O PP acusa o Goberno central de "ocultar información" a Galicia sobre os trens Avril

Insiste en que compareza a ministra de Transportes polo atraso na chegada a Galicia destes trens.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2022 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

O deputado galego e viceportavoz da Comisión de Transportes no Congreso, Celso Delgado, lembrou este luns que "está pendente" a comparecencia da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, polo atraso na chegada a Galicia dos trens Avril, despois de coñecer "a batalla" entre Renfe e Talgo e das manifestacións da secretaria de Estado de Transportes, a galega Isabel Pardo de Vera.

O deputado do PP, Celso Delgado, intervén nunha sesión plenaria, no Congreso dos Deputados
O deputado do PP, Celso Delgado, intervén nunha sesión plenaria, no Congreso dos Deputados | Fonte: Isabel Infantes - Europa Press.

Os populares galegos lembran que pediron hai dous meses tanto a comparecencia de Raquel Sánchez como do presidente de Renfe, Isaías Táboas, tras o incumprimento dos prazos anunciados polo Goberno central. Agora, pediron "seriedade" e insistiron en urxir explicacións unha vez que Pardo de Vera "xa confirmou que en 2022 non van chegar".

"Se realmente como di agora a número dous de Transportes, a construción dos trens empezou tarde, por que non se informou diso nas respostas parlamentarias?", preguntouse Delgado.

O PPdeG reprocha que o Goberno central foi fornecendo información aos deputados e á Xunta con datas que foron "sistematicamente incumpridas: primeiro, xuño de 2020; despois, principios do ano 2021; máis adiante, simplemente 2021, coa escusa do estado de alarma; e a principios deste ano sinalaron que sería no verán".

"Ocultouse información ao Congreso, aos gobernos autonómicos e aos medios de comunicación. Creáronse expectativas aos usuarios do ferrocarril e aos sectores turístico e empresarial que non se cumpriron", lamentou o parlamentario.

Celso Delgado sinala que "non é de recibo" que agora Pardo de Vera fale de "deficiencias do contrato" e de "tirarse dous anos en empezar a construción". "O Goberno central debe dar explicacións a todos os galegos e galegas, e deixar de desconectar Galicia", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta