Así se remata coas árbores en Ourense: cortar autóctonas, preservar invasoras, manter lixo e podar pólas para pór luces

A nova desfeita medioambiental no río Barbaña ao seu paso por Ourense tardará en reverterse máis de 20 anos. Prodúcese a partires duns traballos de "limpeza" que custaron máis de 17.000 euros ás arcas públicas, case como os peixes mortos no 2009 a raíz do verquido no que non se depuraron responsabilidades.

Por Alicia Casas | Ourense | 17/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tras o verquido tóxico que en 2009 matou a máis de 17.000 peixes no río Barbaña e que se chegou a investigar como delito ecolóxico malia que os catro xulgados responsables da depuradora de San Cibrao das Viñas quedaran absoltos, o río agora comezábase a recuperar. Pero a nova desfeita medioambiental que sofren as marxes do afluente do Miño ao seu paso por Ourense tardará en reverterse aló menos vinte anos e entra como non dentro do probable que as responsabilidades queden de novo sen depurar.

A ribeira do Barbaña ao seu paso por Ourense antes dos traballos de limpeza.
A ribeira do Barbaña ao seu paso por Ourense antes dos traballos de limpeza. | Fonte: Amigas das Árbores Ourense

Para impedilo a denuncia que Amigas das Árbores vén de interpor e á que Ecoloxistas en Acción se vén de sumar, ao entender que a "desfeita" é anticonstitucional. Buscan coñecer quen ordenou e quen executou o arboricidio (verba recollida pola RAE pero non pola RAG): se foi o Goberno local, a Concellaría de Medio Ambiente dirixida por Jorge Pumar (PP) ou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Que o responsable sexa sancionado e que se finalmente a responsable é a empresa executora, se repoña o estragado co propio peculio e non con diñeiro público. Tamén e "se lles queda un pouco de dignidade, deixar o seu cargo público". 

"As cousas pódense facer ben, mal ou ao revés" e no caso de Ourense fixéronse ao revés, comenta Xosé Santos Otero, membro de Amigas das Árbores. Porque nas actuacións de limpeza que levou a cabo o Concello de Ourense no Barbaña cortaron polo pé todo tipo de especies de árbores, incluído o érbedo máis grande de toda a ribeira do río baixo a ponte do Ervedelo.

Tallaron "absolutamente toda" a vexetación autóctona maioritariamente de ribeira, matogueiras e especies de alto valor ambiental. Miles de plantas ornamentais que foran plantadas hai non tanto tempo, canda o proxecto da rede de sumidoiros de augas fecais no que canalizaron as augas residuais ata a depuradora de Reza e para romper coa dureza dun tramo de canle de formigón no que foi un proceso de naturalización. Agora desnaturalizada a ribeira deixaron, iso si, algún salgueiro no cauce e as exóticas invasoras coñecidas como 'árbores do ceo' ou 'dos deuses'. Tamén todo o lixo: plásticos que conviven no solo coa vexetación tallada que, iso si, non recolleron.

Sobre a 'árbore do ceo', di o conservacionista Xosé Santos Otero, é unha especie invasora  equivalente á mimosa nas ribeiras á que as administracións públicas destinan cartos tratando de erradicar. Tamén estas actuacións de limpeza no Barbaña realizáronse con diñeiro público, case 18.000 euros nunhas políticas medioambientais que "están a 180º en viración contraria ao que marca o sentido común, a intelixencia naturalista e a intelixencia pola que os humanos chegamos ata eiquí". Políticas que teñen consecuencias na cadea trófica, na biodiversidade, e na vida das persoas.

A ribeira do Barbaña ao seu paso por Ourense despois dos traballos de 'limpeza'.
A ribeira do Barbaña ao seu paso por Ourense despois dos traballos de 'limpeza'. | Fonte: Amigas das Árbores Ourense

O ecoloxista Xosé Santos Otero explica que o Barbaña foi ao longo do tempo sumidoiro de augas fecais e debémolo considerar por tanto como un dos ríos máis contaminados e que máis agresións ten sufrido no conxunto de Galicia: "todo tipo de verquidos, de fosas sépticas que non teñen suficiente mantemento e de augas contaminantes procedentes dos distintos polígonos industriais fan que sexa un ecosistema acuático, dende o punto de vista biolóxico, practicamente morto". A eliminación da vexetación que fora plantada co obxectivo da naturalización supón alterar a cadea trófica, impedir a proliferación de insectos e que a avifauna que xa había, a falta de condicións para nidificar, careza de protección e desapareza.

