O abandono do campo galego está reducindo o hábitat das serpes autóctonas

En Galicia hai nove especies, sete son cóbregas totalmente inofensivas (a excepción do cobregón galego, de baixa perigosidade) e dúas son víboras, con veleno, pero que non buscan entrar en conflito co ser humano. Iso si, ante unha picadura, un experto recomenda non chupar nunca a ferida nin facer torniquetes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 26/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As serpes son un deses animais sobre os que pesa máis a lenda que a realidade. Ver un reptil de dous metros correndo polo campo, sen dúbida, causa o pánico en calquera, pero, como nos di un experto: "Se ves unha serpe grande, tranquilo, que entón non é velenosa, as velenosas de Galicia non superan os 60 centímetros, como moito". Da man de Pedro Galán Regalado, zoólogo experto en Herpetoloxía da Universidade da Coruña (UDC), vamos coñecer cales son as serpes que habitan en Galicia e a rachar con eses mitos que durante moito tempo van pasando de boca en boca ata semellar ser verdade.

Víbora fuciñuda
Víbora fuciñuda | Fonte: Arquivo

A nosa terra acolle a nove especies de serpes, das cales sete son cóbregas, seis delas completamente inofensivas; e dúas víboras, que son as que poden ter certo risco para a saúde humana. De feito, unha das sete cóbregas descubriuse hai ben pouco, pois non se sabía que contaba con presenza en Galicia. Trátase dunha especie moi rara e localizada, pois habita únicamente nos cañóns do Sil. O seu nome é cóbrega de Esculapio. E tal e como asegura este herpetólogo, é completamente inofensiva. A esta súmanse outras dúas serpes de auga, tamén completamente inofensivas, que aparecen en ríos e lagoas.

Logo hai dúas cóbregas lisas, de matogueira, con escamas moi suaves: a cóbrega de escada, moi emparentada coa de Esculapio, e a cóbrega bastarda, tamén coñecida como cobregón en Galicia. Esta último, comenta, "é o ofidio máis grande de Europa, pode chegar aos dous metros", de aí que asuste pese a ser inofensivo. En concreto, só vive na metade sur de Galicia, nas provincias de Pontevedra, Ourense e un pouquiño do sur de Lugo. "Esta si ten colmillos velenosos, pero situados na parte posterior da boca, polo que ten moi pouca perigosidade para o ser humano, o seu veleno non é moi virulento, senón que o usa para suxeitar ás présas das que se alimenta", conta o experto.

Así as cousas, podemos concluír que "as sete especies de serpes que habitan en Galicia non entrañan perigosidade humana ninguna, a excepción deste cobregón da zona máis cálida que ten un veleno pouco activo e que é raro que, ao estar na parte traseira da boca, o transmita, aínda que morda". Ademais, hai que ter en conta, como apunta Galán Regalado, que "todas as cóbregas son animais moi tímidos, polo que é moi difícil achegarse a elas, detéctanche e rapidamente escapan, o cal é extensible e unha característica común de todas as serpes".

Por outra banda, as dúas especies de víbora que si teñen veleno teñen os cabeiros diante, na mandíbula superior, polo que a súa mordedura si pode causar efecto nos humanos. Con todo, o experto puntualiza en que "son moi tímidas, e é moi difícil que unha persoa que nos as estea buscando chegue a velas, mesmo en zonas onde son abundantes, xa que ao menor sinal de perigo nunca se alonxan dunha zona de matogueira tupida, como uns zarzallos, para poder desaparecer se alguén se achega".

Víbora de Seoane
Víbora de Seoane | Fonte: Arquivo

Unha destas especies é sumamente rara, a víbora fuciñuda, una especie mediterránea máis propia do centro e sur da Península Ibérica, que en Galicia so conta con presenza nalgunhas serras do sur de Ourense. E logo a outra, a víbora de Seoane, que recibe ese nome na honra do naturalista galego do século XIX, Víctor López Seoane, si que é exclusiva de Galicia, e está presente no 90 % do territorio, tamén con algo de presenza no norte de Portugal e na franxa cantábrica, ata o País Vasco.

COMO DISTINGUIR UNHA ESPECIE VELENOSA?

Tal e como recomenda Galán Regalado, o mellor para distinguir unha especie velenosa doutra que non o é é buscándoa en Internet, "hoxe en día temos moitas imaxes". Por exemplo, a víbora de Seoane ten un debuxo dorsal moi característico, así que con vela unha vez en imaxes é moi fácil de recoñecer. Pero, "a diferenza máis notable entre víboras e cóbregas é que todas as que son inofensivas teñen a pupila do ollo redonda, e as que teñen veleno téñena vertical, como a dun gato", puntualiza o experto, que con todo lamenta que este rasgo só se ve en proximidade, e non é recomendable achegarse demasiado.

