Por ediSCQ - Ana Chouciño | Edimburgo | 29/11/2014
O tempo está nas nosas cabezas, e hai horas que nin sequera transcurriron. Pero que pasa cando as horas existen para logo desaparecer?
Na madrugada do 26 de outubro desapareceu una hora. Correron os segundos para logo arrepentirse e voltar atrás. E os trens, nesa hora máxica, detivéronse no medio da vía para borrar 60 minutos, detivéronse en ningures 60 minutos nos que nada podía acontecer. Eran conscientes eses viaxeiros do que estaban a vivir? Algúns durmirían sen decatarse do milagre, outros, pola contra, caerían na vertixe causada por tal acontecemento, pecharían os ollos con forza, encolleríanse e apertarían os xeonllos con medo a desaparecer igual que esa hora entre as 2 e as 3, entre as 3 e as 2.
Este parada absurda no medio das vías, digna de García Márquez contábaa Fernando Castiñeira no Facebook.
Que facer nese lapso condenado ao olvido. O sono parece algo demasiado estúpido, sería como perderse un eclipse de sol ou o paso do cometa. Quizáis debería escribir cando chegasen as 2, durante unha hora, para que o reloxo volvese ao mesmo sitio e as palabras aparecesen como o resultado dun feitizo. Por que non dicirllo a Francisco e compartir impulsos sen demasiado xeito, aproveitar a sorpresa e a falta de confianza para metelo nunha promesa da que nin eu estaba segura . Propúxenme manterme desperta; tomei un café, lin un rato, puxen unha serie.
Cando despertei eran as 5 da mañán, ou as 4? e doíame o pescozo de quedar durmida no sofá. Chorou o pequecho; Jordi durmía, acostárase cedo (últimamente mostra unha inquietante normalidade cando lle conto algunha destas iniciativas absurdas).
Mirei pola fiestra. Unha hora fora borrada e ninguén parecía alarmado. Xa facía rato que que o tren se puxera de novo en marcha como se nada tivese pasado. Xa facía rato que algún pasaxeiro abrira os ollos para decatarse, aliviado, de que todavía existía.
Esta é o que puido ter pasado durante esa hora, por Francisco Castiñeira: http://ningures.blogaliza.org/2014/11/12/a-hora-que-non-foi-relato-en-palavra-comum/
Ana Chouciño
A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.
linkedin.com/in/anagonzalezchoucino
Le máis artigos de Ana Chouciño aquí.