Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 21/05/2025 | Actualizada ás 09:00
A XXVI Feira do Viño de Valdeorras presentouse oficialmente no concello do Barco de Valdeorras este 19 de maio coa presenza do Alcalde da localidade, Alfredo García, e o presidente da D.O. Valdeorras, Marcos Prada.
Sendo xa coñecidos o cartel, a pregoeira, e algún detalle do programa, deuse conta do resto de actividades que completarán a convocatoria. Unha delas, atractiva e novidosa, será a Ruta dos Pinchos da XXVI Feira do Viño de Valdeorras, organizada en colaboración coa Asociación Empresarial Valdeorras, AEVA. Nesta actividade, que comeza o 27 e remata o 30 de maio, participarán establecementos do Barco e A Rúa. Para o alcalde, Alfredo García, é unha “maneira de animar á xente de toda Valdeorras a participar, e de que sintamos esa fin de semana como a festa grande de todos, porque a Feira é de toda a comarca”.
Pola súa banda, o presidente da D.O., Marcos Prada, ademais de lembrar que esta edición da Feira sera a máis madrugadora de todas as que se teñen organizado, agradeceu ao alcalde anfitrión a posibilidade de poder celebrar a Feira un ano máis neste concello, algo do que o rexedor barquense dixo “sentirse orgulloso”.
PROGRAMACIÓN: 30 E 31 DE MAIO
En apoio ao sétimo arte, o venres 30 de maio ás 20:30 horas o Teatro Lauro Olmo do Barco, acollerá a reprodución da curtametraxe “Dragón Blanco”, dirixida por Rodrigo Marini, e premiado no Festival de Cine de Granada.
O sábado día 31, día grande da mostra, a deportista olímpica Teresa Portela será a encargada de inaugurar oficialmente o comezo da Feira do Viño co seu pregón, acto que dará comezo ás 12:30 horas na Praza de Viloira. Tal e como explicou Marcos Prada, a pregoeira deste ano “é inspiración pura” e ademais "a través dun deporte de gran tradición na comarca, como é o piragüismo”.
Durante a xornada haberá actividades para os máis pequenos e música en directo para amenizar o recinto feiral a cargo da Charanga Bicoia.
A primeira cata da Feira celebrarase ese mesmo día, ás 20:30 horas nos Xardíns da Casa Grande de Viloira, na que unha selección de viños amparados serán maridados con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia”. Esta actividade, para a que é necesario reservar praza, ten un prezo de 10 euros.
Ás 23:00 horas chegará o concerto do grupo “Dani Barreiro & Friends”, que interpretará unha selección de clásicos do pop e rock nacional e internacional.
DOMINGO 1 DE XUÑO
O recinto feiral abrirá as súas portas ás 12:30 horas para celebrar, media hora máis tarde, o I Concurso “A Mellor Albóndega de Valdeorras”, que terá lugar nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. Nesta xornada, a música no recinto chegará da man da Charanga Tattoo.
A segunda cata da Feira terá lugar nese mesmos xardíns ás 20:00 horas, e nesta ocasión, os viños da D.O. serán maridados cunha selección de pinchos elaborados polo Bar Bajo Cinco do Barco. Para esta actividade, cuxo custe é de 10 euros, é preciso reservar praza.
Sen salir dos xardíns, e chegadas ás 21:00 horas, será o momento do comezo do showcooking, dirixido polo prestixiosos chef José Manuel Mallón, que acompañará os seus pratos cunha selección de viños da Denominación valdeorresa. A asistencia a esta actividade ten un prezo de 15 euros e as prazas son limitadas. A continuación, procederase á entrega de Premios do I Concurso “A Mellor Albóndega de Valdeorras”.
Para participar nas catas e no showcooking cómpre reservar no tel. 651 123 308 ou a través do correo comunicacion@dovaldeorras.com.
TREN TURÍSTICO
Un ano máis, a organización porá a disposición dos usuarios de maneira gratuita, o Tren Turístico “Valdeorras Expreso”, que realizará percorridos de ida e volta durante o horario de apertura da Feira.
O itinerario do tren partirá do polideportivo municipal de Calabagueiros, facendo paradas no Hospital Comarcal Valdeorras, a Praza do Concello do Barco e a Praza de Viloira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.