Supón ademais ir 180º na dirección contraria que marca a normativa medioambiental, dende os consellos de organismos internacionais como a ONU e pasando polos ditames de, por exemplo, a última COP que acaba de celebrarse, ata a propia Constitución do Estado. Xosé Santos Otero, após salientar que as árbores cumpren a función vital de amortecer o incremento das temperaturas e reducir así o impacto do Cambio climático, lembra que a Constitución do Estado español recolle o dereito de toda persoa a gozar dun medio ambiente adecuado para o seu desenvolvemento e a obriga dos poderes públicos de velar pola utilización racional dos recursos naturais. "Estas actuacións incumpren sistematicamente todo aquilo que dictan organismos internacionais e mundo científico sobre a xestión do noso patrimonio arboredo", zanxa.

Pero as actuacións non son illadas. Segundo o naturalista as árbores na cidade de Ourense trátanse coma os farois, como seres inertes e non vivos, sen atender aos seus coidados, a súa bioloxía. Agora entrados en decembro, conta, podáronas en función das luces que lles ían pór. Deixaron as pólas secas se eran acaídas e cortaron as pólas verdes que entorpecían o Nadal.

Para o membro de Amigas das Árbores, integrada na plataforma SOS Ourense, a actuación levada a cabo no río que nace no monte Cobreiro non é illada do resto de actuacións levadas a cabo na cidade, pero tampouco do resto de actuacións realizadas no conxunto de Galicia. Menos estridentes se cadra, pero amparadas por unha administración que "é a única do conxunto de Europa que lexislou en contra das árbores", comenta o naturalista ao falarmos dos arboricidios que se cometen no nome da prevención de incendios.

Tema que non responde ás mesmas causas que o "ecocidio" do Barbaña posto que as políticas mediombientais das cidades non teñen conexión coa política forestal, pero conectada iso si coas políticas aplicadas por George Bush: "como cando dixo, seguramente despois dunha mala noite, que o problema dos lumes nos EEUU era que había demasiadas árbores". "En Galicia estanse a estragar liñas de árbores autóctonas ou senlleiras e estase a xustificar dende o punto de vista da prevención de incendios cando non serve absolutamente para nada", censura.

Ao naturalista tamén lle veñen á cabeza os EEUU ao pensar nas cidades que se citan como exemplo de sustentabilidade. Na envexa que produce ver non só nalgúns países europeos e no resto do Estado senón nas vilas, aldeas e cidades do norte de Portugal nas que hai outro paradigma no tratamento do patrimonio natural: nas que hai traballos integrais e integradores a prol da conservación do medio. "É triste, unha situación lamentable, que unha cidade como Ourense, de 110.000 habitantes, sexa menos saudable que Manhattan ou Nova York, pois non deixa de ser un bloque de formigón".

Lixo na ribeira do Barbaña ao seu paso por Ourense despois dos traballos de 'limpeza'.
Lixo na ribeira do Barbaña ao seu paso por Ourense despois dos traballos de 'limpeza'. | Fonte: Amigas das Árbores Ourense
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Josecho

Unha vergonza maior na miña opinión e permitir que o clube de tiro de eiroas, preto do punto limpo, realice tiro o prato disparando cara a carretera e a zona arborada. Se alguén se acerca a antiga carretera que baixa desde o punto limpo ata o soterramento de basuras, verá arbores e chan cheo de pratos de ceraminca rotos, bolas de metralla e plástico dos cartuchos por todos lados...e alucinante que se permita algo así.

2 jJBC

O que hai que acabar é coa impunidade, concordo exactamente, que se procuren os responsábeis e paguen eles a recuperación, e por suposto, recuperación dos cartos públicos perdidos na desfeita. Da moita magoa ver como a ignorancia segue a imporse sobre o senso común e o coñecemento.

1 Gamela

O día 10 de xaneiro comeza a segunda fase das rampas da Gran Vía de Vigo https://vimeo.com/635550985 e non vimos denuncia algunha polo momento ! Outros tantos camelios de 60 anos serán arrincados na mesma zona... todo dios cala e as rampas mecánicas reemplazarán ao bulevard que calquera defendería por estética e por defensa dun patrimonio natural urbano...