A DESPOBOACIÓN ESTÁ AFECTANDO AOS SEUS HÁBITATS

Aínda que pareza mentira, o ser humano non só afecta á natureza coas súas construcións, a súa incursión en hábitats naturais e a contaminación, senón que tamén o fai a través do despoboamento. "Estes animais precisan termoregular, expoñerse ao sol, xa que son de temperatura variable, o que comunmente se coñece como animais de sangue fría, e precisan da radiación solar para regularse, por iso en verán están máis activos, porque nun día nubrado de inverno non poden funcionar", explica o herpetólogo. Por iso, prefiren vivir en lindeiros, que veñen a ser eses bordes que hai entre matogueira e pradeira, para poder saír a quentarse á pradeira, pero poder rapidamente volver á matogueira se sinten perigo. Os bordes dos camiños, os muros vellos que acumulan musgo... son as súas zonas preferidas.

Hoxe en día, o abandono das tarefas agrícolas tradicionais fai que parcelas agrícolas que antes eran pradeiras agora sexan campos de silveiras pechadas e matogueiras, e as ladeiras que antes tiñan maleza agora sexan bosques de eucaliptos. "Esto é o que máis lles afectou, pois fronte ao que a xente poida pensar de que o abandono do campo e que todo se cubra de silveiras lles favorece, é todo o contrario, precisan de sol, de que a radiación solar chegue ao nivel do solo para quentarse", apunta Galán Regalado. De feito, durante moito tempo foron grandes amigas dos agricultores, pois como están adaptadas e especializadas en capturar pequenos mamíferos como ratos ou musarañas, evitaban os destrozos que estes provocaban nas colleitas.

QUE PODE PROVOCAR A PICADURA DUNHA VÍBORA GALEGA?

En primeiro lugar, hai que comprender que estes animais non se achegan aos humanos, máis ben fuxen deles. Tanto é así que en zonas onde son relativamente comúns hai moitos agricultores que non as ven con frecuencia. Precisamente, aí radica o problema. Ao ser tan raras de ver, cando aparece unha, o primeiro que moita xente quere facer é sacarlle unha foto ou que intenta collela, polo que o animal se defende mordendo. "Dos accidentes que eu coñezo a maior parte son porque a persoa lles botou a man e intentou collelas", asegura o profesor da UDC. De feito, a el mesmo lle pasou, así que sabe por experiencia o que é unha mordedura de víbora.

A súa principal recomendación é que, en caso de confirmarse que a serpe que che mordeu é unha víbora (porque a maior parte son cóbregas, totalmente inofensivas), se trate o caso como unha urxencia clínica, é dicir, que se acuda tan pronto como sexa posible ao hospital. "Os desenlaces fatais son extramadamente raros, case nulos, pero non hai que restarlle importancia á cousa porque doe moito, máis que unha picadura de vespa, e pode chegar a entrañar perigo", afirma. No centro médico evaluarán a cousa e, na inmensa maioría dos casos, nin sequera é preciso aplicar un soro antiofidio.

"O veleno das víboras europeas ten un efecto hemotóxico, o que orixina pequenos derrames, pero non neurotóxico; as serpes velenosas do mundo, como as mambas africanas, si que teñen un potentísimo efecto neurotóxico, provocando parálises moi severas", diferencia Galán Regalado. É por iso que no caso de mordedura por víbora galega, case nunca se chega a aplicar o soro antiofidio, porque "pode provocar reaccións alérxicas, anafilácticas, e ser peor o remedio que a enfermidade". De feito, a expansión do veleno é lenta, polo que da tempo de sobra a chegar ao hospital e que un médico evalúe a situación. Segundo os datos facilitados por este experto, os ingresos por mordeduras en toda España son entre 100 e 150 ao ano, e os desenlaces fatais son moi raros. 

NIN CHUPAR O VELENO NIN FACER TORNIQUETES

Nas películas sempre aparecen os típicos heroes que ante as picaduras de serpe salvan a vida do seu compañeiro chupando o veleno. Pero Galán Regalado explica que iso é algo que nunca se debe facer. "Hai que esquecerse deses remedios", advirte, pois "chupar pode ser moi prexudicial, e non vale para nada, non evita que o veleno se difunda e, se a persoa que o fai ten unha ferida na boca pódeselle infectar". Así mesmo, tampouco facer torniquetes é unha opción: "Unha persoa nunca debería deixar que lle faga un torniquete alguén que non sexa un especialista, porque non son eficaces, e o veleno distribúese a un ritmo tan lento que da tempo de sobra a ir a un hospital", asegura este experto.

Sexa como fose, o certo é que, como alerta o herpetólogo, os casos graves de mordeduras de serpes en España danse sobre todo nas grandes cidades, debido a exemplares de terrario, serpes tropicais e exóticas. "Non se deberían ter baixo ningún concepto aquí serpes velenosas, polo perigo que acarrean", advirte, pois "un médico xa me dixo que casos de picaduras de víbora de aquí apenas tiña, pero que lle entrara xente que tiña nun terrario na casa unha serpe de cascabel". Ademais, un escape ao medio destas especies exóticas pode ter consecuencias fatais: "En Canarias hai unha especie invasora de serpe, a serpe real California, que se alimenta da fauna autóctona, e aínda que non ten veleno, está depredando lagartos endémicos, especies que nas illas, ao ser ecosistemas moi fráxiles, están ameazadas". 

Un exemplar de serpe de escada
Un exemplar de serpe de escada | Fonte: CNP - Arquivo
Serpe bastarda retirada dun domicilio de Vigo
Serpe bastarda retirada dun domicilio de Vigo | Fonte: Vigoalminuto.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta