Por Moncho Mariño | Santiago | 10/01/2024 | Actualizada ás 13:33
A Fiscalía de Medio Ambiente anunciaba o pasado 8 de xaneiro que os pellets encontrados nas praias galegas presentan indicios de toxicidade. Con anterioridade, o día 4 de xaneiro abría expediente de seguemento da situación. As conclusións da Fiscalía de Medio Ambiente baséanse no “reducido tamaño destas bolas de plástico usadas para fabricar produtos plásticos que presentan indicios de toxicidade”. Os indicios veñen de que os pellets “non son biodegradables e non poden eliminarse” e por ademais “contribúen á contaminación por microplásticos e son un obxectivo da UE” para a súa eliminación. Ante esta situación e dado o contexto ambiental e xurídico do Estado e da UE, a Fiscalía decidiu tomar a iniciativa.
DANOS AO SER HUMANO?
O dano dos microplásticos na fauna mariña acabará nas nosas mesas cando comamos peixe, marisco ou calquera outro produto chegado do mar. É por iso que tanto asociacións ambientalistas como autoridades sanitarias consideran que, tanto nos produtos mariños como terrestres que consumimos, fan que as persoas introduzamos plásticos microscópicos no noso organismo.
“Os estudos recentes indican que a fauna mariña consume estes pellets ás veces confundíndoos con ovos de peixe ou doutras especies” di Ana Ferreiría, bióloga de Ecoloxistas en Acción. “O risco está en que isto elevarase nos estratos da cadea alimentaria chegando ao ser humano creando unha bioacumulación de plásticos nas células”. Freiría apunta aquí os diferentes estudos que se realizaron “sobre a acumulación de plásticos nos organismos e non só por consumir animais xa contaminados senón polo uso que lles damos, como son as botellas para a auga”.
Nas redes sociais comezou a circular unha hipotética composición dos pellets chegados a Galicia como: un concentrado de estabilizadores UV nunha matriz de polietileno. O significado é que estamos diante de pezas que serán usadas para fabricar materiais plásticos que levan engadidos químicos para evitar que a luz do sol (raios ultravioleta) degraden o plástico facéndoo máis resistente. Tamén as redes falaban de posibles prexuízos a mucosas e ollos.
Os principal motivo de preocupación é a entrada na cadea trófica e que acabe no ser humano. Todos os animais teñen un sistema dixestivo que ten ácidos para disolver os alimentos para seren absobidos polo seu corpo. Se isto é así, cando comamos peixe pasará ao corpo das persoas ou esa substancia estará xa “filtrada”? “Iso é o que nos preocupa mais non temos estudos” di Xando García, coordinador de Adega. “A lóxica di que cando comemos algo pasa ao noso organismo ou senón é eliminado polas feces e a ouriña, mais en que medida pode facelo o noso corpo, iso non o sei".
A Consellería do Mar responde que a inxesta accidental dos plásticos pode ocorrer directamente a través da alimentación dos peixes ou outros organismos mariños ao estar presente na auga e nos areais. "Non obstante, polo momento non temos constancia da mortalidade de peixes, aves ou outros animais pola inxestión dos residuos atopados no litoral galego". O peor dos escenarios sería a mortalidade de exemplares de fauna pola inxestión deste material mais Mar sinala que "polo momento non hai constancia de que se teña producido ningún caso". Á parte disto engaden que "non deberían ter incidencia nas persoas se estes residuos non son inxeridos directamente nin se introducen na cadea trófica".
ESTABILIZADORES
Xandro García apunta que “nun dos sacos atopados na costa podíase ler que un dos estabilizadores é o UV 9000. Desde Adega buscouse información e non se encontrou case nada, polo de agora descoñecemos o grao de toxicidade”. Con todo, navegando na Rede pódese encontrar este produto para evitar a decoloración en pinturas. Preguntado sobre se a Fiscalía actuou con precipitación, García di que non: “nós traballamos sobre a base que di a Fiscalía, que hai indicios de toxicidade e non acreditamos no que di a Xunta de estarmos diante dun plástico inerte”.
“É posible que levando estabilizadores estes pellets tarden máis en disolverse, aínda así, cando chegue o momento da disolución o problema dos microplásticos aumentará” di Ana Freiría. “Se é así, a toxicidade pode aumentar e os animais que os consomen poden morrer intoxicados”. “Uns plásticos poden ter máis riscos ca outros, mais non vexo moita diferenza” engade Freiría.
Desde o Colexio de Químicos de Galicia non se pronuncian aínda sobre a composición exacta e por tanto das consecuencias que poidan ter os pellets chegados á costa. Os motivos apuntados son a falta de información correcta sobre este produto. Si falan de que o concentrado estabilizador de UV é un aditivo “pero hai que coñecer a composición deste concentrado que se encontrou nas praias de Galicia” e desta maneira coñecer o grao de toxicidade do concentrado. Con todo, e até non se teña toda a información, o Colexio de Químicos de Galicia e os expertos en plásticos non se pronuncian.
Mar responde que en caso de realizarse un estudo: "o caso do estudo para determinar a composición exacta dos restos, recorreu ao Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), que analizou a cuestión e determinou que se trata de polietileno". Aínda así solicitouse un informe externo para determinar a composición exacta dos restos que apareceron nas praias galegas.
Así e todo, a Consellería do Mar, preguntada sobre que facer de encontrar pellets no peixe que se consome, o normal é que se aparecen nos peixes, estarían no seu estómago, polo que ao eliminar as vísceras xa se evitaría a inxestión por parte do consumidor. "Nese sentido é preciso ser prudentes e non alarmar á cidadanía pois pode derivar nun medo inxustificado ao consumo destes produtos lastrando a súa demanda e a actividade do importante sector pesqueiro galego. Debemos ter presente que do noso mar viven milleiros de familias e calquera imprecisión neste sentido pode facerlle un gran dano".
As consecuencias a medio e longo prazo poden ser diversas, as organizacións ambientalistas non se atreven a falar sobre canto pode durar a influencia desta vertedura. As hipóteses falan de décadas debido á resistencia do plástico á súa disolución.
DESDE O GOBERNO DIN QUE SON "INDETECTABLES NA AUGA"
A Delegación do Goberno sostén que os pélets son "un material indetectable na auga", o que imposibilita a recollida destes microplásticos dispersos no mar. Revelan tamén que a empresa naviera contratou a Ardentia, unha empresa de Cabanas especializada en salvamento mariño, para labores de procura. "A propia empresa, ao ver que é infrutuosa a procura de pélets no mar, abandona os traballos na auga e céntrase en terra", remarcan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.