego en estudos científicos, adicado a investigacións sobre a realidade galega e ao estudo de todas as súas manifestacións, fundado por Fermín Bouza-Brey, Xosé Filgueira Valverde e Lois Tobío Fernández, aos que axiña se sumaron Ricardo Carballo Calero, Antón Fraguas ou Xaquín Lorenzo.

1931: Créase o Partido Galeguista.

1936: Este partido promove a aprobación en referendo do Estatuto de Galicia no 1936, no que a lingua galega adquire por primeira vez o recoñecemento de 'idioma oficial de Galicia'. Este logro non chegou a ter aplicación práctica por mor do estoupido da Guerra Civil, que supuxo o principio da máis crúa etapa para as linguas non oficias do Estado español.

1939: O remate da Guerra Civil e o comezo do franquismo provocou a desaparición da lingua galega da escena pública, do ensino e das actividades socioeconómicas, pois na práctica quedou prohibida calquera manifestación lingüística nos idiomas vernáculos que non fosen o español. 

1950: Créase a Editorial Galaxia, peza clave para a recuperación de usos escritos do galego. Os seus primeiros promotores, Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto, Ramón Piñeiro e outros, evidenciaron de novo a validez do idioma galego para a literatura. 

1963: Aparece o primeiro número da revista 'Grial', impulsada pola Editorial Galaxia, e a Real Academia Galega instaura o Día das Letras Galegas.

1971: Nace o Instituto da Lingua Galega, cunha obra investigadora que chega ata os nosos días.

1978: Galicia, igual que o resto de España, volve contar cunha Constitución democrática que no seu articulado proclama a 'vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións', ao mesmo tempo que senta as bases dunha nova configuración xurídico-política: o Estado das Autonomías. Galicia convértese nunha comunidade autónoma tendo como linguas oficiais o galego e o castelán.

1979: O decreto do 20 de xullo de 1979 permitiu a incorporación do galego ao ensino como materia. Entón estableceuse no sistema educativo un polémico Decreto do Bilingüismo, que establecía o ensino do galego, e permitía o ensino en galego.

1980: Aprobouse o Estatuto de Autonomía de Galicia. Por primeira vez na historia legal do país recoñécese o galego como a lingua propia de Galicia.

1982: O Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega propoñen as 'Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego', que acadan o carácter de oficiais coa promulgación da Lei de Normalización Lingüística. 

1983: O Parlamento galego aproba por unanimidade a Lei de normalización lingüística, o instrumento máis importante de planificación lingüística, que incluía no primeiro artigo o deber de coñecer o galego, punto que foi suprimido por sentenza do Tribunal Constitucional.

1985: Xorden a Televisión de Galicia e a Radio Galega.

1986: Nace A Mesa pola Normalización Lingüística, plataforma que pretende a promoción do galego para acadar todas as funcións do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e a denuncia das agresións e discriminacións por razóns de lingua.

1994: Xorde o único xornal diario de carácter informativo en galego, chamado 'Galicia Hoxe', que perviviu ata 2011. Todos os demais diarios galegos ('La Voz de Galicia', 'Faro de Vigo', 'El Progreso', 'La Región', 'El Correo Gallego', 'Diario de Pontevedra'...), os de maior tiraxe, usan como lingua vehicular o castelán e neles o galego non acostuma a pasar do 5 % de uso. 

2004: O 21 de setembro de 2004 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega, que entrou en vigor o 24 de xaneiro de 2005, e que presenta obxectivos e medidas concretas en diferentes campos de actuación (administración, educación, medios, economía, sociedade, sanidade e proxección exterior).

2005: O 13 de xuño de 2005 a Unión Europea chegou á proposta da inclusión do gaélico irlandés como nova lingua oficial e de traballo da Unión (a 21ª) e do galego (xunto co catalán e o eúscaro en España) como lingua non-oficial mais oficiosa (de uso para comunicacións oficiais e de traballo) da Unión Europea.

2007: O Parlamento de Galicia aprobou un decreto que garantiza chegar ao mínimo dun 50 % de ensino en galego (escola infantil, educación primaria, ESO, Bacharelato, FP e EPA), ademais de xurdir tamén a necesidade de crear Galescolas, é dicir, escolas infantís onde se empregase a lingua do país como vehicular. 

2009: Co cambio de goberno, o PPdeG rachou o consenso arredor da lingua e da necesidade de promoción do galego e no final dese mesmo ano presentou un borrador chamado do plurilingüismo no que rebaixaba a cota de galego dun mínimo de 50 % a un 33 % teórico, sendo os outros dous terzos en partes iguais para castelán e inglés. Apareceron entón diversas asociacións cidadás na defensa da lingua, como 'ProLingua' ou 'Covers-ando', e organizáronse diversas manifestacións convocadas pola plataforma 'Queremos Galego!'.

Actualidade: A día de hoxe hai 2,7 millóns de persoas censadas en Galicia e case dous millóns o usan nas súas interaccións cotiás. Tamén permanece vivo na comunidade galega emigrante e é obxecto de estudo e aprendizaxe en 36 universidades de 16 países de América e Europa. Con todo, os últimos datos apuntan a que o 23,9 % dos nenos menores de 15 anos en Galicia non sabe falar galego, practicamente un de cada catro. En 2003 eran o 17 %. Ademais, o porcentaxe de persoas que usan máis o galego que o castelán na súa vida cotiá caeu do 61 % do ano 2003 ao 52 % do 2018, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Desaparición, por fortuna, non houbo (só na escrita). Entre os primeiros textos, non se debera esquecer o foro do burgo de Castro Caldelas, de 1228. E en Cataluña non "se imprimían libros en catalá durante toda a Idade Media" (non había imprentas!). Apertas.