Reconquistar a cidade

15000 palabras… Sempre fun lenta escribindo, releo, cambio comas, puntos, a orde das verbas. Gústame pulir as frases como se fosen retoques feitos cun pincel. En fin... 15000 palabras, e en inglés. Parece que doen cando as escribo, como se non quixesen sair, como se se negasen a ser parte desas frases mal escritas nun idioma que nunca será o meu.

Por ediSCQ - Ana Chouciño | Edimburgo | 21/06/2014

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Ana González
Ana González
Foto: Ana González Chouciño

Despois de dous anos de clases nas que entendía a metade, despois de dous anos de utopías, descampados, mudanzas, despois de deixar de ser a protagonista da miña propia vida... tiven que escoller un tema para o traballo final. Nunca fun rápida tomando decisións, pero sabía que falaría de recorrer cidades para inventalas, de buscar feridas entre o asfalto, de provocar que as rúas sangren para demostrar que seguen vivas.

Deriva: técnica de paso ininterrumpida a través de ambientes diversos. De como camiñar para reconquistar a cidade.

Rousseau camiñaba para inspirarse, fuxía das rúas, dicía, para reconciliarse coa natureza. Os dadaístas camiñaban negando a arte, e os surrealistas, facíano deixándose levar polo insconsciente. Walter Benjamin escribiu sobre os flaneur, e situou os seus melancólicos paseos nas decadentes galerías parisinas que se resistían a desaparecer.

Nos anos 50, no medio dunha sociedade hipnotizada polo consumo, un grupo de amigos liderado por Guy Debord, adicouse a camiñar inventándose os mapas. Cun recorrido prefixado, estaban preparados para saírse da ruta se algo chamaba a súa atención. Barriadas, periferias, casas abandoadas; se había un camiño para escapar das luces de neón, atoparíano. Debuxaron mapas imposibles porque todo era mutable, imaxinaron cidades para nómodas e reivindicaron as rúas par xogar nelas.

Parece ser que tamén nos anos 50, en Amsterdam, un movemento denominado provo adicouse a facer concursos para premiar a persoa que acumulase máis multas por consumir marihuana, a enchar a cidade de bicicletas brancas que colapsasen o tráfico. Parece que isto explica moitas cousas...

Pero as ganas de xogar foron desaparecendo. Agora Lara Almarcegui cataloga descampados, e Francis Alÿs camiña polo centro de México cunha arma ata que é detido. En Arxentina, Jorge Macchi recorre unha ruta elexida ao azar mentras recolle todo o que vai atopando ao paso, nesas mesmas rúas nas que os casos de asasinatos e roubos non deixan de multiplicarse.

E mentres, os ricos poñen pinchos diante das súas casas, e en Santiago axardinan (por dicir algo) a parte da estación na que os vagabundos pasaban a noite.

Di Vetusta Morla que hai esperanza na deriva. Quizáis debamos seguir inventándonos camiños e ignorando fronteiras; deseñando mapas nos que perdernos para atoparnos.


Ana Chouciño

A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.

linkedin.com/in/anagonzalezchoucino

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ana Chouciño A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.