“Vacacións non teño, pero non o digo con mágoa”, Hael Docampo, gandeira

De non gustarlle as vacas, Hael pasou a converter o trato con elas no seu proxecto emprendedor. A súa iniciativa dálle, ademais, continuidade a unha tradición familiar que vén do ano 1870 en Castroverde. Coñecemos a súa historia.

Por X.M. Fernández | Castroverde | 27/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hael Docampo Sánchez é unha moza emprendedora que vive e traballa en Castroverde, concello no que ten unha explotación gandeira. Dedícase principalmente ao vacún aínda que tamén está introducindo gando ovino e caprino.

Hael Docampo, gandeira. Foto cedida por ela.
Hael Docampo, gandeira. Foto cedida por ela.

A gandería vénlle de tradición familiar ata o punto que sitúa o nacemento de Gandería Docampo –nome comercial da explotación-- no ano 1870. Recoñece a nosa interlocutora que era máis de animais que de gando, pero co tempo coidar del converteuse na súa paixón. E o feito de falecer o seu pai fixo que se puxera ao fronte do proxecto tirando con ilusión para sácalo adiante e amplialo.  Sempre sen saírmos dun xeito tradicional e dunha produción sostible e respectuosa co medio ambiente”, afirma Hael.

De Castroverde de toda a vida?

Non, nacín na capital. Aquí chegamos cando eu tiña 8 anos, meu pai non sabía vivir sen animais, e os pastos aquí eran moi produtivos. Supoño que dalgún xeito viu aquí en Castroverde un Edén para o gando. E de feito éo.

Gústache o campo e o gando dende pequena?

Hael cun boi. Foto cedida por ela.
Hael cun boi. Foto cedida por ela.

Dende pequena gústanme os animais pero non o gando. Meu pai estaba empeñado en lerme libros de morfoloxía de vacún, por vez de contos, e eu tíñalles ata rabia. Eu quería cans e gatos, non vacas. Co tempo iso foi cambiando, ata converterse na miña paixón.

Teus pais, avós e bisavós dedicábanse xa á gandería? Cóntanos.

Si. Isto vén dunha tradición familiar moi longa meus bisavós e o meu avó eran tratantes, dedicábanse a exportar gando de Portugal para España. Traían uns animais extraordinarios, teñen levado ata premios dos que conservo os trofeos. E meu pai tamén, dedicábase á compravenda, e facer bois, en especial traballaba coa raza frieiresa.

"Isto vén dunha tradición familiar moi longa meus bisavós e o meu avó eran tratantes, dedicábanse a exportar gando de Portugal para España"

Gandería Docampo nace para continuar esa actividade?

Gandería Docampo en realidade, naceu xa no ano 1870. Nós queremos darlle continuidade a unha actividade que nos representa e onde atopamos a nosa identidade.

Cando comezades co proxecto e con que obxectivos principais?

Comezamos en serio nisto unha vez que meu pai enfermou de maneira repentina. Antes xa tiñamos proxecto pero foi a súa enfermidade o que precipitou todo. El antes de morrer fíxome prometerlle que lle coidaría os animais. Ao principio a miña idea era só manter todo sen ir a pique, pero agora estamos pensando en ampliar para seguir producindo en maior escala, lechazo, cordeiro, cabrito, tenreiros, bois capados. Sempre sen saírmos dun xeito tradicional e cunha produción sostible e respectuosa co medio ambiente.

"El antes de morrer fíxome prometerlle que lle coidaría os animais"

No plano económico e /ou persoal está sendo duro arrincar e colocarse no mercado?

Os comezos sempre son complicados, sobre todo no tema da ovella, xa que non tiñamos unha andaina previa. E ademais, en Galicia a cultura do ovino é moi peculiar alén de escasa. E ata que dás a coñecer a túa marca, costa atopar novos clientes que queiran probar; e no caso do cordeiro, que saiban valorar o produto.

Foi difícil que se adaptara nestas terras a ‘ovella churra castellana’?

Moito, a ovella churra e unha raza que vén dun clima seco, e o cambio a Galicia foi un golpe moi duro para os primeiros animais. Houbo momentos en que pensei en tirar a toalla porque cheguei a perder a metade da cabana, ademais as experiencias previas que tivera a xente coa churra aquí eran case todas nefastas. A única persoa que creu nisto foi outro gandeiro de Zamora, o que me animou a continuar. É ao que lle debo en parte este éxito, xa que hoxe por hoxe aquí estamos. Creo que temos a raza bastante callada en Galicia e está funcionando.

Por que teñen tan boa saída comercial tanto a vaca frieiresa como a ovella churra?

Pola calidade da carne, son manxares. Unha vez proba, a xente repite. Non digo que non haxa outras carnes igual de boas, pero sen dúbida estas están entre as mellores.

Tes claro, logo, que para sobrevivir na gandería actualmente hai que poñer no mercado carne de alta calidade?

Non, non necesariamente. A calidade por suposto que é un plus. Podes traballar en diferentes nichos de mercado, ten que haber variedade e oferta para todos os petos, é necesario que así sexa. Nós optamos por unha liña de selecta, produtos de alta gastronomía ao alcance do consumidor.

Como se leva, sendo tan nova, compaxinar o coidado da explotación con facer vida social, vacacións e gozar doutras afeccións?

Bueno, este punto no meu caso non compaxina. Vacacións non teño pero non o digo con mágoa, tampouco as anhelo. Non cambiaría a miña vida diaria por outra. E a vida social que temos é principalmente coa xente do sector, formacións, feiras, e outros eventos. Fóra diso, algunha comida coa familia ou visitas de amigos. Non hai tempo para máis. Os animais comen os 365 días do ano e 1 máis se é bisesto.  

"Vacacións non teño pero non o digo con mágoa, tampouco as anhelo. Non cambiaría a miña vida diaria por outra"

Algunha raza máis a incorporar no futuro?

De momento non creo, se non o manexo sería moi complicado para seguir criando en pureza e mellorando xeneticamente, que é unha das nosas máximas.

Tendo en conta que hoxe a xente nova non tira moito polo rural nin pola gandería... Como animarías á mocidade a emprender neste tipo de proxectos?

Ten que ter vocación, penso que o éxito está moi ligado a canto esteas disposto a sacrificar para telo. Neste caso, e en todos... pero este especialmente non se trata só dun proxecto, é un estilo de vida que na maioría dos casos non obedece a horarios. Se botas contas no número de horas que invistes e o relacionas cos beneficios a conta sae un pouco mal parada. Se polo contrario non che importa investir tempo o balance final é mais positivo. Non falo estritamente do económico, gañas tamén en calidade de vida. A fin de contas, na aldea podes ter hoxe case todo o que tes na cidade, no caso contrario, nas urbes moitas cousas do pobo non teñen lugar nelas.

Gando da Gandería Docampo nun prado. Foto: Hael D.
Gando da Gandería Docampo nun prado. Foto: Hael D.
Ovellas de Gandería Docampo. Foto: Hael D.
Ovellas de Gandería Docampo. Foto: Hael D.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta